Na honra da cultura e de Francisco Piñeiro
Polo visto, cando aínda non existían os espazos de máis audiencia e mellor pagados de certas emisoras de radio, as notas necrolóxicas, o

primeiro que facían os curas de aldea polas mañás era abrir a ventá do seu cuarto e escoitar a ver se soaba a morto algunha campá dos arredores
coa fin de irse programando con tempo.
Estoutro día eu tamén abrín coa fin de que se fose ventilando a habitación e nisto escoito que me chega no vento do lado da Mariña un murmurio: -O teu amigo Francisco Piñeiro anda argallando con outros a celebración dos cen anos da escola de Vilaestrofe.
Contesteille ó vento; -Non che me extraña nadiña, porque é un argalleiro de moito pendello, sempre movido por ansias culturais e altruístas. Que fermoso! Cen anos dunha escola! Cantos fillos e netos sentirán fachenda da nai que os enxendrou a saber ler e escribir, ás catro regras e, sobre todo, a aprender a andar polo mundo. Un deses fillos é o meu compañeiro de Seminario de Mondoñedo, Ramón Saá Echevarría, que hai sesenta anos choraba no cursiño de ingreso; porque tiña medo a non saber contestar como é debido nos exames, porque eran en castelán. A culpa ben sei que no era da escola, senón de quen impoñía a vergoña do noso e fachenda do alleo. Que orgullosos se sentirán os pais desa escola, emigrantes e veciños que quixeron liberar de xugos escravizantes ós seu fillos mediante a cultura redentora!
Seguíu o vento: -Non llo digas a naide, pero algúns amigos téñenlle preparada unha sorpresa a Piñeiro. Pensei que che gustaría sabelo por se podes ir o sábado. Isto non é un enterro. É unha festa!
Despois de debullar os ollos pra acabar de espertar respondinlle: -Paréceme que non poderei ir e síntocho ben, pero se me é posible, fágome presente dalgún xeito.
Baixando a voz o vento, e velándose de que non o escoitase ninguén máis, bisbiseoume ó ouvido: -Vai Xulio Xiz.
-Pois xa está!- dixen eu en son tan forte que, se non estivese xa ben esperto, espertaríame de vez-. Xulio vaime prestar a súa voz unha vez máis pra dicirlle a Piñeiro: -Amigo, aguanta co que che toca. O que as fai, págaas. Graciñas por todo o que levas feito polo noso pobo, polo noso teatro e pola nosa cultura en xeral e, por se non cho podo dicir máis adiante, graciñas tamén polo que aínda has de facer
Ai!, e graciñas tamén por terme, tanto ti coma a túa muller, entre os vosos amigos.
Hai costumes que non se deben perder coma por exemplo: o de escoitar o vento polas mañás antes de acender a tele.