Arredor do Nadal
Domínguez Guizán, Jesús - viernes, 05 de diciembre de 2014
Estamos xa na edición XLIII de O NADAL EN BEGONTE, un tempo diferente que vivimos neste concello chairego desde que demos en artellar un Belén Electrónico para mellor achegármonos á máis fermosa efeméride da nosa historia.
E se a cada edición desta xa longa traxectoria poderiamos asignarlle cadanseu acontecemento, celebración ou punto de inflexión, neste momento o feito máis destacado é a declaración do Belén e as súas actividades como Festa de Interese Turístico Galego por parte da Xunta de Galicia.
Aínda que o aspecto turístico non sexa o máis relevante da nosa esencia e da nosa existencia, si é importante polo que se refire á súa repercusión na atracción das xentes a contemplar esta manifestación religiosa, cultural e social que reflicte o nacemento de Deus desde unha perspectiva galega e chairega.
Esta declaración, fará ao noso Belén aínda máis coñecido, aínda máis visitado, e polo tanto tamén máis estimado, conseguindo cumprir cada vez en maior medida o propósito inicial de divulgar o feito do Nadal e, á súa vez, contribuir a un maior coñecemento e impulsión do Concello de Begonte (Begonte do Belén).
Coa nosa invitación a tódolos galegos e aos que queiran sentirse galegos connosco, abrimos as portas do Belén Electrónico de Begonte e do Museo do Belén, de par en par, un ano máis, para vivir todos xuntos este especial tempo de ilusión, de amor e de paz.
(Jesús Domínguez Guizán é Presidente do Centro Cultural José Domínguez Guizán. promotor do Belén Electrónico de Begonte).

Domínguez Guizán, Jesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora