Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Saber e falar

lunes, 29 de diciembre de 2014
Poderíase pensar -sobre o titular- que é un remedo do e máis lonxevo concurso da televisión nacional. Pero non é tal.

É, unha vez máis -e contra a miña vontade emocional- algo que ten que ver co debate interminable sobre a nosa lingua. E son consciente de que ó mentar a "bicha" estoume expoñendo a que de contado levante a vista do xornal e dedique as súas lecturas a mellores causas, que desta xa está farto de que lle sigamos dando paus á tarabela e que a tarabela non pare -nunca mellor dito- de tarabelear.

Volvo, entón sobre o asunto porque a razón mo pide, á vista de que unha parte da opinión publicada continúa a desenfocar o obxectivo respecto das causas que fan que as estatísticas sobre o nivel de coñecemento e uso actual do noso idioma sexan desgraciadamente as que son, e non vai máis.

E volvo porque unha cousa é saber unha -a nosa- lingua e outra moi diferente -radicalmente diferente, diría- é falar a cotío esa -a nosa- lingua.

E é tan diferente como -poño un exemplo ben claro- saber andar en bicicleta e andar a cotío en bicicleta.

Todos -tiveramos ou non vehículo na nosa infancia-, agás raras excepcións, sabemos dende nenos montar en bicicleta, porque así no lo impuxo, non, ningún decreto sobre a idoneidade de facer exercicio, nin ningunha lei educativa para aprendermos as regras básicas de urbanidade e cidadanía, senón a ilusión de poder contarmos co noso primeiro vehículo.

Sen embargo, por máis que o coñecemento sexa practicamente unánime, non todos utilizamos diariamente tan ecolóxico medio de transporte, porque hai moitos condicionantes -orográficos, de tempo, de oportunidade, etc...-, xa non que nolo impidan, senón que non nos coloquen tal vehículo como vehículo principal.

Pois, no caso do coñecemento e do uso do idioma pasa exactamente o mesmo, xa que logo, por máis que os alumnos o aprendan a falar exclusivamente na escola, mentres haxa un pai e unha nai que falando entre eles en galego lles falen os seus fillos en castelán (e moito máis se entre eles tampouco o falan), xa poden as criaturas teren vinte horas de galego semanais e as institucións redactaren decretos por aquí e por acolá, que xamais ese neno ou esa nena utilizará o galego (agás raras excepcións, tamén é certo) como primeira lingua habitual.

E, senón, que llo pregunten ós responsables políticos alemáns que -en aborrecible contrapeso- andan facendo acenos de uniformizar en todo o país o uso da lingua xermana e saben ben onde é que teñen que atacar para que os inmigrantes deixen de falaren os seus idiomas natais.

Pois iso.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES