Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alegría pola nosa familia

martes, 30 de diciembre de 2014
Festa da familia en Teixeiro (Lugo), o 28-12-2014:

Nesta festa da Familia, a miña intervención ten por obxectivo destacar tres ideas que, de seguro, compartimos: Unha invitación a dar gloria a Deus pola nosa familia, con lembranza e gratitude aos que conformaron e conforman a nosa familia; en segundo lugar, a constatación de que a familia é necesaria, tamén para transmitir a fe cristiana, e de que a familia se forma e constrúe cada día; e, en terceiro lugar, unha chamada a ser eficazmente corresponsables das necesidades que sofren moitos cidadáns, mesmo veciños.

1.- Sentimento de gratitude.
Non podemos lembrar o momento do noso nacemento, pero sabemos que fomos bebés indefensos, absolutamente dependentes de nosa respectiva familia. Lembramos a nosa infancia e xuventude, e sabemos que dende moi cativos gozamos dun fogar acolledor, case sempre sen cartos pero acolledor.
Foi nese fogar onde por osmose, sen necesidade de prédicas, asumimos a vivencia do cariño e respecto mutuo, a vivencia do esforzo en traballar e do tino en rexer o pouco que se reunía.

Foi nese fogar onde con sensatez nos deixaron ir marchando, onde tiveron a valentía de respectar a autonomía do rapaz que empezábamos a ser.

Sabemos que sen o cariño e o apoio de nosos pais a vida non tería sido como foi, e sabemos tamén que agora o noso fogar, a nosa casa, é un lugar indispensable para estar e sentirnos cómodos, porque nel está esperándonos a persoa querida e porque a él veñen e séntense a gusto os nosos fillos; sen nada extraordinario, tan só o cariño e acollida que son o máis extraordinario que hai.

Por iso compartimos todos un sentimento, o de gratitude a nosa respectiva familia, pola que debemos render tributo, honor, veneración e gloria a Deus, porque grazas a El e a súa infinda bondade podemos gozar da nosa respectiva familia. ¿Cómo non agradecer y dar loanza a DEUS por iso?

2.- Unha reflexión.
Tendo experimentado cada un de nos na nosa respectiva familia que o ambiente familiar inflúe de maneira decisiva na nosa personalidade, e sabendo que as relacións entre os membros da casa determinan valores, afectos, actitudes e modos de ser que os nenos van asimilando dende que nacen, proclamamos que a vida en familia é un eficaz medio educativo ao que temos que dedicar tempo e esforzo.

O labor educativo dos pais é insubstituíble. Sexa como sexa, a familia ten unhas funcións educativas e afectivas moi importantes, porque o comportamento dos fillos é aprendido no seo da familia.

O ambiente familiar positivo e construtivo dunha familias propicia o desenvolvemento adecuado e feliz do seus nenos, mentres que se as relacións inter-persoais nunha familia non se viven de maneira amorosa provocan que o neno non adquira de seus padres o mellor modelo de conduta ou que teña carencias afectivas importantes.

Por iso é necesario dicir moi alto e proclamar sempre que se poida, e tamén neste acto, que o labor dos pais é necesario.

Os pais temos que saber que non é suficiente que os nenos participen nun Colexio, porque o labor educativo dos pais é absolutamente indispensable. Os pais temos que saber que o éxito dos profesores no colexio dependerá en boa medida non só do apoio que reciban dos pais, senón da propia labor educativa dos pais.

Os valores éticos, o respecto a todo ser humano, o valor de tentar vivir en harmonía con un mesmo, cos demais, con Deus, e mesmo coa natureza, o valor da honestidade, do esforzo, da austeridade ou saber vivir dentro dos límites da nosa posibilidade; todo isto, que tan necesario é, apréndese no fogar; na coherencia do fogar. Se no propio fogar se vivencia o engano ou o emprego de medios a-legais ou mesmo ilegais para gañar sen xustiza, sexan subvencións, axudas, pensións, mal poderá agardarse milagres educativos.

3.- Unha meta permanente.
Deus, que é infinitamente bo e xeneroso, deunos a vida para ser felices; e para gozar felicidade danos a oportunidade de quere-lo e senti-lo cerca de nos; a felicidade será plena cando poidamos experimentar a súa presenza sen as limitacións de espazo e tempo desta vida terreal.

Temos a sorte de experimentar esta crenza sobre os designios de Deus, e co noso xeito de vivir debemos tentar sexa posible que tamén os demais poidan experimentar igual crenza. Con respecto aos pareceres discrepantes, sen necesidade de cruzadas cruentas nin fanatismo relixioso, porque a fe e un regalo de Deus, e, polo tanto, nin é razoable censurar a Deus porque moitos non teñan recibido tal regalo divino nin tampouco somos quen de xulgar se outros tiveron nas súas mans acepta ou rexeita tal regalo.

Sendo a fe un don de Deus, precisa ser acollido, e nesa acollida a familia ten un papel fundamental. Sen ambiente familiar de acollida ao regalo de Deus, non será doado que a fe poida xerminar. Deus fíxose carne da nosa carne na persoa do Fillo para salvarnos e que o sentíramos cerca, a nosa veira, pero a maioría dos seus contemporáneos non percibiron a súa mensaxe nin o viron como Fillo de Deus. Fai falla, pois, un ambiente de acollida, sendo a familia o factor máis relevante.

Non hai nada que valoremos tanto como a nosa familia. Todos desexamos o mellor para a nosa familia, e todos queremos axudar a que os nosos seres queridos sexan felices.

Por iso temos por obxectivo que gocen dando resposta ao Deus que se fixo home por salvarnos, que gocen da confianza en Deus Pai, que como fillos nos ten. Ese obxectivo non é labor de un día, senón permanente.

Tanto o matrimonio como a familia requiren esforzo constante por sacalos
adiante; constitúen unha labor que ás veces é difícil e na que se producen conflitos, e hai que exercitar a paz, hai que pedir perdón e saber perdoar. Da mesma maneira que precisamos comer tódolos días e máis dunha vez no día, tamén a nosa familia precisa de alimentación diaria, a base de sensibilidade, cariño, comprensión, respecto mutuo, diálogo inter-persoal, e de exercitar canles de participación na busca de xustiza e solidariedade cos máis
necesitados.

O xeito de alimentar a consistencia da nosa familia seguro que está en procurar que toda ela se implique, mesmo con entusiasmo, en exercitar aqueles xestos de solidariedade e caridade cos mais necesitados que sexan posibles.

4.- Unha denuncia
Sen compartir cos máis necesitados, cando menos algo do que nos sobre, non é doado entender que exista fe responsable; o xeito de ser familia cristiana é pertencer á familia de tódolos fillos de Deus, comportándonos como irmáns, e, polo tanto, a carón dos máis necesitados.

Sabemos que no momento máis importante da nosa historia persoal seremos interrogados pola axuda que teñamos feito aos máis necesitados. Esa pregunta estámola percibindo con máis forza ao ver que o número de necesidades de Caritas aumenta, e debemos dar grazas a Deus por ser sensibles ás necesidades de nosos irmáns.

Non abonda con ser sensibles ás necesidades dos demais, porque tamén é preciso colaborar para que mude esta sociedade inxusta gobernada polos “mercados” que, por falla de regulación legal e, por tanto, de control, nos endebedou a todos e maltratou e maltrata a unha gran parte dos cidadáns; dúas de cada tres persoas viven en risco de exclusión social, e mentres se concentra a riqueza nuns poucas mans son maioría as familias que sobreviven ou malviven grazas a que os avós coa súa pensión posibilitan que os fillos e netos poidan poñer un prato de comida na mesa; son moitas as familias nas que non teñen ningún membro que teña ingresos económicos; poderán lograr algo de comida nas ONGs, pero ¿cómo poderán pagar a calefacción ou o aluguer?

Conclúo: Grazas a Deus pola nosa familia, por poder sentirmonos orgullosos da nosa familia, e que Deus nos axude a sermos eficazmente corresponsables das necesidades que hai ao noso carón.

(Intervención do noso colaborador na FESTA DA FAMILIA, celebrada o 28 de decembro -festa da Sagrada Familia- en Teixeiro, Lugo).
Pumariño, Alejandro
Pumariño, Alejandro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES