Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (9)

jueves, 27 de noviembre de 2014
Leoncio Bescansa Casares. Arquitecto e deseñador dos planos do edificio do Hospital Asilo. Sabemos que naceu na Coruña en 1879, que se titulou de arquitecto en Madrid en 1903, que foi arquitecto municipal O Hospital asilo de Vilalba (9)en Lugo entre 1907 e 1909 e que logo exerceu como arquitecto diocesano de Lugo e Mondoñedo e da Deputación Provincial.
En 1910 trasládase a Santiago e exerce tamén como arquitecto municipal, pero a partir de 1912 xa se de dedica en exclusiva á profesión libre na Coruña.
É na cidade herculina onde realizará as obras máis significativas da súa actividade. Para os filántropos esposos Labaca deseña en 1912 as escolas Labaca, destinadas á educación de nenos sen recursos e en 1927 a clínica Labaca, hoxe hospital oncolóxico.
Tamén foi autor dos planos do cine Linares Rivas (1918), do edificio do banco da Coruña (1923), do cine Hércules (1930) e outros edificios singulares da zona da actual praza de Lugo da cidade da Coruña. En 1915 foi nomeado académico de Belas Artes.
Ata 1920 os seus deseños móvense entre o eclecticismo finisecular e o modernismo. Logo opta por opcións ecléctico academicistas de acordo coas tendencias da época e cos gustos dos responsables dos seus encargos.
Os planos do hospital asilo de Vilalba hainos que enmarcar na etapa da súa estadía en Lugo, aló por 1910, e responden ó encargo da Comisión Executiva dun edificio austero, práctico para a finalidade de hospital dunha vila e lonxe de todo elemento superfluo. O conxunto resulta de trazado elegante e harmónico. Os materiais utilizados responden ó pragmatismo dun edificio que debía reunir tanto durabilidade coma economía de medios: dous tipos de pedra do contorno e madeira da zona, ou mesmo de fóra cando se precisase.

Os vilalbeses en Cuba. Por correo chegan noticias de que o pasado 19 de abril a «Unión Villalbesa y su Comarca» celebrou outra festa na Tropical que tiña como obxectivo o de bendicir o estandarte da asociación. Descríbese así: Es de forma rectangular, festonado por abajo y dividido en dos triángulos, azul el superior y blanco el inferior... Tiene las letras bordadas en oro, en el centro el castillo; fleco dorado y cordones de la bandera cubana y española... Fue madrina la distinguida villalbesa señora Consuelo Goás de Bouza. El estandarte se puso bajo la protección de la Inmaculada. Houbo xantar típico: xamón de Árbol; sanchichón de San Cosme; mortadela de Gondaísque; carneiro asado de Santa Eufemia con patacas de Oleiros; leitugas de Gaibor; mazás da Feira do Monte; tinto do muíño da Magdalena, lager da Tropical, café do Casino, puros do Carlete... Asistiron uns cincocentos dez comensais. Na sobremesa, en nome dos socios, falou don Emilio Eymil. O baile comezou ás dúas e del encargouse, coma moitas veces, a orquestra de Pablito Valenzuela que interpretou ritmos tropicais. Nos intermedios o gaiteiro Benigno García deleitou con aires da terra. Nestes momentos era o presidente Manuel López Arias; vice Aniceto Espín, secretario Eloy Villalibre, vice Eusebio Paz, tesoureiro Segundo López, vice José López. Consuelo Goás era a esposa de Jesús Bouza, socio da casa «Rambla y Bouza» da Habana, negocio de artes gráficas e librería onde se imprimía a Gaceta Oficial de Cuba e o Diario de Sesións do Congreso, ademais de numerosas obras de autores cubanos. Establecida na rúa Obispo, era sede de parladoiros entre escritores. Entre 1917 e 1924 publicáronse alí máis de 500 títulos. En 1938 un incendio arrasou as súas instalacións e acabou co negocio.

Festa da Flor. Tamén os de Vilalba promovían actividades lúdicas coa finalidade de recadar fondos para a construción do hospital asilo. No mes de marzo celebrouse unha festa da flor que obtivo un superávit de 56,25 Pts.

Escola en Muras. Vaise construír un novo edificio. O seu orzamento ascende a 13.000 Pts, das que o concello aporta 8.490.

Visita do bispo. O día 29 de maio o bispo de Mondoñedo, Juan José Solís y Fernández, realizou visita pastoral a esta vila e a varias parroquias do arciprestado para confirmar nenos. Foi recibido cos honores por autoridades civís e eclesiásticas. Antes da súa marcha iniciou con 500 Pts a subscrición para mercar un órgano con destino á igrexa de Santa María.

Situación de España e emigración. Baixo o pseudónimo de «El Hidalgo de Albaartigo no «El Eco de Villalba» de 13 de xuño no que reflexiona sobre a situación na que viven os españois e a necesidade da emigración. Velaí as súas palabras. Quien se pare a reflexionar sobre la situación actual de España no podrá por menos que sacar una impresión triste, lamentable, desconsoladora... Si echáis una ojeada sobre el territorio español os convenceréis de las bellas mentiras con que se adornan sus pueblos todos... Venid conmigo a los puertos gallegos y andaluces... ved esos bultos que se mueven. ¿Qué son? Son los emigrantes desheredados de la fortuna que esperan a la intemperie la hora de embarcar. Permanecen mudos, callados, silenciosos... Venid ahora al campo. Mirad para el labriego con el rostro tostado por el sol, surcado por arrugas profundas, vigorosas, que delatan bien a las claras su ruda labor... Entremos en una de sus casuchas miserables. Están las paredes mugrientas, destartaladas... Sobre una mesa burda una taza de caldo espeso, pero sin grasa; unos pedazos de pan moreno, eso es todo el alimento de una familia con prole numerosa. ¿Os extrañáis de que la emigración cunda?... Entrad en una tienda; no se vende; los artículos están parados; el comerciante se halla preocupado... El Estado agobia con nuevos tributos; la Hacienda acosa para que se le pague... El presupuesto es una burbuja que se hincha... Reparad en los grupos silenciosos de emigrantes tirados como fardos en los puertos gallegos; observad las arrugas vigorosas del labriego, en su rostro tostado por el sol; entrad en la tienda del comerciante que no vende y del industrial que se hunde; fijaos en la cara famélica del pobre jornalero y os percatareis de la verdadera situación de España, triste, lamentable, desastrosa.

Xira á ponte dos Freires. Como todos os anos, o día 29 de xuño celebrouse xira campestre. Este ano houbo menos merendas, pero os asistentes non renunciaron ó baile.

Viaxe de Manuel López Arias. O presidente da «Unión Villalbesa y su Comarca» desembarcou no porto da Coruña xunto co vicepresidente Aniceto Espín. Cosme Sacido Ramil asumiu a dirección da sociedade en Cuba. Días máis tarde, 28 de xuño, asiste a unha reunión da Comisión Executiva para a construción do futuro hospital de Vilalba. Na acta dise que manifestou os bos desexos de que está animada a sociedade na Habana e que estes bos desexos están encamiñados a contribuír na medida das súas forzas á realización das obras... Cremos que tamén realizou unha vista ó edificio, observou o seu progreso e comprobou que os fondos enviados estaban ben investidos.

† Balbina López Iglesias. Era a esposa de Ignacio Cacharrón, secretario municipal e da Comisión Executiva. O enterro verificouse o 26 de xullo e a el asistiron numerosas persoas da comarca.

A quinta de 1909. Axiña se vai licenciar de non haber novidade na guerra de Melilla.

Relousado dos alboios do campo da feira. Foi acordado na sesión do Concello do 5 de agosto. Custou 50 Pts.

De foot-ball. No campo de deportes do club «Castillo» hase librar o día 2 de setembro un amigable mach de foot-ball entre os primeiros teams del «Castillo F.C.» desta vila e o club «Elisie», formado por varios mozos ferroláns e ponteses.

A hixiene local. ...Os cochos continúan circulando a todas horas, día e noite, polas rúas como por calquera corredoira, deixando certos rastros que pugnan coa hixiene pública. As ventás dalgunhas casas céntricas serven para desafogos de fregonas e desapensivas que bautizan ó máis pintado sen dicir: auga vai!, Porque moitas veces é máis ca auga o que botan na vía pública, sen que ninguén se coide de poñer couto a tales abusos.

Os vilalbeses da Habana. A «Unión Villalbesa y su Comarca» celebrou unha festa o día de San Roque no Palatino. O menú: xamón de Goiriz, salchicón de Cospeito, olivas de Lousada, lacón de Santaballa, patacas de Belesar, leituga do Alligal, melocotóns de Árbol, peras de Carballido, tinto de Ramudo,... A orquestra Valenzuela interpretou bailables. Tamén houbo gaita e tamboril.

Homenaxe a Pascual Veiga. En setembro trasladáronse desde Madrid, onde falecera, os restos do afamado músico galego. En Mondoñedo fíxoselle unha gran homenaxe e, naturalmente, estiveron presentes as forzas vivas de Vilalba co seu alcalde, Andrés Basanta, á fronte. Ademais Antonio Díaz Requeijo, Domingo García Gesto, Francisco López Arias,...

Ruína da ponte Trimaz. Na sesión do Concello do 21 de setembro deuse conta de que a ponte quedara arruinada. Logo de que o mestre de obras, señor Fraiz, fixese un orzamento, habíase solicitar á Deputación unha subvención de 1.000 Pts para amañala.

«El Eco»/«El Ratón». En cartas abertas diríxense os dous xornais diatribas pola cuestión do uso das gaitas do país e dos xeitos de tocalas. Defendía «El Eco» -Antonio García Hermida- o uso tradicional da gaita, coa súa afinación e acompañada dun tamboril e dun bombo. Desde «El Ratón» Antoñito Peña estaba compracido con que lle sacasen o roncón á gaita para poder ser acompañada doutros instrumentos de vento. Detrás de todo, un grupo de gaitas denominado «Os Trinta». E se cadra algo máis tamén había.

«Xuventude Antoniana». En Vilalba constituíuse a asociación de mozos e mozas o 27 de outubro. Tiña uns obxectivos fundamentalmente relixiosas, de devocionario tradicional e de
carácter literario e musical.

Contribucións dos bonaerenses. Os residentes en Bos Aires están mobilizándose, sen grandes ruídos, para aportar fondos á construción do hospital en Vilalba. Á fronte dunha comisión que se acaba de constituír vemos a Francisco García Olano, quen persoalmente contribuíu con 200 pesos. Para este mesmo fin xa se recibira un donativo de 793,10 Pts do fondo de beneficencia do «Banco de Galicia y Buenos Aires». Daquela o Centro Galego de Bos Aires contaba con 3.035 asociados.

«Al X de enfrente». Continúan as controversias entre «El Eco de Villalba» e «El Ratón». Agora o asunto parece estar en demostrar quen sabe máis de literatura e quen se engana ó citar autores clásicos. Entra no debate un vilalbés desde As Pontes que se decanta polo editorialista de «El Eco» e arremete contra «El Ratón»: ...individuos que ni la vida privada de sus prójimos saben respetar, sólo merecen que se les desprecie.
O Hospital asilo de Vilalba (9)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES