Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Para reflexionar

miércoles, 03 de diciembre de 2014
O día que José Ángel Vázquez Berquero deu un paso á fronte para postularse como candidato á alcaldía de Ourense, escribín unha columna na que salientaba a súa valentía por ser quen de mirar cara adiante e decidir facer unha travesía que non se lle antollaba nada doada, nuns momentos nos que sociedade toda (é o que está de moda) non fai máis ca mirar para atrás, ou, dito doutro xeito, mirar por baixo das alfombras a ver se o que esconde o veciño é máis aparatoso co que esconde un e así o seu logra pasar desapercibido.

Destaquei naquel intre a súa afouteza e desexeille vento de popa para cubrir a travesía porque, como xogador de rugby que foi, o tesón e o compromiso xa os trae "de fábrica" e, polo tanto, a nada que lle sopren ben, saberá chegar á meta con suficiencia de seu.

O primeiro ensaio acaba de superalo con esa suficiencia fronte a un peso pesado do seu partido, porque me dá que con esta victoria acaba de poñerlle título ó seu epílogo político, por máis que con calquera que un fale e teña algún coñecemento cercano da súa carreira asegure non saber cómo foi que aconteceu.

Vaian, pois, as miñas felicitacións para un candidato ó que coñezo de vello (mellor dito, de cando eramos máis novos) e que sei que ten coñecementos dabondo para levar o temón do barco que se cadra debería estar levando xa dende hai dous anos.

De tódolos xeitos, como adoito facer, o titular non é o que máis me importa á hora de analizar a actualidade política ou social, senón algúns detalles que o sosteñen e que neste caso teñen que ver coas cifras nas que se move a representatividade política e que, ó meu ver, son para reflexionar profundamente sobre o nivel de distorsión mediática que a política de partidos ten con respecto á súa representatividade social.

Digo isto porque o número de persoas que fixeron posible que Vázquez Barquero vaia loitar por ser alcalde de Ourense foron 237, mentres que o número total de votantes non chegou ós cinco centos. Catro centos cincuenta e un, para ser exactos, segundo informaba onte este mesmo xornal.

Números propios dunha asociación veciñal, dun colectivo cultural e que superan con creces os socios de calquera equipo de primeira rexional.

Si. Xa sei que pola banda de Lestrove os números son aínda máis testemuñais porque a selección vai pola lei do funil. E máis anecdóticas se cabe, a medida que os grupos políticos son de menor presenza social.

Por iso creo que todos deben reflexionar e cando falan no nome dun pobo, sexa este un municipio, unha provincia, unha comunidade autónoma ou un país, deberían seren conscientes de que a súa base social non pasa dun grupo de amigos que se xuntan libremente para politiquear, do mesmo xeito que outros libremente o fan para xogar ó tute ou ó canibá.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES