Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que mercamos e a quen

martes, 09 de diciembre de 2014
Todos os pronósticos agoiran un incremento do consumo este mes de nadal. Para os produtores galegos estas expectativas non serán tan boas como para os foráneos. Por varias razóns. Unha delas é que nas grandes superficies escasea a presenza do noso. É ben sabido que as canles de comercialización están nas mans das grandes industrias, mentres que as nosas industrias de transformación, máis anémicas, teñen dificultades para competiren con esas grandes ofertas nos grandes escaparates comerciais.

Os consumidores galegos procuran prezos máis asequibles que van engrosar as contas de resultados desas grandes empresas que invaden os nosos mercados.O que pode ser unha vantaxe para a economía familiar convértese nun drama. Ese proceder vai en detrimento da nosa economía coa desaparición de moitas industrias de transformación agraria e a desaparición de postos de traballo. A crise do agro galego ten, xa que logo, é por mor da deslealdade dos consumidores galegos que prefiren o alleo e desprezan o propio.

Desde hai varios anos o Foro E. Peinador e Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros veñen espallando polas redes sociais un anuncio publicitario (www.galeguizargalicia.tv) chamando ao consumo responsable que consiste en dispensar preferenza polos produtos criados nas nosas explotacións e transformados por industrias e adegas, ao tempo que insiste na oportunidade de escoller aquelas marcas etiquetadas en lingua galega. A mensaxe é dobre: por unha banda convencer ás empresas das vantaxes de os referenciaren nela, e , pola outra, aos consumidores porque son imprescindibles para faceren posible ese cambio lingüístico e viables as nosas estruturas produtivas.

O chamamento vai dirixido a todos os galegos e galegas sen distingo. Pero se vostede que está a lerme forma parte desa franxa da cidadanía implicada na defensa da nosa identidade, está obrigado a facer unha demorada reflexión sobre os hábitos de consumo propio e familiar, para modificalos na dirección que apuntamos.

O Partido Galeguista en tempos da IIª república tiña o discurso ben elaborado, por iso pregoaba: “Quen, na mesa, bebe viños alleos distintos dos nosos Ribeiros, Valdeorras ou espadeiro, ademais de non teren bo gusto, forxa a escravitude de Galicia; quítanlle un anaco de pan aos nosos irmáns campesiños e favorecen aos que despois de enriquecérense a nosa conta, despréciannos e combátennos.” Chamamento que aínda segue a ter vixencia, porque se non temos soberanía alimentaria seremos dependentes.

Os nosos sindicatos agrarios e partidos políticos, que tantas loitas teñen levado a cabo para defenderen sectores estratéxicos como o lácteo ou o vitivinícola, non desenvolveron parella loita procurando aliados para o mantemento destas industrias con imaxinativas campañas chamando á solidaridade das nosas grandes urbes , que é onde se concentra a maior parte da poboación e do consumo.

É tempo de reflexionarmos e actuar con coherencia modificando os hábitos de consumo. Cómpre abrir un debate nos espazos máis inmediatos a nós para crear unha nova conciencia de galeguidade. As sortes da nosa economía e lingua van parellas. O futuro depende da actitude dos consumidores que poden condicionar a orixe e idioma da oferta.

(Xosé González Martínez é residente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES