Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Portomaior 1936

viernes, 02 de enero de 2015
A escrita toda do noiés Xerardo AgraFoxo (Noia, 1952) orbita arredor de dous grandes eixes; a saber: o relato histórico e a ficción novelística. Da intersección de ambos naceron narracións como Unha viaxe no Ford T (Galaxia, 2004) ou O violinista de Malá Strana (Galaxia, 2008), obras nas que o peso do contexto e dos sucesos históricos é determinante na configuración do periplo persoal dos protagonistas.

E outro tanto podería dicirse da recente A maleta de Victoria Kent (Galaxia, 2014), relato que moito lle debe aos ben amplos coñecementos que como profesor de Historia atesoura AgraFoxo.

En efecto, A maleta de Victoria Kent preséntanos a aventura dun sindicalista, Liberto, que participou activamente na rebelión do Protectorado de Marrocos, acabou recalando na Galicia que padeceu o golpe de Estado militar do 36 e sufriu a persecución que pola súa condición de anarquista exerceron contra el os sublevados falanxistas.

Mais o relato de AgraFoxo agocha outros valores, pois alén da propia peripecia de Liberto e o que nel hai de novelización do represaliado histórico Xosé Romero Tobío, A maleta de Victoria Kent é un notable exercicio de reconstrución de atmosferas, sucesos miúdos e vida cotiá, pois se as grandes liñas do acontecido estaban xa marcadas pola documentación manexada polo escritor, este tivo que (re)crear todo o ambiente familiar, os procesos de pensamento e as reaccións da súa contorna que puideron explicar e dar verosimilitude ao final que se desencadeou. Aí, nesa precisa reconstrución do edificio ‘interior’ dos feitos descoñecidos do relato histórico documentado é onde reside, ao meu ver, un dos maiores logros desta obra.

Doutra banda, a novela de Agrafoxo é asemade unha narración do colectivo e do individual, pois tanto nos mergulla nos episodios clave da loita do Protectorado ou dos republicanos e os nacionais nas rúas da Coruña coma relata as conversas e temores dos que viviron con intensidade ese tempo de folía insá.

Meritorio, igualmente, foi o labor de atrezzo narrativo fundindo nun só concello, Portomaior, dous municipios reais, Noia e Lousame, e conseguindo facer crible o día a día da vida deses espazos e o decorrer neles dos seus individuos, tarefa que moi poucos poderían levar a cabo coa mesma solvencia, pois non en van AgraFoxo investigou a fondo ese momento histórico nesa bisbarra concreta nos tres volumes que compoñen o referencial A Guerra Civil en Lousame e Noia (1993, 1995 e 1997), de onde bebe, directamente, todo o substrato contextual no que se desenvolven os personaxes da novela.

Antes de rematar quero aclarar para quen a este libro se achegue que o título alude, xaora, á célebre Victoria Kent Siano (Málaga, 1889-Nova York, 1987), quen fora no seu día nomeada polo presidente da República, Niceto Alcalá-Zamora (Priego de Córdoba, 1877-Bos Aires, 1949) como Directora Xeral de Prisións. E aínda que ela non é o cerne presencial da novela, si que o é o seu exemplo nun outro responsable carcerario que ten non pouco que ver co que no relato acontece.

A maleta de Victoria Kent é un exercicio de virtuoso xunguido do puramente histórico e a aventura dun individuo no que é doado recoñecer as inxustizas ás que se veu condenado e, polo mesmo, o proceso de identificación e a empatía que a súa circunstancia esperta é inmediata no lector, quen seguro que non poderá evitar ficar impactado co remate desta intensa novela, chea de diálogos reveladores e descricións memorables.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES