Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Museo do Humor

viernes, 12 de diciembre de 2014
Cumpríronse trinta anos do nacemento do Museo do Humor de Fene e o asunto foi conmemorado coa importancia que se merece, pois museos do Museo do HumorHumor non hai moitos e xa que logo o de Fene ven de ser unha referencia non so en Galicia senón tamén moi alén da nosa raia. Haiche poucos no mundo.

Foi no ano 1984 cando xurde a idea de impulsar o Museo para darlle pulo ó humor galego, algo que sempre estivo aí pero cumpría poñelo en valor. A iniciativa correspondeu a dúas grandes figuras do humor galego, dous grandes debuxantes, dúas grandes iconas do humor gráfico: Siro e Xaquín Marin que levaran por Galicia adiante, un ano antes, unha mostra itinerante baixo o lema “En defensa do humor”. Era necesario darlle morada ó proxecto e a partires de aí nace a idea de crear un museo ó fronte do cal ponse Xaquín Marin que será director ata a súa xubilación no ano 2008.

Comezou por ser un contedor dunha exposición permanente de artistas galegos pero a cousa foi crecendo coa presenza tamén de debuxantes do resto do Estado e doutros países ata ser hoxe, coma aludín denantes, unha referencia mundial no que atinxe ó humor gráfico, un ágora na que un entra e da que é inevitable saír cun sorriso porque aí dentro amósanse, coa gran sutileza que proporciona o humor, personaxes cuxas vidas transcorren dentro dos parámetros da máis absoluta seriedade e que os debuxantes denudan ata o punto de sacarlles a “bis” máis cómica. Observando algúns dos debuxos que na actualidade están expostos no Museo, un decátase de ata que punto unha imaxe pode expresar unha situación onde farían falta tres folios para expoñela con palabras. Non so atopas alí a posibilidade de sorrir, tamén terás motivo para reflexionar sobre temas que teñen suma transcendencia social.

Hai xa unha morea de anos que visitei o Museo por primeira vez na compaña de Xaquín Marín que me obsequiou cun debuxo das súas famosas botas imperialistas que pisaban ó pobo. Dende entón o espazo museístico recibiu importantes modificacións que hoxe fan que o visitante se atope máis cómodo nas salas, algunhas das cales están dedicadas a monográficos, como por exemplo a que alberga o “humor negro” da que un non sairá indiferente, abofé.

Á xuntanza promovida polo 30 aniversario co lema de “As risas son boas”, asistiron as autoridades pertinentes encabezadas polo presidente da Deputación, o alcalde da localidade e a concelleira de cultura cuxas intervencións antecederon á dun dos fundadores, Siro que, na súa intervención, fixo alusión a importante e decisiva labor do que perante tantos anos dirixiu o Museo, Xaquín Marín que estaba ausente, e invitou ós presentes a facer un percorrido polas instalacións que amosan uns 300 orixinais e uns fondos de máis de 5.000 obras de artistas de todo o mundo. Todo isto fai que o Museo do Humor de Fene sexa único en España, dándose ademais a circunstancia de que a súa erradicación está nunha pequena localidade e non nunha das grandes cidades de Galicia. Co Museo do Humor, Fene adquire máis presenza no mapa.

Tiven oportunidade de novo de percorrer as estancias do Museo, deste renovado edificio que, agora si, pódese considerar en consonancia coas obras que alberga. Sei que Almudena, actual responsable de que a cousa marche polo camiño axeitado, está a poñer toda a carne no asador para darlle máis pulo se cabe a esta xoia da arte do humor gráfico que aquí temos. Dependerá tamén de todos nós que se manteña vivo se o visitamos e animamos a que o visiten. Teremos que celebrar moitos aniversarios máis.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES