Fica pouco de respirar neste outono, en seu derradeiro tránsito estacional, cando cede seu cetro ao solsticio de inverno. Mais o outono ten a súa pedagoxía en tódolos rentes da natureza, capaz de crear un estado de ánimo sosegado nesas cores multiformes que patentan a plenitude dunha paisaxe marcada neste ciclo da vida vexetal e da nosa.

Imaxino estar ao pé da inmensa torada do meu castiñeiro de Podente, que hai un mes que deixei para vir á grande cidade, con súa cúpula piramidal, como nun miniado de libro de horas, e as follas obedecendo o designio das témporas de outono, caendo e compoñendo elocuente alfombra de follaxe. A soberanía do outono, coa súa oferta de froitos maduros, evocados nas recoleccións de labregancia, que son os primeiros clamores no limiar dun outono de uvas coller, como dita o calendario agrícola dos frescos románicos de san Isidoro de León.
No libro de Florentino López Cuevillas, titulado: Prosas Galegas, encontramos unha das evocacións mais sentidas que ilustran a caída das follas das cepas e dos castiñeiros, indicando: Vinde a Galicia no mes de San Martiño, se queredes ver cómo se murchan os follatos das cepas. Vinde a Galicia no mes de San Martiño, se queredes ver fumegar os lumes dos magostos.
Floro Cuevillas fai converxer dous produtos básicos da dieta tradicional, o viño e a castaña, que se xuntan e complementan na festa dos magostos. O escritor ourensán danos esta acuarela de cores outonais: É nas ribeiras da nosa terra, onde o outono pinta os seus cadros. É verdade, nas ribeiras de Chantada como no resto da Ribeira Sacra e doutras comarcas vinícolas, no cumial dos viñedos están os castiñeiros coroando e ennobrecendo a testa das videiras, conxugando o seu verdor de primavera e estío, esclarecendo os dons da natureza para ser pregaria de outonada.
A folla caída resplandece en outono nese fulgor de cores amarelas e vermellas, roulando polo chan e tecendo cantiga e sonorizando acordes de cítara vexetal. O ruxir das follas, na cadencia que xurde dos pés rebuldeiros, proclamando o outono en tódalas soidades posíbeis e que delas precisamos para interiorizarnos no misterio panteísta.
As follas de castiñeiro no eloxio poético de Uxío Novoneyra: os castiñeiros xa sin folla / i as árbores todas. E aínda este poema con sabor a outonada courelá: Días breves en que ún está sempre nunha cousa! / As bouzas verdes fóronse pondo marelas e roxas. / As bouzas roxas pardean cas choivas. // O vento sólo / no souto do outo outono.
A nudez das árbores na elocuencia do que precisamos en outono, a estación dos silencios redencionais na voz dos nosos poetas. Manuel María, no seu libro: As lúcidas lúas do outono, manifesta: O Outono é unicamente quen nos dá / lucidez, equilibrio e perfeición. / Un alcende o seu ser e purifica / os seus sentidos longamente / pra poder receber o Outono / con cortesía, decoro e diñidade.
Con cortesía e decoro o despedimos e del agardamos a repetición das súas cores en soutos, devesas, bosques e ribeiras, tan mal protexidos de depredacións económicas que continúan expandindo nocivas e devastadoras consecuencias no cosmos. O poeta escocés James Thomson (1700-1748), autor do poemario: As estacións do ano, manifestou neste verso: Ollade como se apagan as cores dos bosques. A premonición cúmprese con creces, lamentabelmente, o outono deixa de darnos menos follas e menos sons musicais para nosos pés.
Un dos grandes defensores dos bosques e dos dereitos civís e da desobediencia civil, Henry David Thoreau (1817-1862), deixounos no seu libro: Walden o relato mais impresionante sobre os dons da natureza. Outro dos excelentes libros de Thoreau é o titulado: Cores de Outono, no que sinala: Mentres os froitos, as follas e o día en si adquiren un matiz brillante xusto antes da caída, o ano tamén está a punto de poñerse. Outubro é o ceo do atardecer e novembro, a última luz crepuscular.
Da xeración de Thoreau é Walt Whitman, autor do poemario: Follas de herba, no apartado Autumn Rivulets (Regatos de Outono), encontramos un dos maiores concertos onde a natureza ten seu propio vocabulario na estación de outono, nestes versos: Ou terra morena, xenerosa, parideira ou, útero infinito e fecundo, / déixame a túa canción para narrarte.
A voz unánime dos poetas, dos que buscan nos bosques a súa propia morada liberadora e o trino da paxarada, recompoñendo as plenitudes de outono onde as follas de soutos e devesas continúen dándonos os seus dons de vida plena.