A Sociedade Fhilarmónica de Ferrol obsequiou ós amantes da música cun concerto cheo de diferentes matices onde a música de Chausson, Ravel, Elgar e Pagés foron da man dunha das mellores orquestras do país, a Orquestra Sinfónica de Galicia que tivo que empregarse a fondo para acadar as diferentes variantes propostas polos compositores.
Comezou o concerto cunha obra de Ernest Chausson (finais do século XIX), músico romántico francés, quizais unha das más coñecidas:

Poeme, composta para violín e orquestra. Non foi este un compositor prolífero pois as súas obras non chegan a setenta, que non está nada mal, dito sexa de paso, nas que se observan notables influencias wagnerianas. Chegados aquí quixera destacar a intervención do solista Nemanja Radulovic por dous aspectos: primeiro, o máis importante, pola súa depurada técnica, polo control dos matices, dos glissandos, pizzicatos, pola sensibilidade exquisita e por elevar o violín a cotas moi altas, e en segundo lugar pola súa posta en escena, absolutamente indie, afastada das normas clásicas, cunha indumentaria más propia dunha estrela de rock que dun músico á antiga usanza. Na escena apareceu un personaxe gótico que portaba nas mans un violín intemporal, un instrumento polo que saian notas dunha pureza e beleza sublime.
Calidade e intensidade interpretativa que mantivo en Tzigane, rapsodia para violín e orquestra de Ravel, con aires de música étnica que subscribiría Django Reinhart, aquel guitarrista de jazz xitano que nacera no 1910 cando aínda vivía Ravel. E de novo Radulovic, encheu o escenario co seu virtuosismo nese solo do principio que foi un agasallo para o público e logo arroupado excelentemente por unha orquestra que sempre sabe estar á altura das circunstancias. Vindo a Radulovic en escena, veu a miña mente Ara Malikian, ese virtuoso do violín nacido en Siria e que vive hai moitos anos en España a quen o goberno español, o ano pasado, denegou a solicitude de nacionalidade. A saber por que.
A segunda parte comezou cunha estrea mundial, coa obra Dende o fondo do espello do autor catalán Xavier Pagés e as cousas cambiaron de rexistro porque a música de Pagés é outra cousa e así hai que entendela. Os ouvidos de súpeto téñense que adaptar, logo de escoitar partituras enchidas de clásicas harmonías e liñas melódicas ás que o ouvido está acostumado, para pasar a escoitar música que ten, si, unha escritura moi precisa, que no caso desta obra require de varios solistas que se van pasando a testemuña en fraseos aparentemente dispares. É a música nova, distinta: afortunadamente, penso eu. Temos que ir pouco a pouco acostumándonos a irrupción de obras de compositores de hoxe en día como este novo autor e director catalán, e agradecer a entidades como a Sociedade Flharmónica de Ferrol, que dean cabida nos seus programas a autores novos e xa que logo a músicas novas. O autor estivo presente e saíu a saudar.
O compositor inglés Edward Elgar puxo a súa música como colofón a un poliédrico concerto, sendo coa súa obra mas coñecida Variaciones enigma coa que a Orquestra Sinfónica de Galicia ofreceu unha mostra da súa potencialidade interpretativa soando pletórica namentres se escoitaba o compasado acompañamento da chuvia na cuberta do teatro a xeito de baixo continuo, como querendo participar daquela fermosa velada musical que, unha vez máis, cumpriu coas expectativas.