O viño da política
Xiz, Xulio - lunes, 15 de diciembre de 2014
Unha vella canción popular proclamaba que o viño que servía a (suponse) taberneira Asunción non era branco nin tinto, nin tiña cor. Aínda así, a tonada pedíalle a Asunción que enchese de viño o porrón.
Na corrupción política ocorre o mesmo que no peculiar viño da taberneira: non é branca, non é tinta; non ten cor. Porque parece que vai tocando (en diversa medida, é verdade) ás diversas forzas políticas.
Moito ten que facer aínda o Poder xudicial nas numerosas frontes que ten abertas por toda España para depurar todo tipo de responsabilidades, porque temos a tentación e sempre caemos nela- de xulgar antes de tempo e considerar culpables aos que só están encausados, chamados a declarar, detidos
porque as noticias circulan á velocidade do raio e, naturalmente, son infinitamente máis rápidas ca as decisións xudiciais.
Cando cheguen as resolucións xudiciais, fundamentadas en investigacións fondas e razoamentos legais exhaustivos, nós non só teremos xa formulado o noso veredicto senón que mesmo xa nos teremos esquecido del e o asunto pode chegar a collernos de novas pensando que estamos noutros asuntos e noutros tempos.
Como quedamos en que o tema da corrupción, mentras non se demostre o contrario, pode afectar a todos con independencia da cor de cada quen, tomamos o todo polas partes como unha especial sinécdoque sociopolítica e podemos coidar que o mal está na política e non en determinados políticos. Iso sería un gravísimo erro que todos teríamos que lamentar profundamente.
Moitos políticos, e moitas forzas políticas, puxeron sempre interese en proclamar que non todos son iguais, e é verdade, pero para isto non hai limpadoras, e é moi difícil de separar o gran da palla.
Aínda así, os procesos xudiciais en marcha serán os que digan ao final como é o viño de Asunción, que aínda sen cor pode ser de boa colleita, e postos a degustalo- seguro que todos nós, bos degustadores destas esencias, poderemos dar a cada un o seu. E os que merezan bastos, bastos; e os que brillen pola súa inocencia, pois que triunfen ouros.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora