Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rolando ideais e sentimentos

viernes, 26 de diciembre de 2014
Algunha vez perdida, parolando con Xosé María Díaz Castro, pregunteille por que non seguía publicando poesía. Con algunha cousiña sigo argallando, contestoume, mais o mundo que cantei en NIMBOS xa non está aquí. Certo só en parte, respondín algo confuso, pois as persoas, os campos, os muíños as ansias de vivir seguen aí. Iso tamén é certo, moi certo, pero todo se transformou, segue transformándose e aínda non sabemos a onde iremos a parar. E así se quedou perdido no silencio aquel lóstrego de dúbidas e de respostas.

Agora con ledicia encontro na edición de "Poesía galega completa" do vate vilarego un bo ramallo de poemas escritos e publicados por Díaz Castro nos derradeiros anos da súa vida. E hoxe, como despedida deste ano dedicado o noso apreciado veciño e poeta, boto man dun breve poema seu publicado na revista "Dorna" en xaneiro de 1987, tres anos antes do seu pasamento:

ROLANDO

Coma vinte mil pérolas rodando
botei eu os meus versos a rolar:
de boca en boca, pobre criaturas,
pola terra, polo mar.

Pródigos de si mesmos, se reparten
como bicos, como o pan.
Xa non son meus, que se me foron todos
pola ancha vida, sen ollar atrás.

Non penso reclamalos, xa mais nunca,
¡Medren e rían fóra do meu lar!
Non hei matar a fame que me deixan.
¡Facei con eles vós noso Nadal!


O poeta era consciente de que os seus versos xa adquiriran vida propia, de que eran como criaturas libres que ían de boca en boca, viaxando cerca e lonxe, por terra e por mar, e só levan consigo a forza da beleza sinxela. Fóronse como fillos pródigos repartindo dádivas, sementando vida sen ollar atrás. O poeta será só un pai de referencia, e eles seguirán crecendo e multiplicándose ata o infinito. O proxenitor seguirá o voo do fillos adultos, mais, aínda que teña fame deles, non os reterá. O mellor que pode ocorrer é que fagamos deles o noso Nadal! Si, un novo Nadal cós sentimentos, cós ideais, coa imaxinación.

Cada quen, nesta e nas próximas xeracións, pode construír un Nadal novo coa herdanza que nos deixou Xosé María. Os seus vimbios dan para moito; e combinados con algunhas ideas e sentimentos que rolan na modernidade pode construirse un novo proxecto de cultura poscontemporánea. Se queremos, non somos orfos senón herdeiros do mellor da nosa tradición.

O ano 2014 das letras galegas espallou as criaturas de Díaz Castro ata os confíns e esperamos que o 2015, vintecinco cabodano do pasamento do poeta, os seus versos continúen ceibando moitos bicos. Para iso é conveniente que unha infraestrutura básica siga funcionando. Alí están os muíños resistindo contra o tempo sen roular, os campos sementados de forraxes ou de maínzos, os camiños convertidos en pistas de asfalto e a xentes que van e veñen correndo sen fin. No medio desa trasfega debe se recoñecible a voz ceibe do poeta que soubo recoñecer a beleza destas paisaxes.

As rutas vilaregas e buricenses do poeta deben ser rehabilitadas e sinaladas; as súa obra literaria debe ser sostida e seguir espallándose en Guitiriz, na Terra Chá, en Galicia e máis aló de calquera fronteira. Sempre mostrando todas a súas dimensións, sen rebaixar ningunha.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES