Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O galego, un deber

miércoles, 15 de febrero de 2006
A finais dos anos sesenta, o cantante máis sonoro da "Nova Canción Galega", Xoán Rubia, cantaba unha estrofa que era unha bandeira: "O galego que non fala/ a lingua da súa terra / non sabe o que ten de seu / nin é merecente dela".

Moito antes, máis de dous séculos, Frei Martín Sarmiento abogaba porque non houbese ningún funcionario, nin mestre, nin oficial de xustiza que non falase un bo galego.

A comezos do século XXI, cando Galicia ten goberno de seu, cando o idioma é recoñecido como propio, cando a administración galega ten transferidas a maior parte das funcións de goberno, os funcionarios teñen o dereito e o deber de coñecer o idioma galego. E parte final de toda oposición é un exame para o coñecemento da nosa lingua.

Diante deso, parece lóxica a postura inicial do goberno galego de que os exames para funcionarios estivesen redactados, única e exclusivamente, en idioma galego. Se os funcionarios resultantes teñen que coñecer o galego, poden comezar por demostralo lendo e interpretando as preguntas dos tests que servirán para xulga-la súa idoneidade.

Pero protestaron opositores e academias, e usouse como argumento o de que así ían ter ventaxa os que usan o galego como primeira lingua.

É como dicir que os ciclistas galegos teñen máis ventaxa na Volta Ciclista a España porque, como aquí hai moitas costas, están mellor preparados para pedalear costa arriba que os casteláns.

Mágoa dun país no que as academias privadas recurren a utilización do idioma propio nos exames, e onde se confeccionaron recursos-tipo para plantear na administración a posible irregularidade administrativa, coa conseguinte posibilidade de anulación de probas. Mágoa dun país que aínda non ten institucións fortes que saiban defender o que costou tantos séculos de sangue, suor e bágoas.

Compréndese a prudencia temerosa da Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia diante do problema administrativo planteado. Pero a comprensión desa prudencia danos tamén a medida do camiño que aínda nos falta por recorrer para que sexamos galegos no máis amplo senso da palabra.

¡Loubado sexa o Señor, e que coide de nós!.
Editorial
Editorial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES