Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (13)

jueves, 25 de diciembre de 2014
Anos 1915-1920
Longo silencio

En xaneiro deste ano a vida transcorría conforme a época: «La Juventud Antoniana» promovía veladas literarias e actividades relixiosas. A sección de mulleres organizou «El roperillo» que distribuía prendas e alimentos entre a xente necesitada.
A casa escola da Liga Santaballesa seguía construíndose e resultaba obra a imitar.
Precisábanse novas melloras nos servizos públicos da vila.
A emigración continuaba mentres que da Arxentina chegan novas de que cumpría repatriar 8.000 españois por falta de traballo.
O exército, unha vez máis, facía novas levas.
Os prezos dos produtos alimentarios básicos subían.
En «El Eco de Villalba» dábanse a coñecer composicións poéticas de José Ma Chao Ledo.
As obras da estrada Vilalba a Meira ían indo.
O Hospital asilo de Vilalba (13)
«Villalba y su comarca». Nace este xornal en agosto de 1915. Como todos os periódicos da época manifesta un carácter informativo comarcal, literario, o dar novas de festas, ecos de sociedade, correspondencias campesiñas,... Prestará singular atención a todo cuanto se refiere a nuestros hermanos de ultramar.
Segundo reza no seu primeiro número nace con vocación semanal e publicaríase os domingos. Distribuíase por subscrición e os catro números mensuais custaban un real. Imprimíase en «La Constancia», de Vilalba, rexida por Jesús Fojo quen probablemente inspirou a publicación. A partir do segundo número, nas súas páxinas colaborou de xeito habitual Antonio García Hermida.
Distintos membros da familia Fojo tiñan, e teñen, negocios de tipografía en Viveiro e Ortigueira. Puidemos coñecer que a estadía en Vilalba de Jesús veu condicionada pola deteriorada saúde dun dos seus fillos que precisaba de clima seco.
Só coñecemos catorce números da publicación. O último data do 14 de novembro de 1915. Nas «Dos palabras» do seu primeiro número manifesta: Villalba y su comarca examinará con ánimo sereno todos los problemas de interés general y allí donde vea algo desordenado dará un toque de atención para que los llamados a ordenarlo lo hagan cuanto antes... Expondremos nuestro modo de pensar para aquitalar juicios e iniciativas con el deseo noble y honrado de servir al pueblo.
A imprenta «La Constancia» foi a primeira da comarca en reproducir fotografías en publicacións: igrexa parroquial, torre do castelo, campo da feira,... se ben o papel era de mala calidade e os fotolitos mellorables. En todo caso, un adianto para a época.

Hidroeléctrica del Tronceda. En agosto de 1915 déronse noticias de que se constituíu unha nova sociedade cun capital de 250.000 ₧ coa finalidade de explotar o magnífico salto do Tronceda e que esta sociedade tiña a intención de realizar o tan ansiado ferrocarril de Lugo a Ribadeo por Vilalba e Mondoñedo. En realidade era unha rede racionalizar o subministro e obter maiores beneficios.

San Ramón de 1915. As festas, sucede por veces, ocasionan discrepancias. Uns opinan que se deberían celebrar na alameda, outros no lugar de sempre. E coas discusións perigaba a súa organización.

Iluminación. Parece que se vai mellorar na praza da Constitución e na avenida do Progreso ó instalar a empresa lámpadas de maior potencia en elegantes columnas de ferro fundido.

Fin de «El Ratón». Tamén en agosto de 1915 infórmasenos que se deixou de publicar o coñecido xornal «El Ratón». A noticia, por inesperada e repentina, foi moi comentada.

Festas de San Ramón. Anúncianse, por fin, o 22 de agosto segundo o seguinte programa:
Día 30. Pasacalles da banda municipal e dun grupo de gaitas. Pola
noite, de 8 a 10, verbena na praza da Constitución.
Día 31. Ás 7 horas dianas e alboradas a cargo da banda e dos gaiteiros. Ás 11 misa solemne e ás 12 gran procesión. Ás 5 da tarde cucañas. Ás 6 concerto dos gaiteiros «Os Celiñas» e dun grupo local, «Os Celtas». De 7 a 10, gran velada amenizada pola banda. Ás 11, baile no Imperial.
Día 1. Ás 8 da mañá, alboradas por «Os Celiñas» e «Os Celtas»
De 11 a 1, paseo de moda na praza. Ás 5, cucañas na alameda. Ás 7 velada na alameda a cargo da banda de música e dos cuartetos. Ás 9, sesión de fogos artificiais. Ás 11, baile no Imperial.
Día 2. Xira campestre nos soutos de Penas Corveiras con música e gaitas. Ás 9 da noite, gran velada na alameda. Concerto da banda e dos cuartetos. Disparo de fogos e elevación de globos.
Día 3. Gran concurso de gandos no campo da feira.

O conflito do alumeado. A compañía do Tronceda repartiu polas casas novos impresos para modificar os contratos de subministro eléctrico existentes. Son tantas as obrigas e tan poucos os beneficios que poucos veciños queren asinalos.
O asunto non era banal. A empresa detectara numerosas modificacións nas instalacións que provocaban abusos por parte dos consumidores, pero as esixencias eran leoninas segundo se desprende do que se di máis adiante.
O día 18 celebrouse unha reunión da veciñanza convocada a ‘tambor batente’ ó redor do quiosco da alameda. Aprobáronse unhas conclusións que serían enviadas á compañía do Tronceda e nomeouse unha comisión ó respecto: Eulogio Goás Pardo, Genaro Olano Carreira, José María Orosa, Agustín López Arias e Antonio Peña Novo. As demandas populares eran as seguintes:
1. A compañía non cobrará ó subscritor de tarifa fixa cando por calquera causa non lle proporcione subministro.
2. Será por conta da empresa os gastos de persoal e material nas modificacións e alteracións que a nova empresa verifique ós abonados que xa teñen instalación.
3. Será en horas normais e ordinarias do día a entrada nos domicilios dos empregados da compañía para revisar e inspeccionar.
4. As modificacións que faga o subscritor sen orde da compañía e os abusos e fraudes que prexudiquen a esta hanse abonar a xusta regulación pericial.
5. Os limita conservación destes. Se o deterioro é por causa do subscritor, será por conta del. E se a colocación fose exterior, será a unha altura conveniente que evite estragos.
6. Explicación de por que non se consente ó abonados por tarifa fixa lámpadas de carbón.
7. As lámpadas de cinco buxías lucirían de abondo para que a distancia prudencial poidan efectuarse os actos ordinarios da vida.
8. Os impostos de toda clase serán por conta da compañía.
9. Mentres o abonado cumpra coas condicións do contrato, a compañía non poderá cortarlle a corrente.
10. A compañía subministrará luz supletoria pública en caso de faltar a eléctrica.
11. A compañía obterá permiso para continuar cos postes en terreos privados.
12. A compañía fará concesións de lámpadas conmutadas.
13. Concesión de límite mínimo por tarifa fixa dunha lámpada de cinco buxías.
14. Regulación de fluído por contador segundo o prezo establecido pola compañía anterior.
15. Determinación de a quen corresponde designar o perito que verifique a comprobación dos contadores e de a quen incumbe a obriga de pagar as comprobacións cando se realicen a instancia da compañía. Polo que se ve, hai asuntos que non cambian nin en cen anos.

«Villalba y su comarca». 31 de agosto de 1915. Anúnciase que Empezó a publicarse en esta villa otro nuevo periódico semanal que lleva por título «La Comarca Villalbesa». Le deseamos una larguísima vida y grandes prosperidades. Lamentablemente nin coñecemos exemplares do semanario nin sabemos canto tempo se publicou.

Fin de «El Eco de Villalba». O 31 de agosto de 1915 publícase un número extraordinario dedicado ás festas de San Ramón. Incorpora reproducións fotográficas. A partir deste número, e meses antes, a súa periodicidade foi moi irregular. Entre agosto de 1915 e xuño de 1916 só se publicaron cinco números. Debe darse por desaparecido no segundo semestre de 1916. Ó longo de aproximadamente douscentos dez números deixou constancia do acontecer dunha Vilalba que se ampliaba e que quería modernizarse na inestable segunda decena do século XX.

Necesidades inmediatas. «Villalba y su comarca» de 5 de setembro de 1915 reflexiona sobre as obras necesarias para a vila que aínda están sen facer: pavimentación da avenida do Progreso, construción do cárcere modelo, da praza de abastos, dun lavadoiro público, de dúas escolas máis, a chegada do ferrocarril, remate do hospital, formación dunha «Liga de Amigos» que se encargue dos festexos... Para iso precísase unión e traballo pola colectividade esquecendo intereses particulares.

Conflito do alumeado. Parece que o asunto vai amañándose. Non se conseguiu todo, pero si parte do demandado.

Conflito coa banda. No San Ramón houbo moito que falar sobre a banda que dirixía Santiago Mato. O detonante do problema foi que os músicos conseguían algúns ingresos nos bailes das festas patronais que se facían en locais privados. A recadación destinábase en parte á banda e en parte a sufragar as propias festas. Aínda así o «Círculo de Artesanos» e certas aspiracións dos donos dos locais nos que se facían bailes, impediron que a banda tocase e puidese reunir fondos. E iso que a banda ofrecía actuacións de balde ó longo do ano! Santiago Mato, director da banda, publica airados comentarios e ofrece explicacións ó respecto.

Fondos para o hospital. «La Unión Vilalbesa y su comarca» continúa traballando por esta causa. Fixo un xiro de 1.365 ₧.

Un problema pavoroso. Este titular en primeira páxina abre «Villalba y su comarca» de 3 de outubro. Fai referencia a que malia estar en outono, época na que baixaban os prezos dos cereais, a realidade é que soben. Parece ser que os terratenentes das grandes zonas produtoras da Meseta acaparan as colleitas. Faise a proposta de que as autoridades tomen medidas para que non se produza desabastecemento e que non se permita a exportación de trigo, centeo, millo, patacas, arroz...

Romanones, No! A Guerra Europea estaba de plena actualidade. «Villalba y su comarca» en portada do 24 de outubro declárase en contra das opinións de Lerroux e de Romanones. Ó primeiro dille que se quere a guerra que marche el e os seus partidarios ás trincheiras francesas a cubrirse de gloria, porque aquí o único que fixo foi cubrirse de lama. E se Romanones ten a pretensión de formar un goberno para loitar ó lado dos aliados, será a hora de que todos os patriotas digan: Romanones, No!... ¡Neutralidad, neutralidad y neutralidad! Trabajen el señor Conde y el señor Dato por la misma y el pueblo estará a su lado, como para defender al país de un posible ataque, venga de donde viniere...

La cultura patria. Tamén na primeira páxina de «Villalba y su comarca», do 14 de novembro, García Hermida publica un artigo de opinión no que reflexiona sobre a importancia da educación e de que todos os lugares e aldeas estean dotados de escolas onde os nenos poidan aprender. El resurgir el pueblo español está exclusivamente en la enseñanza, que ya empieza, por fortuna, a prodigársele atención grande. Cuando dejemos de contar los analfabetos por millones habremos dado un paso decisivo en nuestra reconstitución interior...

As feiras en Vilalba. «Villalba y su comarca». 14.nov. 1915. Infinidad de vendedores ambulaban por todas partes pregonando sus mercancías: Mechas e librillos e caixas do númaro un, gritaban aquí. ¡El pajarito sabio!, ¡quien por cinco céntimos no conoce su suerte! ¡el signo de toda persona! exclamaba acá. ¡Agua de limón fresca! decía uno... ¡Tatarii! sonaba estridente un cornetín. ¡Ahora voy! ¡Oiga, oiga! repetían los churreros. Un dentista subido a una mesa: ¿Le duelen a usted los dientes o las muelas? Pues a quitárselos enseguida. Aquí, señores, se extraen sin dolor (sin dolor por parte del dentista) ahora sólo cuesta dos reales; en la fonda costará luego cinco pesetas... En varios puntos se ofrecen al pasar las famosas historias: ¿Quién quiere otra? ¡Una un perro chico, tres un perro gordo! Y a con-tinuación se señalan con la vara del violín las escenas de un horroroso crimen, pintadas con azul de hórreo y bermellón en un cartelón que chorrea sangre. Si os detenéis un poco escucharéis la narración del tremebundo suceso cantado en romance: «Válgame la Virgen Santa/ y el señor San Sebastián/ ¡Oh que crime tan sanguento/ el que les voy a narrar... ... ...

O Hospital asilo de Vilalba (13)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES