Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Co caos á orde: Que optar?

viernes, 12 de diciembre de 2014
Para comprender o verdadeiro sentido desta pregunta, é mester antes preparar un camiño para formulala no espazo social e, incluso, antropolóxico. O camiño, ao nivel que o vamos recorrer, nin é difícil nin abrupto, créanme; pero, quen non teña nin a máis remota idea del, tal vez se lle presente como un pouco estraño. Intento facelo transitable.

Alvin Toffler é un escritor estadounidense, doutorado en Letras, Leis e Ciencias. Estudou os cambios que sofre a sociedade actual, e ten obras que nos dan a pista dos seus empeños intelectuais: “A Revolución da riqueza”, “O cambio de poder”, “O shock do futuro”, etc. Divide a Historia da Humanidade en tres etapas, que designa co termo “OLAS”, cada unha das cales ofrece modelos distintos da realidade: Revolución Agrícola (abastecemento propio), Revolución Industrial (predominio da máquina) e Ciencia postindustrial (Información). Para deixalo xa aquí, digamos que este estudoso afirma que nesta nosa Terceira “Ola” están a ocorrer “demasiados cambios nun tempo demasiado corto”, e que un importante representante dela é ILYA PRIGOGINE.

Ilya Prigogine élles un profesor universitario belga, de orixe ruso, que estudou física, química, e tamén os sistemas e o seu comportamento. En 1.977 recibiu o Premio Nobel de Química polo concepto de “estructuras disipativas”, dentro da súa “teoría do caos”, da que diremos algo, precisamente porque ten aplicación tamén nos sistemas sociais e facilita, na miña modesta opinión, unha comprensión máis razoable e incluso racional da dinámica social.
A “teoría do caos” ten un amplo campo de aplicación na realidade en xeral: nas estruturas físicas e químicas, na antropoloxía, na psicoanálise, na medicina, na linguaxe..., e, por suposto, na sociedade. Ven a ser o froito sazonado, por agora, desa “tercera ola”, a que fixo referencia A. Toffler.

Prigogine afirma que a realidade, que sempre é unha estrutura sistemática, sexa do tipo que sexa, é unha MEZCLA DA DESORDE E DA ORDE. Aquí o AZAR ten a súa función, posto que do caos xurde unha certa orde, e desta unha certa desorde. Os pasos serían estes: orde→desorde →orde→desorde.... Os sistemas poden ser abertos, cando admiten influencias do exterior, ou máis ou menos cerrados, cando estas influencias non son operativas ou os seus efectos son irrelevantes. Os sistemas sociais son abertos.

As estruturas que xorden dun certo desequilibrio ou caos, denomínanse estruturas “disipativas”: Están chamadas a disipar o estado caótico e elas mesmas a disiparse noutro estado caótico, ou desequilibrio. Aquí está presente a evolución, e encontra a súa explicación fundamental.

Cando calquera estrutura da realidade entra nun estado de desequilibrio, o sistema tende a evolucionar para recuperalo, partindo dun punto de bifurcación, xa que pode evolucionar cara ao equilibrio orixinario, que perdeu ou está en perigo de perdelo, ou cara a outro sistema, auto-organizándose, ata constituír unha nova estrutura.

Isto prodúcese mediante unha retro-alimentación (feed-back), que pode ser NEGATIVA ou POSITIVA. E sería moi conveniente centrar a atención nisto, porque na análise do sistema social é básico:
Unha retroalimentación é negativa cando tende a corrixir unha desviación nun sistema equilibrado, para evitar que pase a un estado caótico, co conseguinte paso, logo, a un equilibrio NOVO; e é positiva cando leva a formación de novas estruturas, introducindo innovación.

Hai sistemas que adoitan ter unha extraordinaria sensibilidade a influencia externa a eles (dise que teñen hipersensibilidade): A propaganda estranxeira, por exemplo, produce un impacto maior nunha sociedade inestable que nunha equilibrada, porque unhas pequenas entradas poden causar grandes efectos. Recorden o “efecto bolboreta”, ao que me referín nunha colaboración anterior.
Con estas ideas previas, acerquémonos agora á estrutura sistemática do Estado Español. É evidente, aínda que se afirme o contrario, que a sociedade española está afectada dunha certa inestabilidade:

-Cuestiónase a unidade nacional (Cataluña, e o que te roldarei, morena);
-os dous grandes partidos políticos, que xestionaron, ata agora, a orde constitucional, están pasando por unha situación preocupante, porque perderon importantes cotas de confianza no pobo, que os leva a un imprevisible futuro electoral;
-a estrutura nacional, en forma de autonomías, tampouco goza dunha xeneralizada aceptación;
-a inversión económica que esta estrutura esixe, seguramente tamén pouco racionalizada, complica o financiamento de servizos básicos de carácter nacional;
-a selva lexislativa e administrativa, que implica verdadeiras marañas de competencia;
-o pais está empezando a saír dunha crise económica, pero non presenta síntomas esperanzadores da recuperación ética;
-o recurso ideolóxico irreflexivo a un pasado doloroso segue incrustado en moitas conciencias do pobo, e non poucas veces utilizado como instrumento electoralista,
-e o movemento dun sector dos cidadáns, emerxente como 15 M, está sendo acaudillado por unha nova agrupación política coa denominación de Podemos, que ofrece solucións improvisadas a problemas reais e ben diagnosticados.

Hai tamén un exterior que podería ser abordado, pero non parece aconsellable, neste espazo, estenderse máis.

Deixando outras cuestións fundamentais, quixera dicir algo, enmarcado dentro deste contexto español, sobre a denominada, por uns, REFORMA CONSTITUCIONAL, e, por outros, APERTURA DUN PROCESO CONSTITUINTE.
Son dúas posturas que nos levan, sen dúbida, a un punto de BIFURCACIÓN no noso sistema constitucional, no que unha autonomía, iradamente, sen escrúpulos xurídicos, nin sequera elegancia formal, está introducindo elementos caóticos, e outras, por suposto, están madurando as propias e peculiares estratexias con análogos propósitos.

As respostas, loxicamente, polarízanse; por unha parte, nunha retroalimentación negativa comprometida coas correccións necesarias para manter o equilibrio constitucional orixinal (PP, PSOE?, e outros partidos), e por outra parte, nunha retroalimentación positiva, coa pretensión de aprobar non tanto outra constitución – que, por suposto, tamén – canto outra estrutura constitucional do Estado Español (Podemos, IU).

Non vou sinalar aos que considero responsables principais desta situación; pero si quero subliñar que se non é fácil activar, nos primeiros momentos, os recursos correctores dun sistema ameazado de entrar en desequilibrio, a dificultade increméntase a medida que pasa o tempo, porque acumula factores novos de inestabilidade e consolida os xa existentes.

Ademais, penso que son poucos (e estes comprometidos co partido) os cidadáns que non poñen en dúbida a eficacia dunha táctica política “metodizada” como demora das solucións a problemas que requiren urxencia, xustamente para neutralizar as tendencias desintegradoras con oportunidade.

Polo contrario, somos moitos, e todos máis capacitados ca min – sen vontade hipócrita, senón realista – , os que vimos denunciando unha especie de PRUDENCIA IMPRUDENTE en todo isto, precisamente en aras dunha eficaz operación de retroalimentación negativa.

O que deixo explicado propicia considerar como momento oportuno a resposta a esta pregunta: Por cal das dúas alternativas sería mellor OPTAR?. Pois ben; toda a ousadía que me poidan atribuír no me impedirá contestarlles: En perspectiva mundial, e para contextualizarse na aínda difusa globalización, eu optaría pola de abrir un proceso constitucional; pero tendo en conta todas a circunstancias históricas e actuais de cada país, e considerando que o anterior é, hoxe por hoxe, utópico, non eutópico, no caso de España, parece moi aconsellable optar polas correccións accidentalmente necesarias que non poñan en perigo o noso sistema estrutural orixinado, na súa esencia, no 1.978.

Esta élles a miña opción nesta situación, na que o caótico busca un lugar, pola nugalla duns, e o aproveitamento doutros, para incardinarse na tendencia dos tempos, que denunciou A. Toffler neses termos citados: “demasiado cambio nun tempo demasiado corto”. E se este intelectual coñecera ben o noso pais, non me cabe a menor dúbida de que o poñería como un excelente exemplo de desasosego institucional. Léase a súa historia...!.

Por iso, penso que hai moita máis presa de presentar os cambios constitucionais para traer á palestra algo que esvaeza a carencia de ideas, que para resolver os problemas que moitos deles mesmos crearon, facendo vítimas a un pobo da súa incompetencia, baleiro histórico e insuficiente rodaxe na experiencia.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES