Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Douradas cores de outono

martes, 18 de noviembre de 2014
Foi chegar o outono e a natureza toleou agasallando os ollos cunha colleita de cores, ceos pintados, soles e néboas onde só o feísmo urbanístico estraga as paisaxes, propiedade de todos.

O esplendoroso outono lugués xamais pisou un aula de arquitectura, nin estudou belas artes, nin decidiu políticas de ordenamento do territorio. O que xamais se lle ocurrirá é pintar as paisaxes coa brocha gorda do feísmo.
Nos piñeirais, tecidos de agullas, nas pradarías onde agroma a gloria do sol, na Carballeira de Fingoi, museo de escultura ao ar libre, crepita o lume das follas. E choven landras.

A tarde malgasta a man dar toda a paleta de cores mentres os bípedes humanos tentan cada día coa merda, co seu plástico estragar tanta beleza, tanta riqueza gratuíta. Nesta hora de soles dourados, descubrimos milagres como a escultura efémera, máis delicada que un móbil de Calder, dunha arañeira tecida con seda e cristais de orballo.

A vento, a chuvia que limpa e abrillanta, provoca a caída de follas verdes e marróns, ocres, amarelas, encarnadas que deixan a pegada no lenzo do chan. As landras amoréanse en graneiros agachados onde esquíos e pegas, pombos e corvos teñen a despensa para os tempos que van vir. Monet, Renoir, Gaugin, Cezanne, Degas… pintan no chan, nos troncos, nos buratos das ponlas cadros coas tonalidades e vibracións da luz sobre a natureza tinguíndoa dunha serena vitalidade.

Caladas e xenerosas, as árbores fannos o último agasallo antes de se adurmiñar entre as sabas esvaídas e friorentas, cando os ritmos da natureza acompásanse ao adagio do inverno.

Carballeiras e soutos son o froito dunha sabedoría antiga que plantaba árbores para os netos. E creaba xeografías para os contos de medo, para escoitar conversas do vento, para aspirar o arrecendo poderoso da natureza, para buscar os cogomelos, flores de outono onde se agachan os gnomos, para tecer a pel coas agullas do frío.

As árbores, o tesouro que Castelao soñaba para a Galicia, dannos todo pero non son os euros o agasallo máis valioso. As súas cores visten as paisaxes, ameazadas polo monocultivo depredador do eucalipto. Vellos carballos cos poderosos pés afirmados na terra contemplan aos fillos da follaxe, enfermos de cobiza, bobos efémeros sen a sabedoría de saber envellecer. As árbores terman da delicada trama da vida.

Asubía o vento e chove a Deus dar limpando a pel da terra. Mágoa que non limpe outras suciedades nunha sociedade paraliza por matóns e bandidos, pola corrupción que reborda das cloacas do poder e dos cartos.

E volve saír o sol dos outonos, de puro ouro e cores limpas. As cores da outonía luguesa son douradas e vanse apagando mentres a luz camiña tarde abaixo. E péchase sobre o pai Miño o telón da néboa.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES