Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pois claro...!

lunes, 15 de diciembre de 2014
O pasado xoves rematei o artigo que día si e día non sostén esta columna, coa seguinte frase: "...Deixémonos pois de falacias, cinismos e hipocrisías e miremos ó noso carón. Seguramente haberá suficientes razóns para entoarmos o mea culpa".

Viña a conto, este aserto de corolario, ó fío do remuíño de sombras que de novo volve xirar arredor do famoso decreto sobre o galego como consecuencia da publicación desa estatística que di que tan só 1 de cada 4 mozos galegos utilizan a nosa lingua para se comunicar (menos no Carballiño, que seica florean nun novo rexurdimento gracias ás políticas locais de normalización que promove a Secretaría Xeral de Política Linguística -en rede- por aquí e por acolá) e da discordancia que eu manteño con esa teoría de que o decreto ha ser a panacea, porque a empírica cotiá que me rodea demóstrame cada día o contrario do que transcende, non da opinión pública, senón da opinión publicada, que, como vostede ben sabe, son cousas ben diferentes.

A nova polémica saltou -xa se sabe que hai colectivos que non terían razón de ser se o asunto da lingua deixase de ser obxecto de polémica- polas declaracións que o presidente da Xunta pronunciou nantronte ó atribuírlle ás familias gran parte de responsabilidade de que fenda a cadea evolutiva da lingua, porque -dixo Núñez Feijóo- "denantes falábase castelán na escola, pero galego na casa, e agora acontece ó revés".

E por máis que esta columna non pretenda, nin moito menos "facerlle o caldo" ó presidente, entre outras razóns porque non o precisa nin porque tampouco sei que idioma utiliza no seu ambiente familiar cos seus pais, ó escoitar tal aseveración, a min non se me ocorre outra cousa ca exclamar: "Pois claro...!". Claro que esa é unha das principais razóns polas que o idioma está perdendo falantes. Ou é que non está farto de escoitar -se é que non o fai vostede mesmo- a un pai, a unha nai, a un avó ou a unha avoa, ir falando entre eles en galego e cando se dirixen á criatura mudan radicalmente o rexistro e pronúncianse con eles en castelán?

E para referendar isto abonda con facer a seguinte reflexión: Ata hai dúas xeracións ninguén aprendeu na escola nada en galego máis alá da regra do "f" e do "h". Mesmo antes, practicamente ninguén, agás as elites, aprenderon na escola ningún idioma porque simplemente non ían á escola, nin había decretos que regulasen e fomentasen o uso da nosa lingua. Máis ben ó contrario. Sen embargo, o galego non caía no desuso. E iso era porque se transmitía de pais a fillos. Pero iso non é que o diga Alberto Núñez. É que xa o dixo Alonso Montero no seu famoso "informe dramático..." de 1973.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES