Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Négome a matar a política

jueves, 27 de noviembre de 2014
Vale mellorar, cambiar o presente, pero non vale deostar a Transición, porque nese momento fíxose o que se puido e de non facelo así teño as miñas dúbidas de que se puidese estar a falar na clave en que hoxe nos situamos.

Obviamente, os principios en que se baseou aquel proceso son abertamente revisables, porque o tránsito foi moi condicionado. Hoxe, as circunstancias políticas e sociais mudaron e, evidentemente, os tempos son chegados. Entón, todos perdemos un pouco. Pasar dunha ditadura á democracia sen movementos traumáticos non sería posible de non facer a operación tal como fíxose. Sen esquecer sucesos traumáticos como a matanza de Atocha ou o propio intento de golpe do 23-F. E, quede dito, particularmente o que subscribe era naquel momento rupturista, non reformista, pero andando o tempo decateime de que aquela era a Transición posible.

Non se pode caer na contradición de invocar con frecuencia, "as conquistas sociais e de dereitos alcanzados polos nosos pais e avós", Pablo Iglesias dixit, e doutra banda afear o proceso da Transición, porque esta tamén foi unha conquista no seu momento dos pais e avós. En suma, está ben que pasen páxina, porque, en efecto, hai cuestións que nese momento non tiveron encaixe e quedaron pendentes, pero non me gusta o tonillo de fondo, o sonsonete co que se refiren á ditosa Transición. E, ademais, corremos outro risco, que consiste en que baixo o manto longo e ancho da corrupción metamos todo para, acto seguido, invalidar e negar en termos absolutos case corenta anos de libre convivencia -o período máis longo de estabilidade da historia de España, tras século e medio de alternancias de ditaduras e democracia- o que me parece unha perversión total do discurso político.

Urxe purgar e limpar as sentinas das institucións e dos partidos políticos. Urxe reinventar o nobre concepto da política, agora vilipendiado. Nesa liña emerxe con forza sorprendente a formación que lidera Pablo Iglesias da que se espera que vaia cobrando identidade cun programa concreto e que defina o seu pensamento ideolóxico, porque iso de que non somos de dereitas nin de esquerdas (senón todo o contrario) é pura indefinición, unha entelequia.

Non creo que este país se baleirase ideolóxicamente, así a todo penso que a sociedade rexeita os políticos corruptos, que é cousa ben diferente. Non se debería permitir que os políticos ensucien a política e ao final, os conceptos da política e os políticos sexan interiorizados como a mesma cousa. Négome a matar a política.
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES