Lembranzas dunha vida (40)
Rodríguez Cabanas, M. Francisca - miércoles, 24 de diciembre de 2014
Recordando a meu irmán Pedro
Cando a guerra civil, chamárono para ir. Era un rapaz. Deses anos, poucos recordos teño del. Era moi pequena. Cando acabou, tivo sorte; el volveu; outros non. Como non tiña oficio, ingresou na garda civil. Viña á casa de vez en cando. Non era fachendoso. Recordo velo no salón de Germán en zocas. Era a única festa de inverno. Un local ao lado da carreteira, que o rexentaba un señor; era o dono; tiña unha taberna enfronte.
Meu irmán estivo destinado polo norte de España. Namorouse dunha rapaza. Casouse no ano 1.947. Estivo por Bilbao. Dicía a muller que, cando viñan a Galicia, en canto vía os carballos, que se alegraba. Dicía que tiñan outro verde, outro frescor. A morriña estaba con el. Non sei que temos os galegos que sempre queremos estar na nosa terra. A verdade é que é bonita, e estamos orgullosos dela.
Tiveron un fillo. Xa mozo, casouse cunha galega. Así que tivo sorte de vir para a súa terra. Axudou a criar catro netos. Vivían contentos. Tiñan unha horta moi bonita. El plantaba tomates, leitugas, xudías... Coidaba as árbores. Tiña todo moi ben. Estaba feliz. Pero, como pasa sempre, morreulle a compañeira. Estaba moi arroupado pola familia, pero faltáballe o principal. Ían facer as vodas de ouro. Non chegaron. Un día, estando el e eu xuntos, pregunteille que tal o levaba. Mirándome, díxome: Es a primeira que mo preguntas. É duro, pero algún tiña que ir diante.
Aínda viviu uns anos. Foi feliz. Cando somos vellos, o que máis agradecemos é que nos queiran. El era querido. Pero, foi deixando a horta. Os anos empezaron a pesarlle. Ingresou no hospital. Non lle gustaba que o foran ver.
Logo, aínda foi vivindo unha tempada. Pero, un día, como non somos deste mundo, empezou a sentirse mal. Forámolo ver, Luís, o meu home, e máis eu. Era véspera de Nadal. Tomamos café xuntos. Canto saímos, dixéronlle: Avó, non saias, que fai moito frío. El, sorrindo, dixo: Si, si, voulles dicir adeus. E, coa man levantada, despediuse. Quedou no meu recordo. Esa foi a última vez que o vin.
Cando vou á casa de meu irmán, miro as árbores e recórdoo moito. Alí, estaría a súa esencia, a súa alma. Non sei explicalo, pois, ultimamente ando mal da fe, dado que as circunstancias foron duras.
Pedro deixou a súa familia, a súa horta, pero el estará aí, no noso recordo. Súa irmá.

Rodríguez Cabanas, M. Francisca