Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non todos os Santalices son bos gaiteiros

jueves, 18 de diciembre de 2014
Faustino Santalices foi un gran gaiteiro e zanfonista, investigador e compositor, Miguel Santalices non.

Cando lin que un tal Santalices lle puxo voz á descualificación e ninguneo e mangoneo das peticións da ILP avaladas por 42.000 firmas de lucenses, peticións aprobadas previamente no parlamento en Galicia –adrede non poño parlamento con maiúscula nin tampouco galego, nin de Galicia. Só en Galicia-.

Cando lin todo iso e me fun repoñendo da vergoña e do cabreo correspondente, veume á mente o músico Santalices e pensei se por un casual este outro non sería o mesmo. Non o é, porque aquel interpretaba as súas propias partituras e non tocaba baixo disciplina de partido nin batuta de prebendas.

Teño setenta anos e desde que comecei a entender algo tiven claro que a política ou a facemos ou a sufrimos. Por iso non lles creo ós que din que pasan da política. É imposible pasar dela. Se non intervimos pra nada en facela tampouco temos dereito a queixarnos cando a sufrimos. Procurei intervir na medida do posible facendo uso dos dereitos que non me deu ningún político e desde unha posición de independencia, pero non de neutralidade. Esa independencia permíteme apoiar o que vexo de bo sexa no partido que sexa e a non neutralidade tamén me facilita criticar o que vexo de malo, sen deberlle pleitesía ó xefe de turno e de quita e pon.

Ben sei que non son dono absoluta da verdade e que me equivoco moitas veces, pero non penso co bandullo agradecido e, se me deron a cabeza pra pensar procuro usala pra ese mester e non pra facer reverencias a quen pense por min.

Debido a esa tendencia, os afeccionados a clasificar todo moi ben clasificadiño en compartimentos estancos foron colocándome alternativamente en AP, no PP, na UCD, no BNG, no PSG e ata un sarxento, sen capacidade pra saber o que é o comunismo, avisou ó xuíz de paz de que podía ter problemas se seguía sendo amigo meu, porque eu, polo visto, era comunista. Fíxate, e eu sen saber nada! Que cousas! Seguramente por iso fun escoitar unha vez os coros do exército ruso.

Nin sequera cando me presentei nunha lista ás primeiras eleccións que recordo neste país, non moi democráticas aínda, pero xa máis democráticas que as de agora, fixen ningún tipo de presión pra que me desen o voto sen comparar cos outras listas. Parecíanos que, se pretendíamos vender a “nosa” moto debíamos de tratar máis ben de falar das vantaxes da marca que representábamos ca das desvantaxes das outras.

Nunca fixen campaña pública e aberta a favor de ningún partido; pero agora sei en contra de cal a vou facer se Deus me deixa chegar a unhas próximas eleccións. Non sei se outros o farían mellor. Sospeito que non, pero o que sei é quen o está facendo mal.

Se teño catro dedos de fronte, por coherencia debo de estar en contra de quen está en contra miña e dos lucenses que necesitan ou poidamos necesitar a curto prazo radioterapia, hemodinámica ou medicina nuclear –eu a punto estiven xa, por mor do cancro de gorxa-. Ata me atrevo a dicir que ese partido está en contra dos seus propios militantes que xa teñen ou están chamados a ter esta experiencia tan traumatizante en si mesma, sen que aínda teña que agravarse co pesadelo de espertar con noite pecha e verse forzado a erguerse pra cargar coa cruz de cada día cara a Coruña. Se fose militante do PP, sentiría vergoña cada vez que me atopase con un canceroso e sentiríame enganado, como me consta que se sentes máis dun afiliado, ós que tamén se enganou con promesas incumpridas. Non todos senten vergoña, claro, que ninguén dá o que non tén.

Hai uns días escoitei por casualidade parte dunha entrevista a unha membra significada dese partido na provincia de Lugo. Cando lle preguntaron polo próximo debate sobre a ILP e as manipulacións a que estaba sendo sometida, fixo coma quen que respondía, -visiblemente desacougada e ansiosa de que non tardase a seguinte pregunta salvadora-, que en Lugo temos un hospital moi bo. Si, digo eu, é boísimo pró colesterol e pra facer ximnasia. Os que coma min temos dificultades respiratorias pra recorrer longos traxectos vémonos obrigados a saír a véspera pra dar chegado a tempo á consulta que sempre cadra aló abaixo a seiscentos metros do ascensor. Eu tamén tiven un coche moi bo. Só tiña un pequeno problema: que necesitaba combustible e condutor.

Polo visto dotar ó HULA dos servizos que noutras provincias xa teñen é problema de combustible. Non o será tamén de condutores autómatas teledirixidos con mando a distancia? De onde non arrinca o problema, pola miña experiencia, é de profesionais sanitarios, competentes en xeral.

Crin entender no que lin que o principal problema é estatístico; porque, polo que me parece que dixo, ou quixo dicir, ou dixo sen querer Santalices, -non o músico, anque, se cadra, algo cantante, porque algo, algo, canturreamos todos- foi que, conforme ás estatísticas estamos nesta provincia por debaixo do tanto por cento de mortos necesario pra que se presten certos servizos de hemodinámica as 24 horas. A ver se hai sorte e o infarto non adormece na siesta e pasa por aquí á hora adecuada pra chegar a onde sexa á hora oportuna. O portavoz parlamentario de sanidade non poderá avisarme, non?

Seguro que non, porque ha ter cousas máis importantes a que atender e tampouco lle pagamos pra iso. Sorprende que, mentres que os cidadás de debaixo do hórreo estamos a réxime os do Horreo estean a dieta, non é? Réxime é comer pouco, dieta é comer equilibrado e cando os dietetas son bárcenas ou pujoles é comer moito en pouco tempo.

Ben mirado todo tén as súas vantaxes, porque a xerencia do hospital, moi competente ela, polo que me contan, e que xa está de volta de case todo, porque ten un currículo acugulado de faceres e aconteceres, vai dar ordes tan estritas como as evacuadas sobre recortes pra que sexan moi ben atendidos os doentes e non chegue nunca a acadarse ese tanto por cento necesario pra investir en servizos que poidan salvar vidas salvables.

Poñamos por caso: Se pra que funcione a hemodinámica as 24 horas do día a ratio é de 100 mortos por cada non sei cantos habitante e só morren 99 fan ben tela funcionando intermitente. Así afórranselle cartos á administración e hai esperanzas de que a xerencia siga estando ben vista nas alturas. Se cadra estou nun erro ou desbarrando, porque non sei se eses cargos xerenciais son designados a dedo ou se se accede a eles por oposición. Será por oposición, porque eu sei dun xerente que non cansa de dicir que el non é político. O mesmo dicía un porteiro do Instituto Nacional de Imprevisión que entrou por excombatiente.

Isto da estatística tráeme a min algo desacougado desde que por mor dun accidente de coche quedei coxo aló polo ano 1984. Xa etá! Agora explícanse os meus desafogos agresivos. Como non hai coxo bon!... Quen me dera poder facer un censo veraz de coxos; porque, se se dese o caso de que o cincuenta e un por cento da poboación fósemos coxos, os que andariades mal sodes os outros.

En fin. A cousa é moi seria prós que xa sufrimos ou non tardarán en sufrir cáncer. Sobran cachondeos e sobra tamén que me veñan dicindo que o pobo “siempre tiene la razón”, porque ben sei que os que o din desde o poder non o cren, ou vai resultar que 42.000 firmas nunha provincia tan despoboada coma Lugo non son representativas do pobo?

Cada día teño máis claro que a nai de todo os males é a crise. Si, a crise e a miseria, pero hai miserias máis grandes que as que afectan á carteira, o malo é que tanto unhas coma as outras se ceben nos máis febles. Catrocentos quilómetros diarios pra ir radiarse á Coruña! Con un pouquiño máis compensa ir a Madrid e quedarse, así, polo menos, podemos ver outros teatros.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES