Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (39)

Rodríguez Cabanas, M. Francisca - miércoles, 17 de diciembre de 2014
Con cariño á madriña Juana

Eran tres, tres irmáns: Juana, Pedro e Francisco. Este estaba casado, e tiña un fillo; quedou viúvo novo. O fillo casouse e non quixo quedar a vivir na casa. Arrendou un lugar onde tiñan que dar o tercio ao amo. Cando collían o maínzo, íanlles axudar os veciños, e facían tres montóns. Logo, o amo escollía o del. Esfollábanllo e metíanllo no hórreo. Pero, sempre quedaban algunhas espigas pola leira, que recollían os que traballaban o lugar.

Deste matrimonio, naceron catro fillos. A maior casouse para unha comenencia alí, veciña. Logo, tiveron o primeiro fillo. Xa o neno tiña sete meses cando a madriña Juana foi á casa onde estaban para que foran para xunto deles, pois xa eran maiores. Foron vivir con eles. Logo, naceron sete nenos máis, os que queríamos moito á madriña Juana. Anque non foi Lembranzas dunha vida (39)madriña de todos, eu si fun a súa afillada. Todos lle chamabamos madriña. Ela tamén nos axudou a criar. Quedou solteira, pero nenos non lle faltaron.

A nena maior aprendeu a coser. Os primeiros vestidos que foron foi un para ela e outro para min. A madriña ensinábaos aos parentes toda contenta. Xa lle parecía que sabía moito.

Pasaban os anos e ela non facía testamento. Unha noite, falando, dixéronlle que, se morría, tiñan que ir polo mundo adiante, pois terían que repartir entre outros parentes. Ela, pola mañá, colleu o mantón e foi a Betanzos ao notario. Fíxolles todo ao matrimonio. Tiñan que coidala e facerlle un bo enterro. Antes, eran esas condicións. Foi moi querida. Ela tamén nos quixo moito. Ás veces, aos cativos mandábanos traballar, e parecíanos moito.

Cando faciamos os freixós, que se facían con rela de pino, poñíase detrás do lume con un pao e dicía: “Vira aquel, ponlle máis lume a este”. Ás veces, cansaba, pero nós queriámola. O sobrado da casa era unha habitación grande, que estaba na entrada do piso. Todo arredor, tres camas. O sobrado tiña unha porta para un cuarto; alí, dúas camas, unha mesa grande para comer polas festas.

A madriña era muller lista; xa sabía ler naqueles tempos.

Eran tres veciños. Compraron os lugares onde vivían. Foi a única que soubo firmar as escrituras e lelas antes. Ata o notario lle preguntou quen lle ensinara, pois iso foi no 1904. Que bonito é saber. Antes era máis difícil.

Sempre me gustaba escoitar os contos da madriña. Foron catro irmáns. Morréronlles os pais de pequenos. Logo, casouse o maior; marchou da casa. Fixeron o reparto. Só tiñan unha sella para a auga, unha artesa para amasar o pan, un ferrado para medir o fruto, un banco, unha mesa. Logo, compraron o lugar os tres que quedaban na casa. Custoulles cinco mil pesetas, que as pediron prestadas. Pero, xa non pagaban renda. Foron descontando a deuda. Xa vivían mellor.

Cando pagaban a renda, ían a pé, pois o amo vivía cerca de Ferrol. Tiñan uns trinta e pico kilómetros. Traíanlle ao señor amo leite callado nunha vexiga de porco. Non había tantos cacharros como agora. O señor amo tiña unha horta moi guapa, pois os ricos teñen de todo. Un ano pediulle unha semente dunha planta que lle gustaba moito, e o amo díxolle: “Juana, para el año que viene me lo dices que te tendré una”. Así foi. O ano seguinte, doulle unha camelia branca. Despois de cen anos, a camelia está aí na horta. Cando velliña, mamá sentaba nunha cadeira fronte á ventá onde está a camelia.

Sempre nos contaba cousas. Sempre se aprende algo. Non se casou. Axudou a criar tantos nenos que a quixeron como se fora avoa. Esta que escribe ten setenta e cinco anos e aínda recorda á madriña, como nos quería. Os recordos non se esquecen. Sempre se transmite algo duns a outros.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES