Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A acústica e o poder

viernes, 05 de diciembre de 2014
Neste mundo da tecnoloxía e os prodixiosos avances da ciencia, sempre estamos expostos a sorprendentes e asombrosas noticias, que o mellor non o son tanto para os científicos e as persoas documentadas. Sen embargo, se reflexionamos un pouco, nosoutros, os indocumentados, xa nos habíamos decatado de algo.

Quen non tivo ocasión de recoñecer un cambio acústico nas palabras dun amigo/a reconvertido/a en político/a dunha certa sona, ou que ostenta un certo poder en calquera outra leira do quefacer humano?.

Élles o que adoitamos expresar, incluso inconscientemente, cando dicimos que “xa cambiou, preséntase como algo estraño e fala cun certo porte”: Miren por onde tamén os cidadáns de a pé, se nos paramos a pensar, podemos abrir vías de investigación.

O caso é que destas meras intuicións toman boa nota os científicos, empezan a coller datos e informacións, procésanos e xogan con eles, e co que eles suxiren, aplicando a tecnoloxía sofisticada que posúen nos diferentes departamentos universitarios, para logo sacar nunha revista científica unhas notas ou uns artigos que nos deixan pasmados, e, se poden, formalízanos na linguaxe matemática, para o noso maior inri.

A revista estadounidense “Psychological Science”, ofrécenos algúns traballos que están nesta liña, dirixidos por Sei Jin Ko, que pertence ao Departamento de Psicoloxía, na Universidade de San Diego. Con outros compañeiros de investigación sostén que o poder cambia a mesma forma de falar, porque as propiedades acústicas básicas vense alteradas.

Naturalmente, os oíntes percíbeno perfectamente, e incluso hai outros estudosos desta temática que afirman que basta unha soa palabra para formar a nosa impresión doutras persoas, incluso sen contacto visual. Así o manteñen Phil McAlteer, Alexandre Todorov, etc.

Todo isto, que non parece máis que a confirmación dunha intuición que calquera de nosoutros pode ter, penso que contén moita máis faragulla: O feito de que a voz mesture as características físicas (a acústica) co comportamento da persoa que a emite, suscítanos unha certa complexidade nesta particular comprensión do que transmite, directa e colateralmente, polo mero feito de oíla.

Parece que estes estudos teñen moita máis transcendencia da que a simple vista se lles pode dar. Así o amosa o feito de que haxa outras Universidades, como a de Carolina do Norte, que contan con equipos de investigación que están a traballar sobre os modelos informáticos do recoñecemento da voz, como é o caso de Robert Rodman, e outros, que evito citar para non embarullar moito esta colaboración, so pretexto de cubrir os limitados obxectivos da mesma.

Todo este esforzo intelectual dará froitos tamén para vigorizar a protección contra o que se coñece como “ fraude online phishing” (“phishing” ven do inglés “fishing” – pesca , morder o anzol – ), que consiste en suplantar a identidade dunha organización coñecida (banco, empresa, etc.), entre outros medios, mediante a utilización do teléfono, alterando convenientemente as características acústicas da voz, cun adecuado énfase.

Con toda esta información á man, tal vez nos sexa máis fácil comprender por que os que ostentan un certo poder, consciente ou inconscientemente, modulan as características acústicas da súa voz, amén de aplicar uns formatos sintácticos aprendidos daquelas persoas que consideran de relevancia profesional, política, etc., reiterándose, con manifesta afección, no emprego duns poucos estereotipos.

Non será que anda polo medio unha deliberada defraudación...?. Pero aos cidadáns, da mesma maneira que perciben a correlación entre o ton da voz circunstancialmente adoptado e o comportamento, tampouco lles pasan desapercibidas as actitudes defraudadoras, e por iso aínda teñen nas súas mans a liberdade de optar selectivamente.

Sen embargo, nalgúns espazos da actividade social, como no ámbito da política, cando se adquire unha cota elevada de deterioro, non é fácil a selección, porque a acústica ten abondosos matices como para marear a perdiz; pero, ademais, a habilidade tamén se interpón, facendo que vaia dirixida a unha poboación ansiosa de escoitar aquilo que, comunitariamente, considera que é o que procede.

Aínda que a intención sexa perversa, non podemos menos que admirar a astucia dos moitos que hai neste noso mundo actual dispostos a meter a culler no pote da sopa que fai a maioría, e, parangonando a Omar N. Bradley, pode afirmarse que aqueles esfórzanse para que os seus proxectos brillen cunha intensidade suficiente que deforme a realidade que estes perciben...

Esperemos, pois, que os nosos científicos vaian avanzando na investigación e cheguen a ofrecernos recursos para axudarnos a reconsiderar as opcións irreflexivas, porque, unha vez tomadas, a acústica encárgase de cambiar o sentido da comunicación persuasiva: As garatuxas do día anterior deveñen soberbias desatencións no seguinte.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES