Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Díaz Castro: 'A beleza feriume para sempre' (e 9)

viernes, 21 de noviembre de 2014
En todos os poetas, que pasaron polas aulas do Real Seminario Conciliar de Santa Catarina de Mondoñedo, se deixa ver unha fonda formación humanista que recibiron no Seminario e que reflexerán nos seus poemas. Esa formación humanista lévaos a humanizar todo o que está a súa beira. Xosé Trapero Pardo escribiu: “Humano, porque nos seus primeiros anos conviviu coas xentes da bisbarra nativa, onde o senso de solidariedade, por necesidade de mutua axuda, ou pola convivencia dos mesmos problemas vitais, fai que a xente se comprenda ou se rexeite, segundo os casos. (...) Mais o noso poeta, tan humano, é tamén humanista, porque desque nas aulas do Seminario de Mondoñedo se meteu por entre a fronda dos autores latinos, xa engadiu á nativa outro senso de humanidade” (1).

DÍAZ CASTRO, HUMANISTA, NUNHA LIÑA POÉTICA POPULAR E COSTUMISTA

Os poetas do Seminario están nunha liña poética popular e costumista. No poema de Díaz Castro “Vísperas” vemos claramente esta característica. Nel o poeta lembra o día antes da festa de Nosa Señora do Carme, que, no Buriz e en gran parte da Terra Chá, se lle chama a festa do Carmio, denominación que conserva Díaz Castro. Segundo Alfonso Blanco Torrado, “Desde o Río do Porto, o poeta vive a festa con toda intensidade, e faina vivir ós comunicantes, a través de imaxes tan evocadoras coma esta: ‘Foguetes lonxanos cain no río’, no reflexo que eles fan na auga, dando a impresión de que están a caer alí mesmo” (2).

Nos poetas do Seminario hai un predominio do descritivo sobre o lírico. En Díaz Castro dáse, sobre todo, nos poemas anteriores a Nimbos, en concreto no caderno Follas Verdes. Pero esta característica dos poetas do Seminario de Mondoñedo, non aparece dun xeito nidio en Xosé María Díaz Castro, como moi ben afirma Alfonso Blanco Torrado: “(...) Ata agora unha poesía moi descritiva, que irá esvaéndose na medida en que o poeta vai madurecendo no seu crear”(3) .

NOTAS:
1.- TRAPERO PARDO, Xosé, “O humanismo en Xosé María Díaz Castro”, en Homenaxe a X. M. Díaz Castro, ed. Asociación Cultural Xermolos, (Vigo, 1987) páxina 160.
2.- BLANCO TORRADO, Alfonso, A ascensión dun poeta (Lugo, 1995) páxina 92.
3.- BLANCO TORRADO, Alfonso, A ascensión dun poeta (Lugo, 1995) páxina 30.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES