Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non serven remendos vellos

Mato, Xesús - lunes, 27 de febrero de 2006
Hoxe en día nin se utilizan nos disfraces do carnaval. Menos aínda se deberían usar na nosa vida de relación con Deus e cos irmáns. Remendos e parches están en contradición coa novidade liberadora que trouxo Xesús. Cristo non veu ó mundo a remendar “pelellos vellos”, a manter leis/normas opresoras...senón, pola contra, a mostrarnos o inmenso amor de Deus que renova e transforma todo. O amor é a Lei dos cristiáns.

“Os tempos de crise, cando as certezas se acanean, son propicios para o endurecemento da letra. Trázase unha liña recta e córtanse as ideas, as almas e as persoas”. Así de forte comeza a reflexión deste domingo o amigo Vítor Gonçalves desde a outra banda do Miño. A realidade acredita a vixencia na Igrexa (tamén noutras relixións) e na política mundial e do noso País con abundantes presenzas de vellos remendos dos que nos fala Xesús. Caricaturas, mentiras, insultos e menosprezos enquistados nas institucións, nos medios, nas rúas...cheirando a vello/podrecido. Non son entroidadas casuais.  

A letra non ten nada que ver coa gratuidade e o amor. A letra é seguranza para algúns. A letra (leis/normas) dos fariseos definen fronteiras, establecen procedementos, garanten conciencias, son salvagarda de funcionarios. Dos do Templo e dos do poder civil. As leis/normas, sen espírito, mataron a Xesús e terminan atrofiando a mente e o corazón e aprisionando as persoas. Tamén a liberdade e a fraternidade. Mesmo o amor.  

Cómpre estarmos atentos ao que nos subliña Xesús para acabar co escándalo farisaico actual. A liña da verdade esixe atención constante, fuxir das verdades preconcibidas. Na Biblia o Espírito aparece sempre como algo vivo e en movemento: sopro, fogo, vento, auga, pomba, luz. O noso perigo está en instalármonos no egoísmo que deshumaniza e deixa podrecer o corazón. Quen se agarra só á letra ten un horizonte curto e limitado.

Xesús quere que rachemos coa rutina/apatía, que “usemos pelellos novos para acoller o viño novo do seu Espírito”. Pídenos renovar mentalidades e estruturas a base dunha seria e forte autocrítica. Algo que custa facer, sobre todo aos que teñen poder tanto eclesiástico coma civil e/ou económico. Por iso hai quen quere e provoca “o choque de civilizacións, divisións ficticias, medos absurdos, falsidades...” para que as cousas non muden. Son os mesmos que impoñen o pensamento único e defenden a globalización do mercado, das ideas e das crenzas. Así non se acada o intenso gozo de sermos iguais e irmáns nun mundo de fartura, de ledicia, de esperanza, de xustiza e de amor.  

O Señor pide cambio de mentalidade e actitudes. Non tapar a falla de amor e de entrega coa hipocrisía do “cumprimento” (cumpro/minto) das leis/normas, sen vida. Oxalá este entroido sexa a porta/entrada que abra o camiño da autenticidade/coherencia da Pascua.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES