Marcial González Vigo deixounos o 8 de outubro de 2013, despois dunha vida intensa, dedicada á súa familia, aos seus amigos e á súa vocación radiofónica. E os seus amigos máis directos celebramos unha homenaxe póstuma, e gardamos as súas cinzas na parte nova do cemiterio de San Froilán na que reina unha paz e soedade acorde coa memoria que gardamos de Marcial.
Ocorréusenos colocar unha pequena placa de bronce para lembralo, pero o material coidamos- máis ca a súa significación chamou a atención dalgún desaprensivo, e neste momento a súa tumba resulta anónima, o que supoño que a Marcial tampouco lle importaría demasiado porque el tamén sabía que o seu reino o seu triunfo- non era deste mundo, aínda que profesionalmente foi un triunfador, un xigante; e reinou e segue reinando nos corazóns de todos os que o quixemos.
O día de Tódolos Santos (tamén San Marcial, que se non houbese ese santo, nós tiñamos candidato) fun con parte da miña familia ao cemiterio, e as dúas mellizas nosas depositaron cadansúa rosa diante da tumba de Marcial, empeñadas en que non eran rosas porque unha era vermella e outra branca.

Marcial tiña querencia especial por estas dúas nenas, por elas e pola súa circunstancia, e por iso saqueilles unha foto que, ao publicala, queda a disposición del en Opinión, de Galicia Digital, unha sección tamén para el benquerida.
José Martí cultivaba rosas para os amigos sinceros de man franca. Ningún amigo maís sincero e mellor ca Marcial. Ningunha lembranza mellor para el ca unha fror. Dúas mellor ca unha. E se, coma neste caso, son catro, sirvan de testemuña da lembranza inmorrente que Marcial José González Vigo deixou en todos nós.