Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un Deus desconcertante e sen asesor de imaxe (I)

jueves, 25 de diciembre de 2014
Unha vez, ¿quen sabe o tempo que haberá disto? , ocorréuselle a todo un Deus, o deus máis orixinal, esquecerse por unha tempadiña de que era o Todopoderoso e facerse home feble para ensinarnos ós humanos dende a nosa mesma debilidade que é posible vivir na verdade, na irmandade, na humildade, no amor. E dicir: que é posible vivir en toda a súa dignidade o feito sublime de ser home ou muller feitos a imaxe mesmamente dese Deus.

E, como Deus, por ser Deus, non tén que andarse gardando de ninguén nin acubillando as súas intencións, deu noticia con tempo dos seus proxectos ós catro ventos por medio de profetas e voceiros.

Aínda ben non se coñeceron tales proxectos, xa, de contado, os entendidos en protocolos e programacións de acontecementos grandiosos e divinas solemnidades puxéronse a matinar, a escribir grandes tratados, a deseñar protocolos e a pronunciar elocuentísimas conferencias sobre como sería esa teofanía, ou sexa: esa manifestación ante o mundo de todo un Deus feito home.

Naturalmente que nas súas competitivas elucubracións, máis dedutivas ca indutivas, non había lugar para un posible neniño aterecido de friaxes e deitado nun presebe, porque un neniño así, coma moitos máis neniños, é a negación mesma de ampulosas e atafegantes solemnidades.

Conforme a todos os tratados de mitoloxías os aventureiros aterraxes de deuses teñen que estar forzosamente precedidos e acompañados de abraiantes maxestuosidades.

A maioría dos entendidos, case todos doutores en ciencias políticas, inclinábanse pola materialización de aquel divino proxecto de encarnación en figura de home, -que algúns crían que sería só en aparencia-, como xa feito e dereito, con abundante barba, andar repousado e amplísimas vestimentas talares de sumo sacerdote ou de arrogante emperador. A súa entrada neste mundo, -coma se non estivese xa nel desde os comezos-, tería que ser ao son de atronantes himnos militares, como corresponde a quen é capitán xeneral de todos os exércitos.

No que non acababan de poñerse de acordo os especialistas protocoleiros era no orde en que habían de estar colocadas para estreitarlle a man as pertinentes e impertinentes autoridades relixiosas, civís e militares que o agardasen, nin en se había de visitar primeiro o templo, o parlamento, o tribunal supremo ou a sede do alto estado maior militar.

Máis de dez firmas farisaicas acreditadas como garantes de multinacionais con poder para implantar ou remover faraóns, emperadores e presidentes de estados satélites, ofrecéronse gratuitamente como asesoras de imaxe para tal evento. Así, de paso, tiñan escusa doada para fisgóns espionaxes.

Pero un Deus tan sumamente orixinal, -cualificado por este motivo de excéntrico por teólogos xudeus e non xudeus- prescindiu de asesorías de imaxe, de protocolos e de parafernalias elitistas e excluíntes e decidiu pola súa conta e risco nacer dunha sinxela mulleriña do pobo, casada cun artesán sen emprego, nin seguro de desemprego, nin afiliación sindical coñecida, nin militancia política acreditada, nin trazas de ser contratado polos servizos municipais, nin de entrar endexamais de concelleiro.

Con estes precedentes, quen ía crer que o Deus que é máis aínda ca o deus do trono ía esconderse detrás da vociña feble dun neniño tan indefenso coma tódolos neniños, pero menos arroupado con roupas finas ca moitos; aínda que máis envolto en agarimo ca non poucos?

Quen podía ter tanta intuición como para adiviñar entre a escuridade da noite pecha dunha cova das aforas dunha vila chamada Belén á Luz que fende as tebras e irradia luminosidade sobre o fondo mesmo da eternidade?

Que terrible decepción! Despois de séculos de programacións, o día do nacemento de Deus feito home nin houbo bandas militares nin trompetas apocalípticas, nin sequera un notario que dese fe de data e hora exacta.
Quizabes por iso, por falta de notario ou de escribano de corpo presente, hai hoxe, coma onte e coma mañá, ignorantes disfrazados de sabios que pasean por platós sensacionalistas, cobrando xa se sabe, por afirmar que, por non saber a data exacta do feito, non é certo o feito mesmo.

Nunca a obriga lles pagamos por abrirnos os ollos aos crédulos pampallóns de vinte séculos e achegarnos a verdadeira salvación de todos os “sálvames” e “grandes hermanos” televisivos.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES