Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (37)

miércoles, 03 de diciembre de 2014
Recordando a miña nai

Naceu no século dezanove. Era a maior de catro irmáns. Casouse nova, para a casa do mozo que a namorou. Logo, tiveron o primeiro fillo. Cerca, vivía un avó viúvo con dous irmáns, todos maiores. Foron á casa deles e pedíronlles se querían ir xunta deles (xa se coñecían moito), pois festexábanse. Foron para o Ourovello. Alí, nacemos outros sete irmáns. Vivían do campo. Sempre tiveron comida para os fillos.

Mamá non sabía ler. Viñera por alí un home; andaba a pedir. Casouse cunha rapaza do lugar. Facía escola de noite, nunha casa abandonada. Ela foi unha semana. Logo, co interese que puxo, na casa, aprendeu a ler. Cando a guerra civil, lía as cartas dos fillos. Recórdoa chorar. A guerra fai moito dano; non debía de existir.
Lembranzas dunha vida (37)
Recórdoa que, cando era maior, lía moito. Tiña moita fe. Calcetaba; facía calcetíns para todos. Cando viña alguén á casa, sempre había algo que comer. Non faltaba caldo e leite. Naqueles tempos, agradecíase moito (había fame).

Pola mañá, chamábanos cedo, para traballar. Non pegaba; pero, rifaba. Quería que foramos labregos. Tampouco lle gustaban os vestidos de manga curta nin escotados. Se vivira hoxe, non lle gustaría ver a televisión. Ver a xente como sae en coiro.

Gustáballe mandarnos á escola. Logo, aprender un oficio. As nenas a coser. Os homes, mecánico, carpinteiro, xastre. Logo, veu a guerra e xa non puideron seguir.

Na casa sempre había algún neno de fóra; pois, no tempo da guerra, a xente pasábao mal. O que non tiña terras non se fartaba. Meus pais, cando enchían o hórreo e collían moitas patacas, xa estaban contentos. Hoxe, ter pan e patacas non é ter moito. Hai moito vicio. Ben, algúns aínda non teñen moita abundancia.

Tiveron desgustos moi grandes, pois morréronlles tres fillos. Un de vinte meses. Outra de vinte e dous anos e, o maior, de corenta e seis anos. Estaba casado na casa, con dous nenos e viúva. Saíron adiante, con moito sufrimento. A nora coidounos moito. Tiveron sempre arredor deles aos fillos, pois iso é moi importante, á vellez sentirse querido. Eles tamén axudaron. Xa casados todos, venderon os pinos e repartiron os cartos. Non se quedaron con diñeiro para eles. Iso foi o empezo de comprar unha vivenda. Así que estivémoslles agradecidos.

Había que ser moi respectuoso. Rezábase o rosario ás noites. Os homes non fumaban diante dos pais antes de ir ao servizo. Non tiñamos estudos, pois, naquel tempo, só podían estudar os que tiñan moito diñeiro. Pero, ensináronnos a comportarnos como a xente, a traballar para saír adiante.

Que bonito é recordar a teus pais como persoas que te souberon encamiñar na vida. Rifáronche cando fixo falta, aínda que non che gustara.

Cando naceu a bisneta Marta, mamá estaba moi enferma. Quíxoa ver e dixo: “Esta nena vai quedar no meu sitio”. Así foi. Ía cumprir noventa anos cando morreu. Marta, agora, xa é unha moza. Deséxolle moita sorte na vida.

Un recordo para os que se foron. Tamén para os que temos a sorte de compartir con eles as nosas vidas.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES