Os nosos devanceiros eran perfectamente coñecedores da importancia dos lindes para establecer o comezo e o final de cada propiedade privada. Cando de seguridade se trataba, xa os habitantes dos castros construían castro e contracastro, murallóns defensivos para desanimar aos invasores, e fortificacións exteriores para retrasar ou impedir a entrada de extraños.
Moito tempo depois, no tempo dos nosos avós ou dos nosos pais, os peches de fincas eran algo moi importante, esencial, derivado dos medios ao seu dispor, especialmente os materiais que a naturaza inmediata lles podía proporcionar. Así, onde a pedra era abundante, construíanse muros máis ou menos anchos, feitos á medida das economías e do poder dos promotores.
Na Terra Chá, a abundancia de chantos propiciou que estas pedras colocadas verticalmente fosen o peche perfecto, nalgúns casos con solucións muro/chanto que reforzaban a seguridade. Sen esquecer os peches de muros de terra, de sebes feitas con madeira ou material vexetal, que se íban consolidando coas árbores que medraban co paso do tempo.
E a máis sinxela destas delimitacións eran os marcos, pequenos fitos de pedra colocados para marcar de xeito ostensible a división entre propiedades. O respecto polos marcos era cousa case sagrada, e de pequeno teño escoitado ben historias de aparecidos que volvían do outro mundo para repoñer algún marco movido intencionadamente do seu lugar.
En Parga hai conflicto porque o Exército de Terra delimita as súas posesións no Campamento de Santa Cruz con aramio con cuchillas porque os anteriores peches foron desaparecendo, e os veciños alporízanse porque non lles parece lóxico ser tratados como inimigos ou invasores dunha terra pegada á súa, na que coido non teñen maior interese en entrar.

Tra-la protesta dos veciños, di o Exército que o peche é provisional, por seguridade, con material regulamentario, que se cambiará máis adiante. Nunha terra coma a nosa, afeita a respectar lindes, muros e marcos, parece demasiado agresiva a barreira establecida, e como o exército tampouco é o que era e agora ten ollos para ver e oídos para oir, seguro que alguén tomará boa nota para solucionar o problema.
