Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cara da solidariedade e a cruz da pandeireta

miércoles, 17 de diciembre de 2014
Vendo diariamente as novas que se producen no noso país é doado chegar á conclusión de que temos unha cidadanía de primeira e un servizo público de segunda ou de terceira. Refírome tanto á vida política como aos medios de comunicación que dan cabida a toda clase de intrigas que non deixan de ser cortinas de fume para ocultar os verdadeiros dramas sociais.

Estes dramas están sendo paliados por mans traballadoras, solidarias e loitadoras que día a día se entregan ao ben do próximo sen agardar nada a cambio. Como xa teño dito son mans silenciosas que están axudando a vencer adversidades persoais baixo a perspectiva de que ou saímos xuntos ou sinxelamente non sairemos. Esta é unha boa ensinanza que en troques cústanos aprender de modo colectivo.

Así pódese explicar que mans e voces silenciosas non teñan apenas transcendencia social mentres outras carentes totalmente de sentido solidario se colen nos medios ata monopolizalos.

Sei a ciencia certa que por cada chourizo hai milleiros de mans solidarias tecendo a vida pero tamén sei que a pandeireta dun chourizo fai máis ruído que a man dunha persoa que saca a pasear todos os días a outra con mobilidade reducida, ou os moitos traballadores que teñen como fin a emancipación daquelas persoas ás que a desigualdade obriga a loitar o dobre pola autorealización nos seus soños.

Existen moitas persoas que dende o seu propio traballo están loitando en interdependencia pola igualdade e o acceso ao benestar de toda a cidadanía. Existen pero non teñen altofalantes nin medios de difusión, tampouco os buscan porque non queren ningún tipo de protagonismo, fano de corazón. Corazón iso que escasea nas altas esferas.

De novo nace a esperanza de que podemos ser outra cousa, de que o cerne deste país mantense puro, intacto, incorrupto e que merece unha realidade mellor. Eu sempre me quedo co positivo, sei que pola súa xente este país merece a pena, sei que merece vivir naquela cidade que debuxou o Zeca Afonso na súa Utopía de abater muros para que sexa habitada por “xente igual por dentro, xente igual por fora”.

É posible, sempre foi posible e agora ademais é imprescindible para moitas vidas: as desas persoas que están invertendo o tempo de balde para facer unha sociedade mellor, as verdadeiras formiguiñas traballadoras que nos legarán o futuro.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES