Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Don Tabaré, presidente electo dos uruguaios

lunes, 15 de diciembre de 2014
Petición de Manuel Suárez ao Presidente da Xunta de Galicia de distinción ao médico oncólogo Tabaré Vázquez Rosas, de raíces galegas, presidente electo da República Oriental do Uruguai.

Sr. Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

Prezado presidente:

Compráceme dirixirme a vostede para presentarlle unha petición que certamente sei que será do seu interese xa que vai encamiñada ao recoñecemento oficial do meritorio labor profesional e político dun neto da emigración galega no Uruguai. Rógolle teña a ben desculpar a miña indiscreción por non utilizar a vía protocolaria correspondente. Coido entenderá que se así o fago é soamente para alumear mellor sobre a meritoria traxectoria dun cidadán uruguaio que ten a súa orixe partillada entre Santiago de Compostela e Ourense.

Trátase de que a Xunta de Galicia distinga ao prestixioso médico oncólogo, Tabaré Vázquez Rosas, presidente electo da República Oriental do Uruguai. No recente acto electoral celebrado o domingo 30 de novembro recibiu o apoio de 1.226.105 cidadáns que o elixiron como temoeiro para unha nova singradura de progreso en liberdade. Ningún outro candidato presidencial –nos últimos 70 anos-- obtivo tantos votos coma el, o que indica a gran confianza que lle ten a cidadanía uruguaia.

DonTabaré naceu no barrio montevideano de La Teja. Logo do rematar a carreira universitaria fixo a súa primeira viaxe a Galicia para coñecer as cidades nativas dos avós. Lembra a agradable impresión que levou diante da nosa fermosa paisaxe cando ía camiño de Ourense desde Santiago de Compostela. Admirando as pontes ourensás sobre o río Miño albiscou unha certa semellenza coa ponte que cruza o Pantanoso para comunicar aos veciños de El Cerro cos de La Teja, Belvedere e Paso Molino.

Quero manifestarlle que a miña iniciativa nace do meu apaixoado e desinteresado labor de posta en valor das virtudes do amplo colectivo emigrante que axudou a erguer un espazo de futuro na terra do inmorrente Xosé Artigas. Hai máis de 30 anos que comecei coa divulgación da grande achega emigrante no Río da Prata. Coñezo as rúas montevideanas e tamén aos nosos xenerosos anfitrións que abriron de par en par as portas do seu corazón. Teño alí moitos compañeiros que fixeron a mesma viaxe que fixen eu. Quen me ía dicir en novembro de 1958 que estaba a desembarcar nun paraíso cheo de alegría, benestar, candombe e doce de leite.

Síntome avaliado pola miña experiencia e formación montevideana para pedirlle que estude con agarimo a petición de condecoración ou distinción honorífica para o doutor Vázquez Rosas. Poño no seu coñecemento que o noso neto tomará posesión do seu cargo o vindeiro primeiro de marzo, domingo, en Montevideo. Na celebración somos parte activa xa que nas veas da sociedade uruguaia hai moitas pingas do solidario sangue que cruzou o mar buscando novos horizontes.

Sen máis, reciba o meu agradecemento pola súa amable cortesía. Saiba don Alberto que quedo ao seu dispor e que lle ofrezo a miña entusiasta colaboración para calquera aclaración ou suxestión que vostede xulgue comenente.

Saúdao, moi atte.
Manuel Suárez Suárez

(Manuel Suárez Suárez, colaborador de Galicia Digital, Doutor en Dereito e Ciencias Sociais pola Universidade de Montevideo, é especialista no tema da emigración hispana a Arxentina e Uruguai).
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES