Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Da crítica á polémica

jueves, 20 de noviembre de 2014
O termo “crítica” ten un campo semántico o suficientemente rico como para esixir un emprego coidadoso do mesmo. Non vou argallar na súa etimoloxía grega, porque todo o mundo sabe, máis ou menos, ó que estamos a referirnos; pero si facer algunhas precisións que puideran ser necesarias.

Cando se pretende facer unha “crítica positiva”, sobre todo na área da política, que é adonde a queremos levar, o crítico propón novas solucións a algún problema ou pretende apuntar certas correccións ás solucións dadas, e sobre todo con vistas ao ben común e a previr futuras consecuencias previsibles razoablemente.

Sen embargo, se a crítica é “negativa” devén destrutiva, atacando (e utilizo este xerundio con intención significativa especialmente política) máis á persoa que á súa obra, porque gravita sobre as súas atribucións, propiedades e capacidades. Non se repara en que, por exemplo, non é igual dicir “tu es un incompetente” que dicir “cometiches unha equivocación”. Non interesa analizar dunha maneira concreta, senón xeneralizar unha acusación.

No primeiro caso, a crítica dimana dun pensamento razoable, reflexivo e co propósito de resaltar defectos obxectivamente detectables, ou, tamén, contrastar interpretacións máis o menos operativas. A crítica social e política está así mesmo referida a principios ou esquemas conceptuais para analizar e explicar as estruturas sociais e o alcance das súas funcións.

Nestas últimas hai que ter en conta a crítica que soe cualificarse de “mundana”, que non por iso deixa de aportar ideas, aínda que naquilo que merece unha atención particularizada é na súa sensibilización para feitos e eventos que facilmente se escapan aos que rexen un país. A veces as críticas dos xornais poden incluírse aquí, se non son especializadas.

Dito isto, tal vez conviña diferenciar coidadosamente entre a crítica e a “polémica”, que máis ben é unha disputa ou controversia, moi frecuente na política, con intención de xerar tensións, espertando paixóns enfrontadas, mediante artimañas dialécticas encamiñadas a defender ou atacar unha determinada postura. O contido das polémicas adoita ser pobre e reiterativo, porque ven ser, na maioría dos casos, a canle de saída á falta de ideas, e nun ambiente de matiz gregario e sectario, arrinca entusiastas aplausos.

As tácticas e metodoloxías dos partidos políticos son un bo campo de ensaio permanente destes recursos, ós que dedican un tempo que sería moi necesario para artellar proxectos eficaces con vistas á solución dos problemas de toda clase que afectan ao pobo, que ten a sensación de que perden máis tempo en desacreditar con torpeza ós adversarios que en resolver problemas de inescusable urxencia. E isto é tan consubstancial á dinámica dos partidos que, aínda que se produzan cambios xeracionais na cúpula dos mesmos, non se apean do habitual: Entran xa cunha arrogancia manida dos vicios que prometen corrixir, só cambia a xesticulación ensaiada.

“Nihil novum sub sole”. Por suposto, non lles dixen nada que non souberan; pero en todo isto está inserido, en función subxacente, algo que non se percibe con tanta facilidade: A case imperceptible transfiguración do crítico positivo no polémico, confundindo deliberadamente os lindeiros dos espazos críticos - onde se forman xuízos analíticos acerca de feitos e eventos ben definidos e con intencións razoables – cos dos espazos polémicos, onde impera o pasional, irreflexivo e a crítica negativa. Aquela é un instrumento dialéctico coa pretensión epistemolóxica de desvelar a verdade na realidade que cada día nos sae ao paso; esta última é pezoñenta, porque fai que as persoas implicadas acaben robotizadas polos sentimentos.

Non hai que descartar, no obstante, que a aspiración a encontrarse co puramente crítico ou co puramente polémico raia o utópico, posto que na vida práctica impera unha certa interferencia. E non teño que poñerlles exemplos aos españois nestes nosos tempos, porque é evidente a fartura que nos empacha.

Pero o que non estou disposto a renunciar é a traerlles aquí o recordo de aquelas actitudes que se empeñaron en acalar co silencio, a maioría das veces, e coa estolidez, outras veces, a “crítica mundana” e algunha especializada, que o pobo facía a esas amalgamas CIU – PSOE e CIU – PP, e tamén co PNV, ocasionalmente, para acadar o poder do goberno central. Neste contexto, o mesmo señor Aznar falaba catalán en privado, ou algo así...!.

O pobo, na súa análise, xa non entendía moi ben como era posible que partidos vinculados ao nacionalismo, do que pouco a pouco ían emerxendo propostas claramente anticonstitucionais, cando non dun solapado apoio á violencia (non esquezan aquilo de D. Xabier Arzalluz: “Eles sacoden a nogueira e nosoutros collemos as noces”), chegaran a ter nas súas mans a solución dalgún problema de ámbito nacional e, nalgúns casos, con insistente incumprimento da lexislación estatal.

E se naquel entón se afogaban as críticas e se diluían as polémicas, hoxe en día, algúns afectados da opacidade política, queren semellar algún grao de sensatez para murchar os brotes nacionalistas, que eles mesmos alentaron, e acalar a mala conciencia, con peregrinas propostas dun FEDERALISMO que, ademais de carecer da garantía de ser aceptado polas autonomías, parece que non se ten en conta que antes de FEDERAR hai que SEPARAR e INDEPENDIZAR, para que os federados acepten libremente as condicións federativas previamente establecidas, so pena de construír outra argallada máis, nun país que xa ten abondo.

Por outra parte, como o actual Goberno Central, con tanto asesor e todo iso, non parece que teña as ideas moi claras tampouco, adopta a postura de non tocar nada, non sexa o diaño que se lle desfaga nas mans...!, cando pola súa condición de responsable directo da xestión gobernativa do Estado, e integrante dun partido que contribuíu a xerar os problemas, debería presentar algunha proposta.

Pois ben; aquí volvemos a telos, a ambos, encirrados nunha crítica, que lonxe de ser racional, máis ben parece que a fan de oído, como diría o filósofo xaponés Okakura Kazuko, camiño de convertela nunha polémica electoralista.

Por favor, non mareen máis a perdiz, póñanse de acordo, manteñan as actitudes coa firmeza que esixe a solución dos problemas, e...se queren votos, busquen asesores en Podemos!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES