Os alumnos e alumnas da Uned Senior de Xestoso, en compañía do noso profesor D. Felipe Senén López, vimos de visitar o MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia).

Primeiramente, subimos ao Monte do Gozo, onde poidemos observar o estado de abandono no que se atopa o recinto. Logo, as estatuas ao peregrino, desde onde se divisan as torres da catedral.
Seguidamente, visitamos o MUPEGA, cuxa sede actual foi inaugurada en outubro do 2004. Desta maneira, retomouse a iniciativa museística de 1.926, como un centro territorial galego, especializado en materia educativa.

A finalidade do Museo Pedagóxico de Galicia é a promoción, recuperación, estudo, mostra e difusión do legado pedagóxico de Galicia. Deste modo, preténdese, tendo en conta sempre o pasado, traballar no presente e coa mirada posta no futuro. É, ademais, unha maneira de honrar a todas as persoas que, de modo sinxelo e en condicións moi duras, fixeron posible a historia da educación na nosa comunidade.
Nas diferentes plantas, puidemos observar xogos e xoguetes antigos, mobiliario, material didáctico, o mundo infantil, as escolas de alén do mar, o sistema educativo, sala de investigadores, solaina de educadores e mesmo aulas de diferentes épocas, desde a restauración, a república, o franquismo, o posfranquismo, ata a actualidade. Moi significativo da escola de aqueles tempos é o famoso cadro a Escola de Doloriñas, do cal hai unha reprodución no museo.
Á parte das exposicións permanentes, o MUPEGA realiza exposicións temporais relacionadas cos distintos ámbitos da educación e da pedagoxía en Galicia. Ademais de potenciar e incentivar a innovación pedagóxica.
Na actualidade, ten lugar unha exposición para conmemorar os dez anos da súa creación, con gran cantidade de textos e imaxes alusivos a todas as actividades e acontecementos relativos ao funcionamento do museo neste período de tempo.
A algúns de nós, alumnos e alumnas da Uned Senior de Xestoso da aula de Paderne, fíxonos ilusión ver a un mestre, veciño noso, nun dos materiais audiovisuais, concretamente, D. Eloy Río Miño, que acaba de falecer.
Como sempre, unha visita moi interesante.