Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Testemuñas da luz

domingo, 14 de diciembre de 2014
O próximo domingo é xa o último domingo de Advento, antes da festa entrañábel do Nadal. Xoán Bautista segue hoxe a prepararnos para o encontro co Señor do Nadal.

Diciamos en días pasados que os profetas son os que removen as inercias e as pasividades de crentes e non crentes. O evanxeo de Xoán alude hoxe ós representantes da que poderiamos chamar, para entendérmonos, a igrexa xerárquica de entón: os sacerdotes e levitas do xudaísmo. Se ve que eles tiñan preocupación, quizais tamén un pouco de molestia, porque algunhas persoas, que non pertencían ó estamento oficial e dirixente do xudaísmo, parecían interferir dalgunha maneira nas súas funcións. Xoán Bautista era sen dúbida o máis importante entre eles. El non exercía funcións cúlticas, non era sacerdote nin levita. E, a pesar diso, predicaba ó pobo, movía a xente a se arrepentiren e bautizaba ós que se achegaban a el coa auga do Xordán, anunciándolles a próxima chegada do Mesías.

Desde logo non deixa de ser curioso e algo desconcertante o feito de que o Pai do noso Señor Xesús Cristo e Pai noso utilizase para preparar a chegada do seu Fillo onda nós a persoas que estaban máis ben á marxe dos que poderiamos chamar os seus representantes “oficiais”. Porque Xoán Bautista vive no deserto e de forma distinta e tamén bastante distante dos considerados oficialmente relixiosos. Mais Deus é sempre sorprendente. El é meirande cás redes e conceptos cos que inutilmente queremos comprendelo e atrapalo.

Ante o estraño caso do Bautista, ós sacerdotes e levitas do xudaísmo semella que non lles quedaba outra opción que intentar controlar as cousas e, en primeiro lugar, mandar intermediarios para informárense exactamente de quen era el e de que era o que facía. “Os xudeus mandaron de Xerusalén –dísenos no evanxeo de Xoán- sacerdotes e levitas onda el”, onda o Bautista, para lle facer unha serie de preguntas.

E resulta que Xoán Bautista -contra o que eles podían sospeitar- lles responde con toda claridade e humildade que el non é nin o gran profeta Elías que volvera á vida, nin o Cristo-Mesías, nin sequera ten estritamente categoría de “profeta”.

O Bautista era, si, como se nos di alí mesmo, “testemuña da luz”. Como a lúa é testemuña, de noite, do sol que está sempre a vir. A lúa non é a “luz”, non é o “sol”. Pero esa lúa chea, que podemos contemplar nalgunhas noites, podería dicir de si mesma, coma o Bautista, que é testemuña do Sol. Porque do sol recibe ela a súa luz e co seu resplandor, por limitado que sexa, anuncia que o sol está oculto, mais que existe e vai nacer co abrente do próximo día.

A humildade do Bautista é a humildade da lúa, que sabe ben que, se pode iluminar, tal poder non é seu. Ela non fai máis que actuar como voceiro ou reflexo do sol. Ela, a lúa, prepáranos para podermos recibir o sol. Ese sol, ó que non poderemos mirar directamente, porque nos quedariamos cegos, pero que nos posibilitará camiñar sen tropezos, con seguridade, de maneira libre e alegre, creando sempre novos horizontes. O sol é, desde logo, un símil moi axeitado do que Deus é. Coa súa luz, que procede del mesmo, posibilita a vida, a calor e a capacidade de saber onde estamos e onde imos.

Pero en todo isto hai algo aínda moi importante. O Bautista di de si mesmo que é “testemuña da luz”. El anuncia e fai presente, á súa maneira, a luz que só pode vir de máis arriba del. Sabemos que o sol non o podemos ollar directamente, porque a súa luz é excesiva e poderiamos incluso quedarmos cegos. De aquí proveñen as precaucións que debemos tomar para mirarmos cara ó sol cando queremos observar unha eclipse solar.

Pois ben, resulta que o Pai de Xesús vai facer un prodixio incríbel para que o podamos ollar a el sen quedármonos cegos, sen “morrermos”, tal como se pode ler no Antigo Testamento cando, despois de algún profeta ou vidente teren unha experiencia de Deus por medio dun anxo ou do que fose, se di alí mesmo que tiñan medo de morreren por teren visto a Deus.

Cal é ese prodixio? O prodixio non é nin máis nin menos que Xesús de Nazaret. Mirando, ollando, presenciando a Xesús estamos a ver realmente a Deus sen quedar cegos, nin morrer. Cómpre facer lembranza daquilo que dicía Xesús: “quen me ve a min, ve ó Pai”. Polo tanto, se queremos ver a Deus, vexamos, miremos, contemplemos ese Xesús de Nazaret, imaxe viva e perfecta do Pai, que vai nacer no Nadal.

O Bautista mesmo está a anunciárnolo tamén cando no evanxeo de Xoán se nos di que el, o Bautista, era ”testemuña da luz”. El non é a luz, pero anúncianos a luz. E aquí está, como digo, o incríbel. Porque ¿onde está esa luz divina que se poida ver? Cando os enviados polos xudeus lle fan ó Bautista a última das preguntas, a de por que entón el bautiza se non é nin Elías, nin o profeta nin o Cristo, o Bautista responde: “Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes, do que non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia”.

É dicir, a luz visíbel de Deus está entre nós, aínda que non a coñezamos. Dado que a luz invisíbel de Deus non pode ser vista, fíxose el visíbel, e de maneira verdadeira e perfecta en Xesús. Deus está polo tanto realmente “entre nós”. Agora se pode entender por que Xesús é o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”. E por iso nos resulta difícil recoñecelo, porque a Deus con frecuencia o imaxinamos estando alí onde non está (alá arriba, na estratosfera ou non sei onde). Non. Deus está aquí abaixo, con nós ó se facer un de nós e se converter en irmán noso. E agora se poderá entender tamén por que el considera canto lles fagamos ou deixemos de facer ós demais como algo que lle fixemos ou deixamos de facer a el mesmo.

Neste sentido, podemos, pois, dicir con verdade que así como Xesús é a luz visíbel de Deus Pai, así tamén a luz visíbel de Xesús, máis alá do tempo histórico ou biográfico en que el viviu, son e serán sempre, ó longo da historia humana toda, os demais, é dicir, cantas persoas precisen do noso apoio, da nosa axuda. Pois neles habita, como en casa propia, a luz e a chamada de Xesús.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES