Coidado dos pobos: Foz
Fernández, Suso - martes, 09 de diciembre de 2014
No ano 1960 (¡hai mais de medio século!), o concello de Foz gañara o primeiro premio no concurso provincial de Cuidado y embellecimiento de los pueblos que, dotado con dez mil pesetas, patrocinaba o Gobernador Civil; un recoñecemento ó esforzo por manter un pobo limpo, acolledor, nun entorno pulcro a favor da convivencia dende o respeto ás persoas e ós elementos, materiais e inmateriais, no discurrir da vida cotiá.
Daquela as prazas e rúas lucían un aspecto de esmerada limpeza, e as froles e plantas, espalladas pródigamente pola xeografía vilega, ofrecían a imaxe dun grande xardín urbán; a tal punto que o enxeño popular aplicara ó alcalde de turno (Pepe Beltrán) o apelativo garimoso de Pepe dos tarros.
Editábase entón en Foz a revista A Rapadoira que no número de setembro do devandito ano, insería unha conversa con Germán López Cao, focego de ampla cultura, que levaba seis anos emigrado en Liberia; naquela Embaixada Americana desempeñara diversas funcións. Preguntado qué fora o que á volta mais o impactara, respostou:Foi o atoparme o pobo regado de froles en macetas ó alcance dos rapaces, sen que unha sóa sexa molestada, nen tampouco os xardins, que é incríble que brotaran en tan curto espazo de tempo, con verdadeira protección por parte de todos. Sirvan estas miñas verbas como definición do grao de educación, cultura e sensibilidade dos focenses.
Ambos episodios levan a considerar que non sempre os comportamentos e as actitudes de gobernantes e gobernados foron iguais, pois hoxendía tiñamos a remota esperanza de que as abondosas choivas desta tempada fosen quen de afastar de entre os pés a merda canina que xenerosamente invade prazas e vías públicas, para tormento da veciñanza que as padece a cotío, e escándalo de visitantes, aos que se obriga a percibir tan noxenta presenza, que se engade ó cheiro abafante do efecto depuradoraque hai mais dunha ducia de anos mentes pouco sensibles nos endilgaron en paraxe acaso o mais ricaz ecolóxicamente da beiramar focega e cos resultados de todos coñercidos.. E así... ¿ata cándo?
(Suso Fernández é Cronista Oficial de Foz).

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora