Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Rexurdimento e Nós

viernes, 12 de diciembre de 2014
Os pasos da vella complicidade afectiva e dos camiños converxentes da vida que de antigo manteño con Afonso V. Monxardín, leváronme na noitiña de nantronte ó salón nobre do Liceo, onde unha mesa ben poboada deu conta da presentación dunha fotobiografía de Ramón Otero Pedrayo -moi ben traballada, por certo- como documento divulgativo (por onde creo que habería que comezar a redescubrir ós nosos clásicos para novos e non tan novos) da vida e obra do denominado patriarca das letras galegas trasalbés.

Loxicamente, non tiven vagar aínda de me deixar devalar polos textos e polas imaxes que dan conta dunha das moitas vidas que ó longo da súa traxectoria vital experimentou o admirado profesor, cousa que non me preocupa porque tampouco é motivo desta columna o debullamento máis ou menos crítico das súas páxinas. Tempo haberá para gozar da súa lectura e para facer, ó fío dela, as reflexións que a mesma provoque. Pero noutra ocasión.

O que quero traer aquí a colación ten que ver -como en tantas outras ocasións- con algo que aconteceu de soslaio (ou, dito dun xeito máis preciso, cunhas reflexións pronunciadas polo presidente da Fundación Otero Pedrayo, Victor Fernández Freixanes), que penso que merece, cando menos, unha reflexión.

Entre outras cousas, comentou o responsable da fundación que ten solar na casa grande de Cima de Vila -e logo vinllo escrito no limiar da publicación-, que "xunto coa casa de Rosalía de Castro en Padrón, a casa de Trasalba é un dos espazos simbólicos máis significativos da nosa cultura contemporánea", cousa que non xerou senón concordancia, xa que logo nese indeterminado "un dos espazos", Freixanes deixou aberto para outros o saco do esforzo que conleva o que nestes tempos de treboada, a nao da cultura galega se manteña a flote e non naufrague, nin por babor nin por estribor.

O que xa nos fixo remover o cu do asento a algúns (e estou seguro de que tamén llo faría remover ó propio Curros se é que a providencia fixese posible telo sentado alí, como socio do Liceo que foi), tocou cando aseverou que mentres "a casa de Rosalía representa o tempo do Rexurdimento no século XIX (Pondal, Curros Enríquez, Manuel Murguía...), a casa de don Ramón simboliza o Segundo Rexurdimento: o grupo Nós..."

E digo que nos fixo remover o cu do asento, non tanto porque el pense que tan só eses dous pedestais –da súa querencia- son os únicos nos que se sostén o arco de medio punto da popularización da cultura literaria galega contemporánea, tanto polo ninguneo -non sei se subconsciente ou intencionado- que con tal afirmación fixo doutras fundacións, coma a de Pondal ou de Curros -no primeiro caso- ou a de Risco -no segundo-, cuxos programas de xestión non xogan -que diría un futboleiro- respecto das súas, en ningunha división menor.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES