Unha esponxa anómica
viernes, 28 de noviembre de 2014
Se mo permiten, utilizarei este sintagma para designar a miña percepción da sociedade española actual. Tal vez sexa esaxerado, pero iso mesmo parecía o da modernidade líquida de Sygmunt Bauman, aínda que hai pensadores que consideran que a tradución máis axeitada sería a de modernidade fluída. En todo caso, terei que explicarme. Descúlpenme a ousada comparación: É un recurso pedagóxico.
Anomia é un termo que procede do grego. Se consultamos o significado de nomos no dicionario grego, encontraremos, entre outros, os seguintes: Costume, uso, maneira, orde, dereito; fundamento, regra...; estatuto, ordenanza; opinión... . Agreguemos a partícula privativa a, a-nomos (sen lei), a-nomia (desprezo ás leis), e xorden unha serie de significados que non parecerán estraños a moitos españois, sen grandes escrúpulos semánticos, para designar a sociedade na que estamos vivindo.
Ocorren nela (na sociedade) cousas desacostumadas, úsanse métodos que xeran dinámicas sociais pouco habituais, non falemos de certas maneiras de comportarse, nin da orde e o dereito, tampouco esquecemos a carencia de fundamento dalgunhas decisións e pretensións reivindicativas, e non é fácil o manexo de tantas opinións que cruzan o ambiente creando confusións e desconcertos. Por suposto, non exclúan a miña, que non pasa de ser outra con máis ousadía que valor, pero serve para expresar a perspectiva que ofrece a un cidadán de a pé a situación na que vive, sen moitos adornos de erudición, nin escolmas documentais.
Refírome a anomia no ámbito da socioloxía, entendida como a falta de normas ou a incapacidade das estruturas sociais para lograr certas metas da sociedade, por degradación das regras necesarias, eliminación das que había, ou incumprimento, máis ou menos consentido, polos que teñen a obriga de cumprilas; pero tamén hai anomias causadas por promulgar leis que van contra o sentido común, e que son letra morta, por múltiples razóns que non vou salientar aquí. Me parece importante, así mesmo, ter en conta a existencia de anomias psicolóxicas e da linguaxe, que, aínda que non están desvinculadas das sociais, teñen características propias.
E metido nesta danza, non podo escusarme de ofrecer unha información a quen careza dela, de paso e incidentalmente: Este termo introduciuno o famoso sociólogo francés Émile Durkheim, na súa obra A división do traballo social. Tamén o utilizou Robert K. Merton na obra Teoría social e estrutura social. Curiosamente, o primeiro fixo un estudo monográfico da súa aplicación ao Suicidio, e o segundo, aborda a disociación entre obxectivos e medios para acadalos, que impide que certos sectores da sociedade non poidan acceder aos necesarios para obter os fins establecidos socialmente.
Eu engado, pola miña conta, que así se explica a existencia das castas, un termo que tanto manexa Podemos e que, por moi paradoxal que sexa, parece que tamén os integrantes desta formación política non rexeitan algúns comportamentos propios da mesma categoría social, nalgunha das súas prácticas.
Non me sorprendería que os lectores ilustrados asomaran un sorriso polos espazos ós que eu estou levando a aplicación da anomia. Por se lles servira para atenuar os efectos deste xesto, déixenme ofrecerlles unhas aplicacións daquela, feitos nada menos que por unha das máis brillantes intelixencias arxentinas do século pasado, Carlos S. Nino, filósofo e xurista, doutorado en leis pola Universidade de Oxford.
Di este intelectual que nun país, á marxe da lei, existen unha serie de condutas que configuran un conxunto social anómico, entre as que inclúe a forma de transitar polos espazos públicos, como estes son coidados, a naturalidade con que se evaden as responsabilidades cívicas como o pago de impostos , a forma en que se contamina o ambiente, a EXTENSIÓN DA CORRUPCIÓN, etc.
Segue afirmando que o factor anómico recoñécese pola xeración de niveis baixos de eficacia, e sinala tres tipos de ilegalidade diferentes: A desviación individual, cando os individuos encontran conveniente para os seus intereses! deixar de observar a lei, dado o probable comportamento doutros; a anomia que se presenta nos CONFLITOS SOCIAIS QUE LEVA A UN SECTOR A DESCOÑECER A LEXITIMIDADE DA AUTORIDADE QUE DITA AS NORMAS EN CUESTIÓN, e o que chama anomia boba, naquelas situacións sociais nas que TODOS RESULTAN PERXUDICADOS.
(Enlace: http://es.wikipedia.org/wiki/Anomia).
Conclúo esta referencia cunha significativa frase do mesmo C. Nino: ... unha acción é anómica, no sentido de ´ilegalidade boba`, se resulta menos eficiente que calquera outra que podería darse na mesma situación colectiva e na que se observa unha certa norma. (Ibidem enlace). A polivalencia da cita permite a súa aplicación a todos aquelas condutas pautadas na nosa sociedade, cando saltamos as barreiras legais polo mero pracer de facelo.
Considero, despois do explicado, abordada a adxectivación do título desta colaboración; pero débolles unhas liñas dedicadas ao substantivo esponxa. Aquí eu escolmo a segunda acepción que nos ofrece o DRAE e extrapóloa a certos integrantes da sociedade: esqueleto dos esponxiarios, formado por fibras córneas entrecruzadas en todas direccións, e cuxo conxunto constitúe unha masa elástica chea de ocos e buracos que, por capilaridade, absorbe facilmente os líquidos. Úsase tamén en sentido figurado, que, certamente, é o que me interesa aquí.
Entendo por esqueleto a sociedade quiescente nunha situación xerativa de disfuncións estruturais; por fibras entrecruzadas as tramas con canles polas que flúen intereses privados, en todas direccións, cara a axentes persoais nas institucións, e ó revés, que conducen aos ocos, tomados aquí como espazos de impunidade fiscal; e o conxunto, un todo heteroxéneo de entretecidas realidades naturais, artificiais e virtuais, no que pelexan as débiles forzas de integración social coas dos espazos anómicos, que esquivan a legalidade, obxectivando e tipificando as diversas figuras de corrupción: Todo moi complexo e enmarañado!!!.
Entendida desta maneira a sociedade, en termos orgánicos e funcionais, é fácil comprender que os tres poderes executivo, lexislativo e xudicial teñan asignadas funcións específicas para evitar e corrixir as desviacións individuais no cumprimento das normas que integran o marco legal; restablecer o recoñecemento da lexitimidade da autoridade, e, por último, restaurar a normalidade nos casos da anomia boba, evitando os prexuízos de todos.
O poder xudicial está intentando estrullar a esponxa para reducir os ocos e desentrañar as tramas da mesma; pero é posible que estea lonxe de conseguilo ata uns niveis razoables, porque non parece que o lexislativo e o executivo o doten dos medios necesarios: Instrumentos xurídicos adecuados e recursos económicos para facer eficaz e vigorizar a estrutura xudicial, como garante do estado de dereito.
Sen embargo, é urxente corrixir as actitudes anómicas, con eficacia e rapidez, nas tramas da nosa sociedade, e non deberían demorarse os cambios RAZOABLES porque o esixe o noso contexto, se non queremos caer nun determinismo fáctico que arrastre a outro TRAUMÁTICO e que leve das mans nada menos que o control constitucional da situación, precisamente por non ser oportunos en marcar os tempos. Non sei se os políticos se decatan disto; o pobo ten a impresión de que se está a facer nesta liña ben pouco, por razóns que sería ocioso repetir aquí.
Lexíslase con tal profusión que o sentido común queda obnubilado na maraña lexislativa, e, pola contra, déixanse espazos de indiscutible importancia sen cobertura constitucional eficaz, como se evidenciou cando abdicou D. Xan Carlos, que foi preciso sacar os pes das alforxas para promulgar a tempo as normas constitucionalmente esixibles.
No caso concreto de Cataluña, difundiuse que o Goberno Central podía intervir a Autonomía, e todo quedou nunha argallada de colexiais, sen saber ata onde van chegar as responsabilidades das persoas que propiciaron as numerosas e relevantes anomias.
Por outra parte, os aspirantes á alternativa de goberno non saben por onde meterlle o dente a Constitución, dentro dun espectro que vai dende o seu cambio total ata os máis leves peiteados, que poden facerse de cada dous ou tres anos, alegando simplemente haberse equivocado...!. Toda unha evidencia de tenteos froito da inconsistencia dunha visión política mediocre.
Ante todo isto, os españois deberíamos afianzarnos na convicción de que a nosa sociedade presenta unha perigosa configuración esponxosa, que, se non a impregnamos de comportamentos éticos consistentes e non lle insuflamos aires de renovación institucional e concienciación colectiva, evacuando as anomias, non parece razoable manter unha actitude optimista, posto que os ingredientes estruturais son abondo maleables e inconsistentes como para aceptar formas caprichosas, en ensaios que poden ser dolorosos.
Os partidos que nos foron arrastrando a esta situación teñen a obriga de evitalo. Pero din os entendidos que non ofrecen trazos intelixentes e que ilusionen, porque sempre están a cargo dos que teñen que aprender a facer os deberes de cada día: Reina a improvisación...!.
Rubal, Pedro