Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Belén de Begonte: Un curruncho de Luz

lunes, 05 de enero de 2015
Cubría a brétema a paisaxe da Terra Chá cando íamos de camino a Begonte, namentras pasaban tamén pola miña mente as néboas de cada día de tantas xentes da nosa bisbarra; persoas que viven silenciosamente inxertadas en permanentes borraxeiras sometidas ao paro laboral, manténdose a súa familia de pequeñas axudas para ir tirando, na busca da dignidade e o respeto humano. Xentes deseosas de atopar unhas luceciñas, unha lumiera que escorrente as escuridades nas que bogan no treito da vida.

Era o meu destino chegar a un lugar onde, por espacio dun tempo, puidera encherme de luz e de esperanza para logo poder levala a estas xentes como agasallo de Nadal.

Paseniñamente encaramos a beira do rio Ladra que con moita presa camiñaba para arroupar ao Miño. Entre tanto ía abrindo o día puidemos albiscar o noso destino: O Centro cultural D. José Dominguez Guizán. Alí nos agardaba un tesouro gardado durante corenta e tres anos e que cada Nadal retorna á vida como una gran luz que nos ilumina irradiando a todos os que visitamos o moi coñecido Belén de Begonte.

De súpeto puiden esquecer alí as brétemas que me acompañaban incrustadas no meu interior e puiden tamén descubrir de novo que é posible carrexar ó presente a vida e a historia deste Belén.

Todo este milagre se fixo posible cando, nun alpendre, naceu o Fillo de Deus para traernos luz: eramos un pobo que camiñando nas tebras.

Deste nacemento podemos disfrutar da armonía que, coa convivencia de cada dia, podemos acadar os humanos. Tamén ao mesmo tempo se poden valorar os oficios artesanais que noutrora foron agasallos para enriquecer a nosa terra e que moitos deles se foron perdendo co paso do tempo. Faise presente a vida cotiá e sinxela da xente traballadora: os ferreiros, serradores, carpinteiros, zoqueiros, muiñeiros, lavandeiras…

As imaxes do Belén lembrannos tamén valores que se foron perdendo polas presas da sociedade actual. As luceciñas das casas préndense con moito sosego, alí os homes e as mulleres comparten as historias, os manxares…: unha lembranza ás xuntanzas das xentes que tiñan lugar nas noites de inverno, durante a matanza dos porcos, ou ben na recollida do millo, ou tamén nos velatorios. Eran tempos de compartir, de veciñanza, da vida en familia.

O centro desta representación está no portal de Belén. As imaxes da sagrada familia invítannos a percibir a súa mensaxe. Xosé e María non atoparon lugar onde puidera nacer Xesús, mais a pesar diso sábense felices e saben tamén agradecer as viandas que lles ofreceron os pastores.

Nunha gran mensaxe, é o neno Xesús o que nos está a dicir que é posible un curruncho de luz e de esperanza se contamos coa solidaridade de todos e que podemos ser felices dende a humildade persoal. É esta mensaxe a que contrasta coa que transmite Herodes, aillado no seu Castelo, onde somentes pensa en sí mesmo e a soberbia se fai presente.

Todo ísto pasa mentres nas montañas, cubertas de folerpa e agardando o calor das estreliñas, corren en liberdade moitos animaliños. Máis abaixo son os peixes no río os que cantan ao neno Deus e os Reis peregrinos buscan a estrela que os guiará ao Salvador.

É ben certo que neste Belén existen dous grandes luceiros que moven todo este mundo feliz, levan o nome do pai de Xesús: José. Os dous promotores deste gran Belén, José Dominguez Guizán e José Rodriguez Varela, seguen mantendo este lugar de sosego e de paz.

Un ano máis, en Begonte, atopei un recuncho de luz que me permitíu levala a toda a xente das brètemas da vida.
Graciñas, Belén de Begonte.
Escourido Basanta, Xosé Román
Escourido Basanta, Xosé Román


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES