Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conversa entre un carballo autóctono e un piñeiro de... ningures (I)

jueves, 13 de noviembre de 2014
Hai algúns días escribín sobre unha exposición moi orixinal que permanecerá instalada ata remates deste mes no Museo do Castro de Viladonga.
Permítome recordar que se trata da terceira parte dunha mostra sobre árbores senlleiras da Terra Chá realizada por Ricardo Polín coa cooperación do IES Basanta Silva de Vilalba, do IESCHA, (Instituto de Estudos Cahiregos), e da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación Provincial.

Esta terceira parte do conxunto amósanos paneis e ficha informativas de arredor de vinte árbores que mereceron que alguén escribise sobre elas. As outras dúas partes amosaránno outras árbores chairegas significativas pola súa condición de históricas unhas e de monmentais outras.

Teño entendido qu non tardará en abrirse a exposición completa no Auditorio de Vilalba e que está moi próximo a impimirse un catálogo de toda a obra que resulta monumental.

Fanme o agasallo de que nese catálogo, a xeito de cancela, figure un escrito meu que adiantarei en dous capítulos en Galicia Dixital.
Pero que conste que o importante non é a cancela, senón o prado de regadío a que dá entrada.

Quixera que ninguén vexa segundas intención, que non hai, na coincidencia de apelidos herdados, coma “carballos” ou “piñeiros”, coas dúas árbores que dialogan nesta ficción literaria.
------------------------------

Era un día de mediados dos mes da sega do ano mil novecentos oitenta e cinco e serían arredor das tres da tarde, porque aínda non había moito que acabáramos de xantar. Facía un sol de inxustiza para quen tivese que traballar por fóra. Polo lado do nacente erguíanse castelos de nuboeiros presaxio de treboada. Era un día pesado, plúmbeo, afogadizo, un día deses propicios para que en persoas afectadas por depresións medren ideas mesmo autodestrucctivas, porque invitan a remoer obsesión de que é máis custoso vivir ca morrer.

Eu, convalecente dun accidente de circulación que me esmendrellara unha cadeira, funme refuxiar á sombra do carballo da casa, porque a sombra dos carballos é húmida, morna e refrescante en días de chorrazo. Funme sentando no chan apoiándome nas mans como puiden e dinme repanchigado contra el, e ó pouco xa non podía co sono que me calcaba con forza as pálpebras. Así me fun quedando ensumido nunha especie de trasgolo soporífero que non me deixaba ver, pero tampouco me impedía escoitar. E escoitei:

-Mira que tés manía de arrimarte contra min. Nin que tivese celos incluso do aire que respiro. Non ves que me atafegas? Aparta!
Era un piñeiro o que falaba dirixíndose ao carballo. Este respondeulle:
-Xa estamos outra vez! Se alguén tivese que apartar ese serías ti; porque cando ti apareciches xa eu levaba anos e anos neste mesmo lugar.

Seguiu moi resolto o piñeiro:
-Tés razón que ti xa hai tempo que vas vello, e non obstante, pouco deches medrado en comparanza dos anos que debes ter. Ás horas de solpor, cando nos dá o sol por detrás a túa sombra non é nin a metade de longa que a miña. E sobre todo, a miña sombra é fermosa, esvelta, non retorta e compacta, e non coma a túa, medio entangarañada e a remendos.

Sen perder o sosego volveu a falar o carballo:
-Non confundas a fermosura coa beleza. A fermosura, conforme a cánones hedonistas, acostuma a pasar cos anos, menters que a beleza, cos anos, madura. Tampouco debes confundir a cantidade coa calidade. A calidade nace de dentro dun mesmo, en cambio a cantidade pode ser algo externo, un postizo e nada máis. Compara ti mesmo: Un quilo de folla arromba moito máis ca un quilo de landras. Quen tén máis calidade?

Houbo un pequeno silencio despois do que seguiu o Piñeiro:
-Se queres que nos midamos pola calidade, virache ben saber que eu ostento o título de piñeiro “insignis” ou de Monterrei.
-Ese título, -volveu a replicar o carballo-, só che serve para compararte con outros piñeiros. Non comigo, xa que pertencemos a xéneros e especies distintas. Non che nego que sexas insigne entre os piñeiros; pero, por que non dicilo?, eu prefiro os que aquí chamamos piñeiros do país, eses que se abrazan ás rochas dos acantilados tan rexamente que resisten inmutables as acometidas do bravío Cantábrico. Agora que iso dos títulos e dos nomes son atributos moi confusos e relativos. Sempre son outros os que nolos dan ou os que nolos poñen. Non nego que para mereceres ese apelativo de insigne visen en ti propiedades que lles fixesen pensar que o merecías dentro da túa especie, pero non entre todas as árbores.

Fronte ao repouso do carballo, respondeu o piñeiro alporizado:
-Pois claro que o merecía! Eses títulos non se regalan!
Sen alporizamentos, contestou o carballo en son máis retranqueiro:
-Regalarse non; pero vender, si que se venden. Os títulos, especialmente os de nobrezas inventadas, préstanse para moitas trangalladas e intercambio de prebendas. E verás, chegados a este punto, tamén che vou dicir algo do que dixeron de nós e do que nos deron aos carballos. Déronnos veneración coma a obxectos ou lugares sagrados. A mesma Biblia fala diso referíndose ao carballo de Mambré, pero ademais, mesmo nos deron culto. En tempos pasados tiveron aos carballos como símbolos de vigor fertilizante e como vínculo coa divindade.

Nunca pensaba dicircho se non foses ti quen sacou a conversación, pero, xa que logo, non esquezas que os antigos moradores desta terra e doutras semellantes a esta, terras de longas invernías, rexas, refeitas e curtidas polas xeadas o vento e os penedos, consideráronnos como fillos de Thor, o deus nórdico do trono, e creron que a nosa cerna é o ventre matriarcal do que nacen os lóstregos e as treboadas.

Ata aquí, logo, a primeira parte desta conversa. Se Deus quere, seguiremos na próxima entrega. Ata daquela, saúde e sorte.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES