Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O valor das enquisas

martes, 18 de noviembre de 2014
Compás social: O valor das enquisas


Proliferan as enquisas por todas partes. As oficiais do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) e as de empresas privadas. Preguntas sobre as máis diversas cuestións e sobre problemas específicos: sobre o paro, a corrupción, o terrorismo, o aborto, o comportamento dos políticos, as intencións de voto, e así un longo etcétera. Tamén abundan outras sondaxes sen pretensión de chamarse científicas, como as que fan algúns xornais, as televisións ou as plataformas de Internet a súa clientela. Tal saturación e variedade de interrogatorios, que valor teñen? Realmente, que miden? ¿Un estado de ánimo consolidado ou unha emoción momentánea? Unha opinión pública ou simplemente sementeira mediática?

En teoría, a resposta está clara en calquera manual de Socioloxía. Se unha enquisa non está feita conforme a unha técnica científica ben probada, pouco valor ten. Unha enquisa teoricamente perfecta é a que colle unha poboación ben delimitada e selecciona unha mostra aleatoria e proporcional de casos que sexan representativos do conxunto; mais cando se analizan factores ou variables máis específicas dese grupo de persoas, a representatividade xa vai minguando. Que descobre unha sondaxe ben feita? É unha fotografía fixa, unha "temperatura social" nun momento determinado que pode incubar unha determinada tendencia, ou non. Unha batería de preguntas ben feitas e relacionadas entre si pode dar pistas e pautas, mais non certezas.

Ós simulacros de enquisas nos medios de comunicación non se lles atribúe valor científico, mais poden poñer de manifesto a mentalidade dos televidentes dun canal de televisión ou dos lectores dun determinado xornal escrito. Xeralmente dáselles máis importancia da que teñen eses recontos dun "si ou non", feitos en tempo real. Eses datos crean identidades reais ou imaxinarias que poden ser acertadas ou converterse en simples tópicos. Nunha sociedade excesivamente ideoloxízada poden crear fronteiras afastadas da realidade.

Recentemente publicouse unha enquisa do CIS. Tódolos técnicos e tertulianos de radios e televisións déronlle un alto valor os seus resultados. Unha distinción sorprendeu a moitos profanos na materia: ¿que se entende por "voto manifestado" e por "voto estimado"? Os técnicos dinnos que o voto manifestado é a resposta directa ás preguntas que fai o entrevistador; mais esas respostas teñen só un valor relativo instantáneo, porque non teñen en conta outros factores nin o historial do cidadán entrevistado. Mentres que o voto estimado é unha elaboración dos técnicos tendo en conta as condicións persoais e o seu historial, por exemplo, como elector. A pesar de todas estas precaucións, temos a impresión de que as enquisas fallan máis que unha escopeta de feira. Quizais a causa desa frustración é que se espera máis das enquisas do que poden dar.

Persoalmente tiven un profesor de Socioloxía que dicía ós alumnos que as grandes enquisas son moi caras e que os seus resultados eran perfectamente predicibles cunha boa e continua observación. Mais desde entón avanzaron moito as técnicas das enquisas e non se pode ser tan categórico; mais cabe preguntar se en todo isto non hai algo de maxia ou incluso de superstición. As sondaxes e as estatísticas son os oráculos sagrados dos novos tempos.

Todo isto significa que as enquisas poden ser unha pequena lanterna na noite, mais sen interpretalas máis aló do que dan de si. Vai afundirse o PP? Vai remontar o PSOE? Vai arrasar Podemos? Van a bailar tódolos partidos unha nova YENKA? Sen dúbida. As enquisas poden axudarnos a descubrir un novo horizonte e insinuarnos o que hai detrás, pero non crear certezas. De aquí ás eleccións poden pasar moitas feitos e todos os cidadáns teremos que ponderalos. Hai unha impresión colectiva na maioría silenciosa de que, se non hai máis caras novas nin renovación xeracional no escenario político nin máis proxectos orixinais e viables, teremos moito máis do mesmo ou do peor.

As enquisas son só un instrumento válido, pero limitado. Teñen que evitar os excesos de cociñados de comenencia, de interpretacións case máxicas e de manipulacións a favor duns intereses que buscan o paradoxo de converter en real o que só é unha posibilidade. O desprestixio das enquisas pode superarse cunha correcta elaboración e unha axeitada interpretación.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES