Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parroquia Eclesiástica de S.Pedro de Martul (I)

lunes, 06 de marzo de 2006
Parroquia Eclesistica de S.Pedro de Martul (I) ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE A PARROQUIA ECLESIÁSTICA DE S. PEDRO DE MARTUL (OUTEIRO DE REI)

PUBLICACIÓN: Boletín do Museo Provincial de Lugo. T.X (2001-2002) y XI (Vol.1) (2003-2004)

Desde o concilio tridentino tódalas parroquias posúen libros sacramentais: bautismo, matrimonio, defunción, confirmación, (1) etc… Nestes libros, descríbense dun xeito breve as funcións que a igrexa ten cos seus crentes no ámbito parroquial. Así, nos Libros de Bautizados, faise referencia ós seguintes datos: a data, o lugar de nacemento e bautismo,
o nome proposto e o lugar de nacemento e residencia dos pais, avós e padriños. Nos de Matrimonios, queda rexistrado o lugar da celebración, os nomes, o lugar e data de nacemento dos cónxuxes, o nome dos pais, das testemuñas, a hora de celebración do evento, as razóns etc. Nos de Defuntos, faise mención á idade do finado, o seu lugar de procedencia e residencia, ós fillos e ó lugar da sepultura. Nos de Confirmados, alúdese ó lugar no que se celebra a confirmación, á data da mesma, ó bispo que a preside e finalmente a unha relación dos confirmados. Ademais destes libros, a comunidade parroquial ten outros de índole administrativa: os libros de fábrica, os de confrarías, os de fundacións pías, misas e cabodanos etc. Nos Libros de Fábrica, faise mención ós gastos que ten a igrexa parroquial, distinguindo, entre outros, os seguintes: as obras e arranxos no exterior e interior da igrexa, a cera para os diferentes oficios relixiosos, a roupa da igrexa etc. Nos de Confrarías, faise constar os dereitos e deberes dos confrades, as tarxas que teñen que pagar, as obrigas do mordomo: levar a cera ós enterros dos confrades, planificar os diferentes oficios relixiosos da confraría etc. Nos de fundacións pías, misas e cabodanos, faise alusión ós legados píos, a súa administración e ás obrigas que sofren (2).

Na parroquia de S. Pedro de Martul, hai os seguintes libros sacramentais e de administración (3):
1º. Sete Libros de Bautismos. A súa cronoloxía abrangue do ano 1659 ata os nosos días.
2º. Tres Libros de Matrimonios cunha cronoloxía que abarca do ano 1718 ata o momento actual.
3º. Cinco Libros de Defuntos, que abranguen do ano 1717 ata hoxe.
4º. Dous Libros de Confirmacións, que comprenden do ano 1764 ata os nosos días.
5º. Tres Libros de Fábrica cunha cronoloxía que vai do ano 1699 ata o momento actual.
6º. Un Libro sobre a Confraría do Santísimo. A súa cronoloxía é do ano 1697 ó 1921.
7º. Un Libro sobre a Confraría do Rosario, que abrangue do ano 1720 ó 1929.
8º. Un Libro sobre a Confraría da Boa Morte, no que aparece soamente a lista de confrades. A súa cronoloxía é do ano 1916 ó 1926.
Logo destas aportacións sobre os libros parroquiais, vou tentar facer unha breve análise sobre os Libros de Fábrica de S. Pedro de Martul (4), fixándome nos aspectos máis relevantes, comprendidos entre finais do século XVII e a primeira metade do XX. Entre estas datas houbo unha diversidade de gastos na administración da igrexa parroquial, que foron saldados na súa maior parte polas primicias (5), que os fregueses entregaban anualmente ó párroco, e polo prezo das sepulturas. No ano 1716, os fregueses entregaron de primicias seis fanegas (6) e dous ferrados de centeo, que tiveron un prezo de sesenta e tres reais e doce marabedís. No 1840, concederon sete fanegas e medio ferrado (7) que valeron sesenta e seis rs. (8) e vinte e catro mrs. (9) . En canto ós gastos utilizo a seguinte tipoloxía:

1º. Entrega da decima ó Seminario de Lugo (10).
No ano 1716, o mordomo entregou a decima ó Seminario de Lugo, consistente no pago de seis rs. e vinte e cinco marabedís (11). No 1840, o depositario pagou cincuenta e nove rs. pola decima.

2º. Emprego da cera para os diferentes oficios relixiosos e uso dos Santos Óleos (12).
No ano 1718, o mordomo Alonso de Roibas mercou por doce rs. dúas libras de cera: unha destinada para as distintas funcións de culto, que se celebraban no transcurso do ano, e a outra para o día de Xoves Santo (13). No 1748, o mordomo Domingo de Maira gastou trinta e dous rs. en catro libras de cera amarela. No 1834, o administrador da igrexa mercou por corenta e cinco rs. cinco libras de cera para as misas e o alumado do Xoves Santo. Entre os anos 1870 e 1875, o mordomo empregou dezaoito rs. nos Santos Óleos.

3º. Compra de obxectos diferentes de natureza relixiosa, que se usaban no exterior e interior da igrexa, como candeeiros, lámpadas, floreiros, farois, crucifixos, cruces, incensarios, etc...

No ano 1742, o mordomo Antonio de Meilán mercou dúas vinajeras de vidro ó prezo de trinta e dous mrs. No 1761, o depositario Xosé Arias de Bóveda usou trescentos catro rs. na fundición da campá. No 1758, o depositario Xosé de Bóveda mercou por cincuenta e dous rs. un ataúde para levar os defuntos á igrexa. No 1769, gastou cento setenta e cinco rs. en dourar o cáliz, setenta e cinco a patena e cen o copón e relicario. No 1782, o depositario Miguel Viveiro adquiriu para o altar maior dous candeeiros e unha cruz por setenta e cinco rs, unha naveta para o incenso por vintedous rs. e un palio co seu ornato necesario por cento sesenta e dous rs (14).
No 1802, o mordomo da igrexa parroquial mercou un pendón e a súa cruz por catrocentos sesenta e catro rs. (15). No 1804, gastou cincuenta rs. nunhas andas para a igrexa (16). No 1811, mercou por corenta e tres rs. a imaxe dun Cristo para levar o viático ós enfermos (17). No 1817, o administrador da igrexa utilizou corenta e dous rs. na compra dun libro para asentar as partidas de bautizados. No 1822, gastou catro rs. nunha cruz para o crucifixo da sancristía. No 1854, mercou unha lámpada por cen rs. Entre os anos 1861 ó 1864, o administrador gastou trescentos rs. por pratear a cruz parroquial e mercar dous candeeiros, un crucifixo pequeno, un incensario e dúas lámpadas. No 1885, mercou uns farois para as procesións en catorce ptas e setenta e cinco cts. No 1886, gastou quince ptas. nuns floreiros para o altar.

4º. Consumo en roupa da igrexa. Neste ámbito distingo a vestimenta do crego, os manteis para o altar, as cortiñas, as alfombras etc...

No ano 1758, o mordomo adquiriu por noventa e cinco rs. unha alba e amicto de tela para o ornato novo coa súa feitura, encaixes e cintas (18). No 1790, gastou cento corenta e catro rs. e oito mrs. nunha casula, estola e manípulo de cores verde e amarelo para advento e quadragesima; cento dez rs. nunha alba e amicto coas súas cintas e encaixes, e catro rs. nun cíngulo (19). No 1791, mercou un manto para os defuntos por oitenta e un rs. e oito mrs. No 1810, gastou vinte e dous rs. e vinte mrs. en dous tercios de damasco negro para un pano de cáliz (20). No 1852, adquiriu dous bonetes por trinta e dous rs. (21). No 1884, o administrador da igrexa mercou por setenta ptas. unha casula branca, un manípulo, unha estola e unha bolsa de corporais. No 1886, unha cortinas para o Sagrario en catro ptas. No 1899, tres manteis para os altares por trinta e tres pts. (22) e sesenta e cinco cts. (23).

5º. Arranxos e obras no exterior e interior da igrexa.
A finais do século XVII o administrador da igrexa mandou construír a parede da igrexa e a porta para o adro, e retellar a capela maior. Esta obra custoulle cincocentos sete reais, que foron pagados en anos sucesivos polos mordomos respectivos (24). Nos primeiros anos do século XVIII o escultor Blas Pérez construíu o retablo da igrexa por setenta e cinco ducados (25). En anos sucesivos os distintos mordomos da freguesía foron rebaixando o aluguer que tiña a igrexa coa devandita construcción (26). No ano 1723 o mordomo Marcos López mandou pintar as imaxes do S. Pedro e Sta. Ana por cento vinte rs., contribuíndo algúns fregueses con diferentes cantidades (27). No 1747, o administrador gastou oito rs. en relousar a sancristía. No 1763 o bispo da diocese da o seguinte auto ó párroco D. Domingo Antonio: "Mandamos a este cura rector (D. Domingo Antonio) construya y reedifique de nuevo el frontispicio de esta iglesia sin la menor dilación con su espadana correspondiente. Precise para esta obra a los feligreses que intervendrán con carretos de piedra, servicio y más para esta construcción precisa. Trueque el cáliz, que está mal tratado por otro nuevo y dorado por la parte interior y luego cuando vaya haciendo caudal procure hacer la nave y cuerpo de la Iglesia a proporción de la capilla maior" (28).
No 1765, o mordomo José Arias de Bóveda entregou noventa e nove ducados a Pedro da Vila, veciño de Sta. María de Vicinte, por construír o frontispicio e o campanario, obra rematada polos fregueses da parroquia. No 1776, o depositario Domingo de Maira deu cento oitenta e un rs. e dezasete mrs. pola construcción da tribuna da igrexa. No 1802, o mordomo concedeu douscentos catro rs. ós que interviñeron nas seguintes tarefas: relousar toda a igrexa, coro e sancristía; dar de branco a igrexa por dentro e fora, e poñer os dous tragaluces do coro e da sancristía. No 1811, gastou cento corenta e sete rs. e vintedous mrs. na porta principal da igrexa coa súa pintura e cento corenta na pintura do coro. No 1832, o depositario Domingo Vivero mercou por cento sesenta rs. un terreo para construír o cemiterio. No 1851, o mordomo da igrexa gastou cincuenta e catro rs. en seis carros de lousa para retellar a igrexa e sancristía; setenta e dous rs. e vintecatro mrs. nos mestres que fixeron as seguintes labores: relousar o corpo da igrexa e a sancristía, darlle de branco, igualar o baldosado da igrexa e recompoñer un confesionario. No 1855, construíu a porta principal do adro en cento dez rs. Entre os anos 1865 ó 1869, ampliouse o adro da igrexa parroquial do lado da horta da casa rectoral; para pechalo foi mester mercar vinte brazas de chanto que custou cento corenta reais (29); os veciños Anxo Redondo e Xosé López colocaron todo o chanto e construíron a parede do resto do adro por douscentos corenta reais. Do 1870 ó 1875, construíuse a sancristía por un prezo total de mil vinte reais; a distribución dos gastos máis importantes foi do seguinte xeito:
A. Xiao Varela, de Santiago de Francos, realizou as paredes da sancristía por trescentos reais.
B. As táboas serradas para pisar a sancristía e para o pavimento da mesma custaron catrocentos nove reais.
C. O prezo da lousa foi de sesenta e oito reais.
D. O veciño Xoán Veiga cobrou cento corenta e catro reais por pisar a sancristía.
E. O custo dos cristais para as luces da mesma foi de tres reais e medio.
F. Empregáronse once arrobas e media de cal que valeron vintetrés reais e medio (30).
Nestes mesmos anos, Xoán Veiga reformou a tribuna e construíu a escaleira de acceso á mesma por cincuenta reais; os materiais que se empregaron na construcción da tribuna custaron cento oitenta e tres reais. No ano 1879, Rosendo Castro, veciño da cidade de Lugo, baldosou a igrexa por cincocentos sesenta reais. No 1886, Anxo Redondo, veciño desta parroquia, baldosou o cemiterio da igrexa por catorce ptas. Catro anos despois Antonio Ferreiro, veciño de S. Félix de Robra, construíu unha porta de ferro para o devandito cemiterio por trinta ptas. No ano 1891, José Villaverde, natural e veciño de Sta. María de Acebeiro (A Estrada-Pontevedra), fixo unha capela na igrexa parroquial por setecentas doce ptas. e oitenta e sete cms, adicada á Virxe do Rosario, poñendo da súa conta tódolos materiais da obra e o pavimento da capela. No 1896, Manuel Seixas, veciño de S. Félix de Robra, recibiu corenta e catro ptas. por construír un púlpito para a igrexa. No 1906, fíxose a espadana da igrexa por mil oitocentas trinta ptas. e setenta e cinco cms. Finalmente, no 1919, D. Federico Vivero Gómez, párroco de S. Pedro de Martul e S. Cipriano de Aspai, plantou nove castiñeiros a carón do adro da igrexa, enxertándoos logo coa finalidade de que o seu producto, constituído polas castañas e as follas, fose poxado e o seu prezo empregado na celebración dun ou dous oficios relixiosos polas ánimas (31).
Como remate deste primeiro artigo, fago alusión a unha serie de libros e traballos, que falan da igrexa de Martul desde o punto de vista artístico.

NOTAS
1. O Concilio de Trento (Italia) tivo lugar entre os anos 1545 ó 1563.
2. Valiña Sampedro, Elías.: Catálogo de los Archivos Parroquiales de la Diócesis de Lugo, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial de Lugo, 1991, pax. 8 e 9.
3. Valiña Sampedro, Elías.: Ob. cit., páxs. 384-385.
4. Os Libros de Fábrica versan sobre a administración da igrexa parroquial levada normalmente por un mordomo.
5. As primicias eran un tributo, que os fregueses pagaban anualmente ó párroco da igrexa, consistente nos primeiros froitos da terra. Segundo o Catastro da Ensenada -mediados do século XVIII-, na parroquia de Martul, os labregos casados e viuvos pagaban de primicias á fábrica da igrexa dous cuartales de centeo, as viúvas un e os pobres un real de vellón. Isto equivalía en diñeiro a cento trinta rs. cos que o mordomo administraba a igrexa parroquial (Arquivo Histórico Provincial, Catastro do Marqués da Ensenada, Interrogatorio realizado á parroquia de S. Pedro de Martul (Outeiro de Rei).
6. A fanega e unha medida de superficie cunha correspondencia diferente nas distintas zonas.
7. Medida de superficie, variable segundo as zonas.
8. Rs. É unha abreviatura de reais.
9. Mrs. É unha abreviatura de marabedíes.
10. Trátase da décima parte das primicias, que é para o Seminario da diócese.
11. Antiga moeda española de conta equivalente á trixésimocarta parte do real de vellón.
12. Os Santos Óleos son aceites usados pola Igrexa para aplicar o Sacramento da Extremaunción.
13. A libra era unha medida de peso, equivalente a 453 gramos.
14. O palio é un dosel portátil baixo o que camiña o crego co Santísimo Sacramento, ou unha personalidade, nunha procesión.
15. O pendón é unha bandeira ou estandarte que se leva nas procesións, desfiles ou enterros.
16. As andas consisten nun taboleiro con dous varais para levar algo, especialmente unha imaxe en procesión.
17. O viático e o Sacramento da Eucaristía que se administra a un doente en perigo de morte.
18. A. Alba.- Vestidura sagrada que pon o crego por riba do hábito para celebra-la misa.
B. Amicto.- Pano branco que o crego coloca nos ombreiros antes de vesti-la alba.
19. A. A casula é unha vestidura litúrxica que pon o crego sobre as outras vestiduras para dici-la misa.
B. O manípulo é un ornamento sagrado en forma de banda de tea, que o crego leva colgando do antebrazo esquerdo
C. A estola é un ornamento litúrxico consistente nunha banda longa que o sacerdote colga do pescozo.
D. O cíngulo e un cordón con que o sacerdote cingue a alba ó redor da cintura.
E. O advento e o primeiro tempo do ano litúrxico cristián, como preparación para a chegada de Cristo polo Nadal.
20. O damasco e unha tea forte de seda e la.
21. O bonete era unha gorra pequena de catro picos utilizada polos eclesiásticos.
22. Pts. É unha abreviatura de pesetas.
23. Cts. É unha abreviatura de céntimos.
24. Os mordomos que axudaron a pagar esta obra foron os seguintes: Pedro Vázquez, 46 rs. Pedro Picado, 50 rs. Vitorio de Meilán, 40 rs. Andrés Núñez, 30 rs. Domingo de Morales, 40 rs. Sebastián Queixada, 50 rs y 12 mrs. Sebastián de Carballido, 40 rs. Marcos López, 40 rs. Francisco de Meilán, 40 rs. Martín da Cruz, 40 rs. Agustín de Albarei, 40 rs.
25. Antiga moeda de ouro. Foi introducida en España no século XV. A comezos do século XVII o ducado recibiu o nome de florín, e seguiu a acuñación de excelentes, que, ó subir a trinta reais recibiron o nome de treintines.
26. Na rebaixa do aluguer interveñen unha serie de mordomos, entre os que cito ós seguintes: Sebastián Carballido, 130 rs. Antonio Queisada, 228 rs. Andrés Núñez, 132 rs. Santiago de Latas, 50 rs y medio. Francisco de Meilán, 13 rs e 20 mrs. Pedro Picado, 22 rs. etc…
27. Algúns fregueses que contribuen na pintura das imaxes: Andrés Núñez, 22 rs. Marcos López, 16 rs e medio. Marcos de Bóveda, 2 rs. Martín da Cruz, 4 rs. Domingo de Carballido, 7 rs, etc…
28. O frontispicio é a fachada ou parte dianteira dun edificio.
29. A braza é unha medida de lonxitude de 1,67 metros.
30. A arroba era unha antiga medida de peso equivalente a 11 kg. e cincocentos dous grs.
31. Os datos deste artigo foron recollidos na súa maior parte dos tres libros de fábrica da igrexa de S. Pedro de Martul (Outeiro de Rei), que datan de finais do século XVII ata século XX.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES