Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O risco da omisión

miércoles, 26 de noviembre de 2014
Onte foi un día triste porque dende hai moitos anos o día 25 de novembro trae a memoria das vítimas da violencia de xénero, unha barbarie que nos desangra día a día e que nos priva de vidas cheas de ideas, ilusións e proxectos. Hai moito que este pasou a ser un problema social mais aínda hai quen quere mantelo en terreo privado de xeito totalmente irracional, algo que fai cavilar na función do estado cando non protexe as vidas da cidadanía que lle dá a súa razón de ser. De novo, atopámonos no extremo absurdo da vida pública cuberta de protocolos e de leis firmadas polo que lle toca que logo se volven tinta de auga.

O problema segue aí entón, optamos, novamente, por meter o rabo na silveira e mirar para outro lado tropezando de xeito reiterado no poema de Bertolt Brecht que reflicte as áncoras do pusilánime nas que non somos quen de avanzar. Fálase moito na política de construír unha sociedade moderna, chea de porvir. Para esa sociedade non vale calquera mentalidade, esa sociedade precisa unha mentalidade colectiva que vexa no benestar un obxectivo común e non un xeito de trepar por riba dos demais. Unha sociedade moderna non pode omitir persoas, non pode omitir a cara do sufrimento para disfrazarse de progreso ante o mundo. Unha sociedade moderna precisa pensarse, empaparse das súas propias miserias ata buscarlles unha saída cara ao porvir e facer colectivo cada drama humano para loitar por desterrar os sufrimentos evitables.

Na semana da violencia de xénero débese volver a incidir en que este é un problema de todas e todos nós; un problema que temos que atallar en colectivo concienciándonos de que nacemos para ser libres e que a necesidade de liberdade é consubstancial á vida humana. Polo tanto, ningún anel, ningún papel e ningún ritual pode erguerse como absoluto para coutar a propia liberdade porque a liberdade é o único camiño que segue o amor verdadeiro e porque nesa liberdade reside o sentido da vida.

Nun experimento sociolóxico feito en Suecia , unha parella de actores protagonizan unha discusión violenta, por parte do home nun ascensor. De 53 persoas que pasaron só unha se atreveu a intervir defendendo á vítima. Entón, en Suecia e aquí temos un problema e é o establecemento de relacións de poder. É necesario educar para a igualdade pero non é menos necesario educar contra o silencio, educar na firmeza dos valores, na interiorización efectiva que nos fai responder dende o mesmo. A violencia de xénero é un problema que nos vén demostrar que a palabra e a moral son os dous piares da liberdade e da democracia e que a única forma de rematar coa violencia é educar no diálogo, na diversidade de pensamento e na solidez dos propios valores. Todo o que a sociedade non admite acaba nos seus arrabaldes; é dicir, acaba caendo polo seu propio peso. Un problema social como a violencia de xénero necesita un tratamento social, un rexeitamento público ao feito e un apoio público ás vítimas, traducido na posta en marcha de todos os recursos precisos para a cobertura das súas necesidades. Coido que esta é unha tarefa imprescindible nun país que quere ser democrático e social. Se este país quere existir con coherencia a súa cidadanía debe asumir o lema daquel disco de Saraibas: xa non podemos calar.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES