Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O recurso do método

lunes, 17 de noviembre de 2014
É curiosa a repetición da historia nesta España. Con que perplexidade se ven as mesmas eivas nas mesmas situacións. Sinalemos unha soa: Se na I República o poder político repartíase de forma consecutiva polos partidos, nesta democracia temos que ver esa mesma repartición do usufruto do Estado.
Este recurso do método. O eterno retorno, a roda, o labirinto (máis que máxico, patético) nos ten acurralados aos cidadáns e isto merece algunha reflexión.

Por que en cada etapa histórica téñense que exacerbar as posicións?
É consecuencia a reacción visceral do pobo á cerrazón teimosa dos órganos do poder, do sistema? Nunca se cede nada das posicións iniciais?

Agora mesmo estamos a ver como a oligarquía aproveitou esta crise económica para incrementar, tanto o seu poder económico coma a súa capacidade de presión política. Tanto que, analizando algunhas actuacións do executivo, a súa presión parece ir máis lonxe do actuar dun simple lobby e incidir directamente nalgunhas decisións. Só con mirar o poder das empresas enerxéticas temos un botón desa capacidade, sen entrar en máis detalles.

É esta inquebrantable posición do poder o que leva a decisións viscerais por reacción?

Porque nas últimas votacións, os resultados déronse por reacción: Zapatero chegou ao poder por reacción ao atentado do 11 S, consecuente á obstinación de Aznar a integrar unha coalición militar co Reino Unido e EEUU. A vitoria de Rajoy tivo en maior medida un resultado favorecedor como consecuencia á política económica de Zapatero e a súa resistencia a recoñecer a crise.

Pero non debemos esquecer que o voto por reacción é un voto visceral e polo tanto non ponderado. Deste xeito, agora mesmo, as enquisas parecen dar un resultado das mesmas características por reacción, na que Podemos pode saír beneficiado.

Poderíamos dicir que a acción predetermina a reacción, son consecuencia e consecuente. O espello reflicte unha imaxe preexistente, a sombra precisa da luz.

Polo tanto o que xurda a emerxencia debe o seu ser e o seu nacer a unha saturación de situacións perversas que non son corrixidas a tempo. Saturación de anomalías que deixadas ao muxe, ao seu propio desenvolvemento por desidia ou interese, medran e devoran aos seus creadores e consentidores.

Posiblemente os partidos (xa clásicos no peor sentido do termo, posto que espero que non sirvan de imitación nunca xamais) que forman o duopolio do poder non se formulen as preguntas coas que buscar solucións aos problemas que eles crearon e, o peor, deixaron que alongáranse no tempo, tapándose os oídos, pechándose os ollos e, aínda peor, apertándose os orificios nasais para ignorar a podremia sobre a que pisan, fan pisar e que inunda á sociedade e contaminou a parte do aparato do Estado. Actitudes estas que demostran moitas cousas e non soamente a pouca ou nula intención de solucionar algo.
Pero claro, os sucesos unha vez acaecidos, como entes biolóxicos, teñen vida de seu e reprodúcense e desenvolven na súa dinámica e, ou se lles para ou se lles reconducen, rematan invadindo todas as zonas do hábitat onde naceron.

Esta forma de contemplar o tempo político como unidade bidimensional, en canto se entende como medida de acción versus reacción, leva consigo a súa propia limitación e o seu propio envolver nun espazo pechado.

A sociedade vive nun presente continuo, herdado dun pasado e proxectado a un futuro indeterminado. Podemos dicir que a sociedade é un circuíto pechado auto e retroalimentado e cando dentro deste circuíto pechado intervén un elemento exóxeno, o circuíto enteiro se desequilibra e ten que reorganizarse para equilibrar a súa entropía.

Nesta dimensión bipartidista, que vive como unidimensional, do actual espazo político, hai unha terceira medida, unha terceira dimensión deste tempo político; porque para que o espello reflicta unha imaxe, precisa desa imaxe: o terceiro en discordia. E isto inaugura un tempo distinto que precisa de medidas diferentes. Un tempo que aparece cando se intercalan propostas alén da mera realidade da acción cotiá de resolver os problemas habituais dunha sociedade sa, e é entón cando entra en escena o elemento exóxeno, elemento que o corpo san dunha sociedade politicamente sa debe rexeitar.

A corrupción, a decrepitude moral, a decadencia e a degradación consecuentes, son os causantes, o terceiro en discordia, os causantes do tempo novo que xorde. E esta terceira dimensión temporal aparece cando intervén esa excrecencia consecuente dunha situación pervertida pola falla de accións de corrección.

Porque corrupción é sempre degradación e vai moendo, moendo e na mesma moenda, nese lixar, non só vanse perdendo votos, se non que lima ao sistema ata o óso e é entón cando xurde a emerxencia.

Nas enquisas e tamén na adhesión dos ideólogos do sistema que ven como se vai perdendo a súa presenza na capa social que consideran correspóndelles, empezan a aparecer gretas e por reacción xorden editoriais nos xornais, algúns xa centenarios, que lanzan avisos sobre esa nova dimensión no tempo da política. Non obstante danse contra unha parede moi sólida, tan sólida como o son as certezas dos obcecados e aquí é onde aparece Mariano o Impertérrito que, aparentemente convencido das súas conviccións, nunca dá o seu brazo a torcer e móstrase inquebrantable nas súas opinións, aínda cando esas opinións e o seu facer tórzanse cando alguén superior o ordene (Abonda ver como modificou a constitución por mandato de Europa e como a pecha a cal e canto a outros asuntos que se lle demandan).

É curioso que tamén a dereita "de sempre" empeza a atacar ó seu representante no poder cando este representante pon en perigo, non o poder, que en definitiva, nunha lóxica do tempo político san, é circunstancial e se pode volver recuperar, senon cando ve perigar ao mesmo sentido do ser ideolóxico da dereita que por inacción ante estes corpos exóxenos que coa súa podremia ameaza con destruír as organizacións que os representan. E aquí inclúo tamén ao partido socialista.

Mesmo chego a percibir unha impresión de ver a un Luis XIV cando aparece o noso presidente, que me fai reflexionar de como pode reconducir esta ou calquera outra situación. Outra das eivas da nosa política: o cesarismo, manifestación dun sentido do poder monolítico e absolutista a que se esquece o pobo ata que o pobo estala.

O cal me leva ao principio deste artigo e que non é outro dicir que a aparición de Podemos non ten outra causa que a actitude do duopolio, do goberno e do seu presidente e que soamente eles son responsables de ter creado o seu propio Némesis. Eles son os pais de Pablo Iglesias e que a el e a eles deberemos o futuro inmediato que nos toca vivir.
Catoira Rey, Rafael
Catoira Rey, Rafael


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES