Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Moradores da memoria

miércoles, 14 de enero de 2015
Este Nadal estiven saudoso, morriñento e quizais por iso fun á procura dos poetas porque sei que sempre son capaces de erguerme dicíndome cousas novas nos mesmos versos que me repoboan de ideas e de soños para a vida.

Un dos poemarios que volvín ler con máis atención e intensidade foi o de “Remitencias” de Xosé Lois García que con gran coraxe percorre as ruínas da súa infancia (anegada polo encoro de Belesar) para eternizalas en fotografías e versos. É un libro de emocións, de tristuras e resistencias en pedra inerte espida de todo o que foi lar. É unha derradeira viaxe a esa nada que foi todo e que o poeta rescata para a eternidade aboiándoa en emocións.

En Porto (Ribas de Miño, O Saviñao) o poeta considérase un exiliado e lembra os nomes de cando a súa terra foi vida. En Castro Candaz (Pedrafita, Chantada) intensifícanse as emocións do poeta no amor e no combate contra aqueles “sátrapas” que destruíron vida en nome de “falsos progresos”. Castro Candaz é unha desolación que ten culpables sinalados por Xosé Lois con voz firme e sen medo.

Son estas dúas as estacións intensas pola proximidade ao poeta de Merlán (Chantada), que se desborda nas emocións compartidas co curso do río polo que viaxa en memoria ergueita. No curso da auga o poeta identifícase con cada perda, con cada vida asoballada, con cada lar que xa non será lume denunciando que non só foi lume! Senón tamén vida, ilusión, porvir...

Canto máis as leo máis seguro estou de que, despois da reflexión, as “Remitencias” de Xosé Lois García piden acción porque constitúen unha auténtica ruta polo patrimonio anegado, pola nosa historia e pola nosa identidade. “Remitencias” é un convite a educar a pé de historia e de identidade visualizando e sentindo como os nosos devanceiros e a prometernos non claudicar ante o despotismo podre do gran capital.

Moitas veces unha ruína e un poema pode ensinarnos a loitar, a non ceder e sobre todo a coidar o medio herdado que, por riba de nós, pertence ao porvir das xeracións. Aquí está a vontade pedagóxica do poeta ao rescatar, en verbas e imaxes, todo o que foi lar e pobo para arengarnos a non ser pacientes co que perdemos ou a loitar sempre polo que é noso.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES