Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un Deus desconcertante e sen asesor de imaxe (e II)

jueves, 01 de enero de 2015
Cando todo un Deus Omnipotente foi febleza aterecida, froito das limpas entrañas da inmaculada María, antes pobre ca raíña,-pobre de Yavé-, non houbo tronos nin relampos, nin redobres de tambores, nin toques de tubas e trompetas, nin recepcións oficiais, nin case nada do que habería se en vez de nacer o Deus que nos fixo á súa imaxe nacese un deusiño feito á nosa imaxe.

Só sospeitaron que pasaba algo, tan natural que por iso mesmo podía ser sobrenatural, uns pobres pastores criados de ricos non pastores que pasaban a noite á ventimperie e que, por non ter, nin tiñan portas que os gardasen; porque tampouco nada tiñan que gardar. Eran eles os que gardaban os rabaños cos que engordaban os seus amos e señores, -falsos pastores-, desde o fachendoso emperador de Roma ó mequetrefe Herodes, prototipo de corruptas marionetas manipuladas polos fíos das ansias de poder.

Andando o tempo, para axudar a comprender que aquel nacemento tivera moito de especial dentro da sinxeleza, contouse que uns anxos, en son moi apracible, proclamaron a gloria de Deus no ceo e a paz na terra prás xentes de boa vontade. Os de mala vontade xa renuncian eles mesmos a viviren en paz, pois prefiren a xenreira.

Aqueles anxos, históricos ou teolóxicos, só puideron ser escoitados polos que non tiñan portas, porque os que as tiñan estaban polo lado de dentro ben abrigados en aposentos acolchados onde non é doado escoitar case nada do que pasa fóra.

Por iso non se decataron de que do outro lado Deus choraba con bágoas de neniño por todos os neniños que, por non ter, nin bágoas teñen, nin, ás veces, quen chore por eles.

Como os que temos portas acostumamos a pechar cedo, por se acaso, tampouco os do lado de dentro souberon palabra dun home con cara de pai angustiado nin dunha muller con cara de dores de parto que andaran ó solpor pola vila pedindo casa cuberta pra Deus, sen atopala, porque, por mor dun reconto de posibles contribuíntes, non había lugar nas pousadas de Belén nin pra pobres nin pra Deus. Nin uns nin o Outro son contibuíntes que interesen a pousadeiros que negocian ata co frío.

Cando se foi sabendo que Deus, burlando meticulosas programacións e requintados protocolos, nacera tan pobremente que só o souberan uns poucos, houbo broncas e dimisións forzadas de inferiores non culpables pra salvaren a superiores culpables, pero, coma sempre, as dimisións chegaron tarde.

Aínda é hoxe o día en que hai monseñores de amplos roupaxes e chamativas filacterias que non acaban de entender que o feito de nacer tan pobremente foi con toda a intención de que os pobres non se acomplexen de selo e se poidan achegar a El con confianza, sen necesidade de pedir audiencia nin de insubstituíbles pontífices.

O que son as cousas. Ata houbo quen quixo facerlle cargar coa culpa de non ser ben recibido ao mesmo Deus por non aterse ós protocolos dos humanos e non faltaron piadosos de toda a vida que dixeron: “Pois, xa que logo, que se fastidie. Eu deixo de crer. E, en lugar de celebrar o Nadal, limítome a celebrar as navidades e o papánoel ese e todos os sucedáneos do que foi e se quere que non sexa”.

E cando no descanso dun baile benéfico, que desgrava na declaración da renda, un lle dixo a outro: “Non deberas tomar a cousa tan a peito, non ves que crer aínda che pode servir para algo se cambia o réxime?”. Respondeu: “Dunha cousa así, avísase, pardiez!; porque, se soubésemos quen eran os que andaban pedindo pousada pola vila e que aquela pobre muller estaba a piques de dar a luz, poñeriamos á súa disposición a "suite" de hóspedes e o meu propio xinecólogo particular. Co seu silencio deixáronnos en ridículo. Que dirán de nós as xeración vindeiras?”

Despois de moitos anos penso que a historia repítese, pero parece que non, porque agora as pechaduras xa non valen. O papánoel ese sobe coma un sapiño polas paredes arriba e entra polas chemineas e tras del vén a única felicidade salvadora, a do ter e o espírito do nadal on line.

É entretido ver ano tras ano o espírito do nadal flotando sen afogarse en burbullas de cava.

Os que aínda hoxe non teñen portas con trancas seguen celebrando do lado de fora a xenialidade dun Deus que se fixo solidario dos pobres. E celébrano, se poden, con algún diferente á mesa; por exemplo: figos pasos, algo de carne e, se cadra, leite e incluso turrón. Os do lado de dentro tamén celebran que os do lado de fóra por fin tamén poidan celebrar grazas a declaracións universais de dereitos humanos que eles xenerosamente lles outorgan, e fano tamén con algún diferente á mesa; por exemplo: angulas, caviar, e caldos gran reserva, pagados, na súa maioría, con tarxetas opacas, ou réditos de preferentes, ou tráfico de influenzas.

Por mor de respectar a quen non sempre respecta e de non ferir susceptibilidades, tamén hai quen celebra sen celebrar nada, ou sen saber o que celebra, ou con moito coidadiño de que non se sospeite que está celebrando un acontecemento relixioso, ou envolvendo en agresividade o que outros celebran con amor, ou dándose de baixa do que xa hai tempo que non estaba en alta, ou tratando de retrógrados ós que din que fe e cultura non se contrapoñen, ou acusando de usurpadores ós que celebran o nacemento de quen pra eles é “Luz do mundo” nas mesmas datas en que outros celebraban o nacemento do “Sol invicto”, ou…

Sería moi inxusto e ata demagóxico non recoñecer que tamén segue habendo quen sabe o que celebra e por que celebra e, incluso, sofre persecución por celebrar e quen sabe mesmamente que ninguén pode celebrar en solitario, porque celebrar é compartir, sobre todo cando se celebra que todo un Deus comparte con nós humanidade.

E tamén agora, coma daquela, só pode nacer a paz e o ben en corazóns abertos sen portas que os pechen, e pola contra, nos corazóns pechados ó amor non nace Deus, nin o ben, nin a beleza.

E tamén hoxe os atafegantes protocolos disecados de leguleios teóricos seguen matando o espírito, como xa dixo San Paulo, e impoñéndolle directrices ata ao mesmo Deus.

Agora, coma daquela, o Deus feito home para ensinarnos a vivir na verdade, na irmandade e no amor, segue sendo ¡sinxelamente xenial! Só un Deus tan radicalmente xenial pode merecer ser celebrado por séculos de séculos. Só un Deus sinxelamente xenial pode seguir dicindo: Non ousedes celebrar o meu Nadal con froitas de fantasía guindadas en árbores de mentira mentres lles negades unha mazá a neniños que choran esfarrapados en calquera cortello, en calquera cova ou en calquera rúa.

Que o aninovo tamén poida ser feliz para eles e para todos como froito de entender e vivir o Nadal.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES