Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Decisións contextualizadas

viernes, 14 de noviembre de 2014
Hoxe en día contamos con tanta información en todos os campos do saber e do actuar, que é imposible procesala toda, aínda que sexa nunha leira ben definida.
Polo que se refire á política, parece que estamos condenados a articular un certo determinismo cunha non desprezable necesidade de tomar moi en conta o imprevisible.

Hai unha teoría que aborda a interacción entre os xenes e a política. Esta, din os patrocinadores dela, pode introducir importantes cambios xenéticos na poboación, cos que xestionarán as futuras xeracións; pero tamén os xenes parece que dirixen a ideoloxía política. En todo caso, se damos entrada aquí ao biolóxico estamos abocados irremisiblemente á introdución de matices deterministas nas condutas.

Permítanme documentar un pouco esta liña teórica. Segundo afirman un grupo de investigadores da Universidade de Pensilvania (EE.UU), dirixidos por Peter Hatemi, profesor asociado de ciencias políticas, microbioloxía e bioquímica, as persoas que estiveron nun ambiente de purgas, como o caso da China comunista, ou o Holocausto nazi, foron vítimas dunha diversidade xenética.
E así mesmo as que nacen en ambientes agresivos parece que xeran fillos máis propensos á violencia. Se isto ocorre desta maneira, estaríamos no caso de poder dar forma a políticas que favorezan a nosa evolución futura: Podemos cambiar a orientación ideolóxica das xeracións futuras, dende as ensinanzas. Tal vez non sexa difícil encontrar algo así no noso país.

Certamente, non estamos no caso de algo moi recente, xa que na década de 1.970 empezaron os traballos para estudar e comprender a interacción xenes/política, mediante o exame das conviccións e comportamentos políticos.
En todo caso, os avances destes investigadores deron o seu froito, porque chegaron a identificar os xenes que, segundo eles, inflúen máis nas nosas ideas políticas que o mesmo ambiente familiar, aínda que non desprezan o influxo deste.

Os xenes implicados son o MAOA e o 5HTT, que están relacionados coa serotonina do cerebro, un neurotransmisor que regula as interaccións sociais. Neste campo traballou o mencionado profesor Hatemi en compañía de Rose McDermott, profesor de ciencias políticas, e ambos están de acordo en que antes non se estaban facendo os estudos ben, porque non se utilizaban os xemelgos idénticos e fraternos, que comparten todos os seus xenes, para así poder comparar as respostas a diferentes cuestións políticas.

Como dato curioso, pénsase que a ideoloxía liberal SOBRE a conservadora está influenciada pola xenética, mentres que a identificación cun partido o está pola familia. A este respecto, un profesor de xenética médica e ciencias políticas da Universidade de California, San Diego, escribe:
“As preguntas para identificar quen é liberal e quen é conservador, como os puntos de vista sobre o aborto e a pena de morte, están fortemente influenciados pola xenética. Estas son actitudes sobre a reprodución e a supervivencia”. (Enlace: http://www.mediciencia.com/tu-ideologia-política-la-deciden-tus-genes/).

Por outra parte, é mester tamén non esquecer nesta temática a “teoría dos sistemas caóticos”. A ciencia clásica establecía que se nun sistema podemos – nun instante – determinar un dos seus estados e coñecer a lei que rexe a súa evolución, podemos predicir o seu comportamento. Pero isto non é posible nos sistemas sociais, porque, aínda que os sistemas caóticos son deterministas, descoñecemos as leis que os rexen, e isto fai que as previsións non ofrezan garantías abondo.

Os sistemas complexos, como a mesma sociedade, fan borrosa a comprensión do futuro, e moito máis cando un sistema ESTÁ A EXPENSAS DUNHA PERTURBACIÓN, por insignificante que sexa, xa que se pode producir o que J. Gleick explica na súa obra, titulada “Caos: La creación de una ciencia”, Seix Barral, Barcelona, 1.988.

Este autor fálanos do que chama “efecto mariposa” (en galego, “efecto bolboreta”), que enuncia así: “Se hoxe se axita o aire, batendo as alas unha bolboreta, en Pekin, se pode modificar o sistema climático en Nova York no mes que ven”. É dicir, pequenas perturbacións poden producir considerables efectos imprevisibles nun sistema.

En España, J. Ibáñez, no libro titulado “La contracorriente”, Fundamentos, Madrid, 1.997, tamén nos ofrece un bo exemplo que explica a valoración das enquisas electorais, nesta liña, e establece os límites de garantía das mesmas.
Nesta panorámica teórica que nos acompaña, penso que pode encontrarse algunha idea aproveitable para xulgar a barafunda na que estamos metidos. Non obstante, non pensen que eu me adxudico algunha competencia para facelo; pero as argumentacións que se esgrimen en favor das súas respectivas teses por persoeiros tidos por moi respectables, abren o camiño da opinión ás medianías, incluso baixas. Este pode ser o meu caso.

Na miña modesta opinión, a cousa parece bastante sinxela, se non a complicamos. Non vou enrodelalos. Penso que todo se reduce a que algúns presidentes do goberno de España foron permitindo, amén de outras moitas cousas, que os gobernos cataláns fixeran da súa saia un manto e utilizaran a teoría da eficacia dos cambios xenéticos para preparar ao seu gusto as novas xeracións.

Parto de que, obcecados polo poder que lles daba a alianza con CIU, nunca chegaron a entender o alcance da soterrada pretensión desa autonomía, e se o sabían, puxeron a soberanía nacional ao servizo dos seus respectivos partidos, sen sospeitar que os sistemas sociais son complexos, e non se pode xogar con eles.

Agora algúns dinnos que os que defenden a legalidade democrática son de extrema dereita, porque aquí hai que APARTAR ós Tribunais de Xustiza e dirimir as diferenzas politicamente. Si, política e democraticamente. ¿Queren explicarme como poden conxugar política e democracia fora dun marco xurídico ou, polo menos, con pretensión de afectalo en algo tan substancial como é a Constitución, sen antes restablecer a normalidade?. Creo que non estaría de máis advertirse do “efecto balbordo”, ... por si acaso!.

Outros pensan que esta clase de patoloxías non necesitan un tratamento específico, ignorando, sen dúbida, que están en presenza dun sistema caótico, onde reina, por excelencia, a imprevisibilidade político-social; e non se decatan de que deixaron crear un problema que hai que resolver, e que é unha incompetencia derivalo a outros servizos nacionais ou poñelo en mans alleas ás verdadeiramente autorizadas, e non me vale de moito o recurso á petición de solucións os que non teñen atribucións gobernativas, senón propostas de corrección en función opositiva. Hai que saír da indolencia máis ou menos calculada...!.

E xa para terminar, aquí na miña terra de Galicia, adoitamos dicir que o can máis ladrador non é o máis roedor. Consecuente con isto, penso que as actitudes arrogantes, as infantís chulerías, os poses de circo, a terxiversación e o baleiro da semántica correcta e contextual, evidenciando intencións avesas, é a negación propia dos recursos diplomáticos que deben posuír os homes de estado para abrir portas, en calquera lingua (pero tamén no castelán): Sen apearse das chulerías non se quebran a vontades, provócase a teimosía e a epifanía da irreflexión.

Non obstante, e a vista de todo isto, parece pertinente atender como unha esixencia, intelixente e racionalmente inevitable, tomar decisións e ofrecer solucións; e, para reducir erros, parar mentes en que xa non serven os formularios do pasado para substanciar os expedientes do presente, deixando en xerga os do futuro, que tamén contan, e moito, para as novas xeracións. Porque os eventos históricos, entendidos como acontecementos que se insiren nun determinado contexto histótico-social, demandan solucións imaxinativas e contextualizadas: É a única resposta posible a perda das ocasións.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES