50 anos da Coral de Chantada
Pin Millares, Xosé María - viernes, 05 de diciembre de 2014
Hai poucos días a Coral de Chantada celebrou os seus primeiros cincuenta anos da súa fundación e como chantadino de corazón tamén me unín a festa.
A Patria encóntrase onde un está ben (Aristipo)
Síntome honrado pola invitación que me fai o amigo José Fórneas, Presidente da Coral de Chantada, para participar na celebración dos cincuenta anos de existencia da Coral.
Xa van aló ben anos desde que cheguei a Sabadelle, decembro de 1961. A Coral comezou a súa andaina no ano 1964 animada por un grupo de entusiastas e dirixida por don Modesto, coadxutor da Parroquia.
A miña reflexión non se ocupará nin do seu nacemento nin do desenvolvemento posterior, algo que outras persoas exporán con máis precisión e rigor.
Co paso dos anos os recordos esvaécense e mesmo se modifican, pero permanece en min un fondo recordo de gratitude e amizade para tanta xente que me acolleu con afecto e cariño. Xa dicía Aristipo que a patria encóntrase
onde un está ben, de certo, que eu encontreime moi ben en Chantada.
A vila de Chantada era o centro económico e social da comarca, gozaba de puxante vitalidade, pois, ademais da produción propia dunha comarca de bocarribeira estaba en plena construción o encoro de Belesar. En todas as parroquias había enerxía eléctrica e pistas ou estradas de acceso, algo que non era normal en moitos lugares da provincia de Lugo e en todos había escolas de ensino primario, Chamoume a atención que en Sabadelle había máis estudantes de bacharelato e maxisterio que nalgúns concellos da provincia.
Don Modesto (Tito) e dona Amalia, tiveron moito que ver neste extraordinario labor pedagóxico e docente no Colexio Rosalía de Castro (A Academia), para eles merecido recoñecemento.
É ben certo que a cultura no sentido máis amplo é o motor que remove as conciencias e as sociedades, por iso todos os poderes tratan de controlar, enfocar, manexar e domesticar calquera actividade que pretenda espertar a capacidade crítica. Nos anos setenta, a dictadura esmorecía, xorden asociacións culturais. Chantada non foi unha excepción, fundouse a Asociación Cultural Lumieira e o Círculo Recreativo e Cultural tivo unha actividade importante. Abonde con recordar a Semana Cultural de maio de 1977 coa colaboración da Editorial Galaxia.
Polo Círculo Cultural pasaron intelectuais e persoeiros senlleiros da cultura galega como don Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Ramón Villares, Francisco Carballo, Celso Montero, Manuel Albendea, don Fermín Penzol... A finalidade era espallar a cultura galega e o incipiente pensamento democrático, identificado coa oposición ao franquismo.
Cincuenta anos significan moito na vida dunha persoa e mesmo dunha sociedade, pero, posiblemente en poucos períodos da historia, os cambios foron tan notables como no último medio século. Seguramente que estamos a vivir non soamente unha época de cambios, senón un cambio de época moi fondo.
Vexamos algúns puntos que poden confirmar estas afirmacións.
-Na década dos cincuenta aos sesenta, a economía española recuperou os niveis que tiña nos anos trinta. Recuperación que non foi parella cun réxime de liberdades políticas nin ideolóxicas. Non había cultura democrática. O franquismo converteu a España nun inmenso cuartel
-Empeza a emigración masiva a Europa, abríanse novos camiños, cheos de sacrificios individuais e familiares e mesmo de perda de identidade, pero tamén de oportunidades..
- Na década dos sesenta pasouse en moi poucos anos dun uso masivo da motocicleta ao automóbil, popularízase a televisión, con toda a carga de catequese ideolóxica que iso supón.
- O raro era ver un agricultor traballando cun tractor, pero antes do final da década xa era ao revés, o arado romano e outros apeiros tradicionais pasaron a ser elementos de museo.
-No campo relixioso, que eu vivín con moita esperanza e ilusión, desenvólvese o Concilio Vaticano II. A verdade é que ninguén sabía de que ía aquilo. O mesmo cardeal Tarancón conta o gran despiste dos bispos españois nas primeiras sesións conciliares. Os bispos acudiron equipados de mitra, báculo e tratados de teoloxía tridentina, dispostos a reprobar canto se movera, pero aquel mundo era outro. O seu mundo relixioso era arqueoloxía, miraban cara a Trento. Cóntase que o cardeal Ottaviani lle pediu a un coñecido taxista que o levase a aula conciliar e o bo home encamiñouse cara a Trento. Chegaba aire fresco da man de Xoán XXIII. A Igrexa sociedade de desiguais de Pío X intentaba ser pobo, o altar cara ao pobo, todo un símbolo, linguaxe máis intelixible, introdúcense as linguas vernáculas, as dificultades que tivo e ten a lingua galega obedecen a complexos de autoodio e á infravaloración que historicamente se inculcou ao pobo galego. De todas maneiras, houbo unha forte chamada para que a presenza da Igrexa deixase de ser unha axencia de cultos para ser comunidade de crentes.
Aquí está unha parte importante da miña pouco importante vida. Algo moi permanente e inesquecible é a gratitude e o agradecemento ás xentes de Chantada e, en especial, de Sabadelle.

Pin Millares, Xosé María