Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A palabra e a Noite Boa

domingo, 21 de diciembre de 2014
Hoxe imos ser algo máis breves ca outras veces... E por dúas distintas razóns. A primeira, aínda que poida semellar algo simple, é porque se dá a circunstancia de que o texto do evanxeo deste domingo é exactamente o mesmo có da festa da Inmaculada Concepción do luns da semana pasada, día 8 deste mes de Nadal. Comentámolo xa, polo tanto, hai aínda poucos días e cómpre non volver tan axiña sobre o mesmo, deixando que a semente da palabra caída nese día na terra continúe tranquilamente o seu misterioso proceso de se converter en nova planta...

A segunda razón é xa máis de fondo. Porque resulta que antes de volvérmonos ver dentro só de catro días, con motivo da festividade do Nadal, celebraredes ou celebraremos na véspera desta festividade a Noite Boa. Un encontro familiar, entrañábel, no que conflúen tamén moitas saudades e lembranzas. Festa ou reunión familiar, presidida polas imaxes populares e tradicionais do nacemento do Neno Xesús, dos pastores, etc. ou pola árbore do Nadal.

É a festa na que a palabra con maiúscula e tamén con minúscula teñen o seu verdadeiro lugar. Falaremos nós e compartiremos amizade e fraternidade á beira de quen é a Palabra feita carne, a palabra con maiúscula. Pois, como di o evanxelista Xoán, “a Palabra fíxose carne e puxo a súa tenda entre nós”.

Ante a presenza desta Palabra con maiúscula sobran case outras palabras menores, con minúscula, aínda que sexan coa loábel intención de falaren sobre ela. Polo tanto podemos dicir que sobran tamén as miñas cativas palabras. E por iso van ser breves, case como para cumprir sen máis co rito litúrxico. Así como ante a presenza do sol, polo día, as estrelas se retiran modestamente da escena, así tamén tódalas pobres palabras nosas deberán desaparecer ante quen é a Palabra. Ante esa Palabra humana coa que Deus fala ó mundo e á que lle damos o nome de Xesús. Unha palabra que lles fala ós grandes (pensemos nos que chamamos os Reis Magos) e tamén, e sobre todo, ós pequenos (representados tradicionalmente polos pastores, é dicir, polos sinxelos, humildes, tranquilamente achegados á terra nai).

Son estes días, os que preceden ó nacemento do Señor da Noite Boa, un tempo no que non nos deberiamos deixar abouxar por tanto ruído ou balbordo que nos chega de diversos sitios: propagandas, anuncios, entretementos ou diversións... Porque é posíbel que todo iso non nos deixe oír ben a Palabra que vén de arriba, pero que aparece aquí abaixo, na terra. Palabra tenra e balbucinte, mellor dito, Palabra que nin sequera sabe falar cos seus pequerrechos beizos. Porque é unha Palabra in-fante, é dicir, que non fala. A Palabra é un Neno que acaba de nacer, pero que está aí de feito realizando un potente e programático discurso coa súa soa presenza. Unha presenza tan desconcertante, pero tan clara. Deus fala desde a febleza, desde a proximidade, desde o silencio da noite. Por iso, para oílo e velo ben, temos que achegarnos moi pretiño del.

As noites son boas para pensar, para meditar, para darlle voltas ás cousas, para falar con sinceridade e amor coas persoas, tamén para escoitar a Deus... Seguramente iso é así, porque a Noite Boa é a Nai de tódalas noites. Da bondade da Noite Boa participan tódalas nosas noites. Desa Noite Boa na que María, despois de concibir no seu seo o desexado de tódalas nacións, nolo deu a luz para a nosa alegría e felicidade. Tamén nós deberiamos aprender desta Nai de Deus a sabermos concibilo e amalo nos nosos corazóns e ofrecerllo, coas nosas palabras e as nosas boas obras, ó mundo. Como a Virxe María da Noite Boa. Pois o mundo precísao.

Na primeira Lectura dísenos que o rei David tivo unha feliz idea. El vivía, para entendérmonos, nun bo chalé, nunha “casa de cedro” (que non estaría nada mal) e parecíalle que non estaba ben que o Señor, que se facía presente na Arca da Alianza, non tivese como casa máis ca unha pobre tenda... Tampouco ó profeta Natán, ó que David lle comunicou tan xenerosa idea, lle parecía mal en principio o proxecto do rei para a Arca da Alianza. Pero de noite (unha vez máis nunha noite “boa”) o profeta cambiou de idea. E Natán faloulle ó rei David dun futuro Reino, despois do seu, no que un descendente seu reinaría para sempre... Ese futuro rei sería Xesús, que tampouco tería casa para nacer, nin de cedro nin doutra cousa. Iso si, tería un colo quente e cheo de agarimos dunha muller que querería e amaría como ningunha outra do mundo o sabería facer.

A próxima Noite Boa, co Neno Xesús, coa Virxe Nai, con San Xosé, cos mansos e humildes animais que tamén lles fan compaña e lles dan calor, é un modelo perpetuo de como se pode sentir felicidade aínda que se viva en épocas de carencias e de crises.

Do que, en calquera caso, non podemos prescindir é do amor: de sentírmonos queridos e de ofrecermos pola nosa parte axuda e amor a cantos non se senten queridos nin respectados na súa dignidade de fillos de Deus e irmáns nosos. Feliz próxima NOITE BOA!!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES