Un ano e moito máis
Blanco Torrado, Alfonso - martes, 30 de diciembre de 2014
Hai eventos que non encaixan no curso cronometrado dun ano, que rebordan estes cálculos e xermolan con máis pulo días e meses despois, adoita acontecer como nas sementeiras que non se adaptan a el ata madurecer, máis ben están infuidas polo calendario luar.
Ven a conto, pola experiencia que estamos a ter co Ano Díaz Castro que sospeitamos que entrou con tanta enerxía, porque nace na Academia Galega, o 21 de xuño do 2013, no solsticio de verán, cando o sol alumea con máis forza.
E estou a escribir estes apuntes na volta dun acto dedicado a el en Celanova, e suma e sigue, pois xa se aveciñan outras celebracións no 2015 en varias comarcas. Díaz Castro medía o tempo de Parga a Pastoriza, das feiras desta vila ás festas da contorna máxica do San Alberte, na Pastoriza, cando remataban as segas e o traballo do monte, e as e os labregos festexaban o froito do seu esforzo
Adiviñaba os saloucos dos días, pois viviu en consonancia coa Nai Terra, harmonizando os seus soños coas estacións do ano. A decisión da Academia sirveu para valorar este sentido de gozar do tempo, e o manancial de Díaz Castro non se esgota, segue a enchoupar coma os nosos ríos a agra sociocultural, cunha lentura que inza para sempre en froitas.
Xermolos recoñece esta seitura alongada coma Letras sempre, e xa está a saborear De Díaz Castro a Avelino Díaz no Pedregal de Irimia, e de Díaz Castro a Manuel María en Penas de Rodas, ámbas as duas xeiras a comezos do outono, e antes moitas outras singraduras noutras tantas comarcas, celebrando as e os escritores das Mariñas, do Deza, de Arousa
O 17 de maio foi tan vizoso, que se reproduciu en ducias de novas iniciativas que seguen a abrollar: a Festa da Fala no San Alberte, a Festa da Música e da Poesía pola Santa Icía, o Certame escolar de creación audiovisual, implicando as ducias de colexios que nos agasallaron con novos recursos didácticos transmitindo a emoción do poeta, que van contaxiar cada ano na Mostra audiovisual da rapazada.
Díaz Castro achegou a creación, e as e os artistas que hai en nós propiciaron o soporte axeitado para espallala no sucesivo. Racharon moldes, e por primeira vez, en 50 anos, a Festa das Letras, salta os valos institucionais e inza a cachón coas voces, as mans, os pés, o inxenio de novas fornadas de intérpretes e lectores das esencias do pobo.
Foi esta harmonización de vontades: escolares, mestras e mestres, colectivos, grupos de música
, a que permite esta comunicación interxeracional dende o leito da obra do noso bardo: o herdo que recibimos dos devanceiros. Díaz Castro cantou as raíces e as criaturas sinxelas que conviven con cada unha e cada un de nós, dende a herba pequerrechiña ata o pai sol, arrequecendo a nosa existencia.
Grazas a el incrementamos a nosa autoestima coma galegas e galegos.

Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora