Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Do noso rizoma literario moderno

jueves, 18 de diciembre de 2014
Ao ritmo ao que se suceden as investigacións e descubertas do patrimonio literario agradécese que, de cada canto, haxa novos manuais que se debrucen sobre a diacronía da nosa escrita para compendiar o que dela imos sabendo. Á parte, as novas correntes metodolóxicas e hermenéuticas posibilitan tamén asedios alternativos a ese pasado que, por forza, han de ofrecer reveladores ancos dunha realidade que cómpre revisitar periodicamente.

Do noso rizoma literario modernoEstas razóns abondan para xustificar a pertinencia da Historia da Literatura Galega do profesor e crítico Xosé Ramón Pena, que chega agora á segunda entrega da man de Xerais co transparente subtítulo De 1853 a 1916. O Rexurdimento. Por tanto, este volume acomete un repaso integral a todo o producido dende a publicación do libro A gaita gallega de Xoán Manuel Pintos ata a presentación pública (a xuntanza constitutiva fora un ano antes) das Irmandades da Fala.

O manual de Pena salienta entre os do seu xénero por dous motivos: primeiro, polo amplo e actualizado tratamento da obra das principais voces do período e, en segundo lugar, pola extensa exposición da realidade política, cultural e sociolingüística na que se desenvolve a escrita deste tempo, con profusión de datos, circunstancias e procesos históricos, ideolóxicos e mesmo periodísticos que axudan a mellor comprender o contexto no que se desenvolveu a literatura galega daqueles anos.

Extremos como a determinación de ata que punto o Rexurdimento foi ou non un movemento de pegada romántica, de se pode (ou debe) considerarse escrita literaria galega a producida en castelán no Prerrexurdimento ou onde teñen de se situar as bisagras periodolóxicas desta época son, ao meu ver, do máis interesante e orixinal na achega de Pena, quen aposta forte aquí para revisar (pre)conceptos e inercias que viñan funcionando ata o de agora como perniciosa crítica hidráulica. A Galiza histórica de 1853 a 1880 e de entón ata 1916; as coordenadas lingüísticas e culturais do Prerrexurdimento e o Rexurdimento pleno; o Rexurdimento como conceptualización e o que nel influíu o Provincialismo e a renacenza cultural, coa súa continuación no Rexionalismo; o labor dos Precursores; o legado de Rosalía, Curros e Pondal e a lírica entre dous séculos de Lamas Carvajal, Benito Losada, Manuel Leiras Pulpeiro, Do noso rizoma literario modernoEvaristo Martelo Paumán, Florencio Vaamonde Lores ou Alberto García Ferreiro; e, tamén si, a prosa anterior ás Irmandades (Antonio López Ferreiro, Lamas Carvajal, Xesús Rodríguez López, Xan de Masma, Luís Otero Pimentel, Heraclio Pérez Placer, Francisco Álvarez de Nóvoa) e o teatro rexionalista (a Escola Rexional Galega de Declamación, a obra de Galo Salinas e compañía) son os aspectos dos que se ocupa, in extenso, este volume, que remata cunha xenerosa bibliografía final (máis de vinte páxinas) onde figura toda a produción científica de relevo para o período estudado.

Moi valiosa contribución esta Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento, un esforzo de categorización e consideración integral da nosa escrita nese algo máis de medio século decisivo para sentar os alicerces da actualidade creativa que vivimos, o próximo reto que se lle abre a Xosé Ramón Pena para historiar, natural continuación destes cimentos que con tanto ben fican analizados para os que gusten de saber o onde e o como do noso rizoma literario moderno.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES